Proxecto Cárecere
O Goberno local conta xa co proxecto de rehabilitación do antigo cárcere
O concelleiro de Rexeneración Urbana indicou que, nunha primeira fase, acometeranse obras de recuperación da cuberta na súa integridade, así como se habilitará a zona de acceso e de entrada co vestíbulo, un dos patios exteriores e dúas salas máis.
O Goberno local da Coruña ten xa listo o proxecto de rehabilitación esencial, conservación e mantemento do cárcere provincial, de xeito que posibilite ir abrindo zonas ao uso público, participativo e cidadán. Segundo explicou este xoves en rolda de prensa o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, o proxecto municipal (nunha primeira fase) pasa por acometer a rehabilitación da cuberta do edificio da súa totalidade, ademais de habilitar a zona de acceso e entrada ao mesmo, o vestíbulo, un dos patios exteriores ao que se accede polo anterior, e dúas salas máis. "Logo, a medida que se vaian tendo máis recursos, irase actuando en máis áreas", comentou o edil, que salientou a importancia de acometer, de xeito inicial, a impermeabilización da cuberta "de cara ao seu mantemento, limpeza e adecuación integral, para evitar a entrada de augas e, polo tanto, o deterioro do edificio". O orzamento previsto para estas actuacións iniciais é de 300.000 euros, en base ao convenio de cesión de uso acadado polo Concello e a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP), dependente do Ministerio de Interior. "Adaptamos o noso proxecto a un presuposto de 240.000 euros, de xeito que nos quede un remanente para levar a cabo outro tipo de actuacións, que poden ser necesarias ao longo dos dous anos estipulados no convenio", comentou.
Deste modo, cun orzamento base de licitación de 240.000 euros, as obras serán licitadas baixo un procedemento negociado, o que axilizará o inicio das mesmas. "Temos os deberes feitos. O proxecto está xa elaborado e foi analizado polos servizos municipais correspondentes. O proxecto inclúe tamén a habilitación eléctrica, así como a habilitación dos aseos. Tan só resta que sexa remitido á delegación de Patrimonio, que entendemos que non porá ningún reparo, xa que son obras de mantemento e acondicionamento, nas que non abordarmos ningunha modificación estrutural", comentou Varela, que engadiu que, "por suposto, o Concello debe adaptarse ao calendario de aprobación do Orzamento municipal".
Actividades
"Tendo en conta os posibles prazos de aprobación definitiva do Orzamentos, así como o procedemento de licitación das obras, e a duración das mesmas, estimada en 12 semanas, esta primeira fase de rehabilitación estaría rematada no mes de setembro", explicou Varela, que especificou: "Non obstante, isto non significa que non se vaia producir ningunha actividade até ese mes, xa que estamos estudando as posibilidades de entrada ao edificio, dentro das conversas que mantemos co colectivo Proxecto Cárcere". "En setembro existirán xa, en base a este proxecto, zonas acondicionadas, aínda que antes a nosa intención é que se poidan levar a cabo actividades concretas", insistiu.
Precisamente é co colectivo cidadán Proxecto Cárcere co que o Goberno local, debido a súa implicación no proceso relativo á transferencia do penal provincial, está a tratar o tema da xestión do edificio. "Imos analizar a proposta que nos veñen de facer sobre a xestión do cárcere, así como facerlles as nosas achegas e proposicións posteriormente", dixo Varela, que fixo fincapé en dous "requisitos básicos" marcados polo Concello. "O primeiro é que se cumpran todas as condicións de seguridade básicas para todos e todas as usuarias, e o segundo é que se facilite que calquera persoa ou entidade que queira acceder ao cárcere poida facelo, independentemente de que estea ou non adherido a este colectivo", engadiu.
"Cremos que as intervencións que temos proxectadas deixan ao edificio preparado para poder acoller de forma inicial eventos sociocomunitarios e culturais, que é o previsto no convenio", explicou. "Estamos facendo todo o posible para que as actividades no edificio comecen canto antes, pero en canto ao seu uso, como sempre indicamos, a nosa intención é que se defina coa cidadanía, sempre baixo a premisa de desenvolver actividades sociocomunitarias e culturais. Dende logo caben moitos eventos distintos, e por iso, nesta primeira fase optamos por abrir espazos heteroxéneos, un máis pequenos, outros máis grandes, uns cubertos e outros abertos. O que queremos é que este espazo teña a maior vida posible", manifestou.