Ofimático

O goberno local “dá un novo paso para converter o Ofimático nun barrio máis da cidade”

O goberno local “dá un novo paso para converter o Ofimático nun barrio máis da cidade” co proxecto das obras de urbanización que restan na parte residencial da marxe esquerda de Lavedra. Cun orzamento de case 14 millóns de euros e un período de execución de 18 meses, abrangue a construción das conexións entre o Ofimático e Matogrande, as infraestruturas de contención coa vía férrea de ADIF, o remate dos viarios que quedan por acometer dentro do polígono, a rede de carril bici e unha praza central para o goce da veciñanza

O goberno local “dá un novo paso para converter o Ofimático nun barrio máis da cidade”
23-10-18 Foto 2 Xiao Varela
Xiao Varela

O goberno local da Coruña segue a avanzar no seu obxectivo de transformar o Ofimático nun barrio máis da cidade. Esta mañá, en rolda de prensa, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, presentou o proxecto das obras de urbanización que restan por acometer no polígono, concretamente na parte residencial da marxe esquerda de Alfonso Molina. “A recepción das obras da separata, nas últimas semanas, dá a posibilidade de que, se así se solicita, o Concello poida outorgar licenzas de primeira de ocupación ao 95% das parcelas do ámbito no momento no que estas acaden o necesario subministro eléctrico. Non obstante, no que se considera a zona residencial do Ofimático na marxe esquerda de Lavedra, resta aínda parte da urbanización por rematar, do mesmo xeito que se teñen que acometer outras actuacións relacionadas coas dotacións neste ámbito, como é o caso das zonas verdes ou os espazos libres. Este proxecto servirá para que todas as parcelas da zona residencial da marxe esquerda do polígono 1 do Ofimático poidan acadar a condición de soar”, explicou o responsable municipal, quen indicou que as actuacións comprendidas neste proxecto exclúen a zona que comprende o polígono 2, do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), así como os terreos da marxe esquerda de Alfonso Molina, no núcleo de San Vicente de Elviña. Cun orzamento de case 14 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses, antes de presentalo de forma pública ante a prensa, o edil trasladou as novidades do proxecto aos grandes propietarios do solo: promotores e Xunta de Galicia. “En días pasados o Concello comentou tamén esta actuación coas cooperativas”, apuntou. “A día de hoxe, todas as partes referendaron a folla de ruta proposta para continuar coa tramitación do proxecto”, evidenciou.

“O proxecto que hoxe presentamos comprende distintas actuacións como a execución das estruturas de contacto entre Matogrande e o Ofimático, é dicir, as infraestruturas de contención contra a vía férrea que separa estes dous ámbitos, así como os viarios de conexión entre ambos barrios. Do mesmo xeito, o proxecto tamén abrangue o remate dos viarios que restan por acometer dentro do interior do polígono, o que posibilitará que todas as parcelas da marxe esquerda consigan xa a condición de soar”, explicou o responsable municipal, quen resaltou que entre as obras previstas salienta tamén a urbanización da que será a praza principal do barrio.

“A nosa pretensión é dotala de arborado, vexetación, mobiliario, xogos infantís e fontes. En resumo, que quede completamente equipada”, apuntou o concelleiro, que indicou que a praza contará con tres zonas diferenciadas unha vez se leve a cabo o proxecto presentado. “Unha primeira, máis branda, que terá céspede e arborado. Unha segunda, de carácter intermedio, que contará cunha parte de explanada e que, fundamentalmente, servirá para celebrar eventos, así como unha terceira zona, máis soleada, que contará cunha ampla área de xogos, na liña das xa acometidas este mandado na praza de San Pablo ou na Tolerancia, con amplitude de espazos e unha oferta para crianzas de todas as idades”, relatou Varela, quen salientou, ademais, que o proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola, entre o espazo 2 que dotará á praza dun espazo cuberto. O proxecto inclúe, do mesmo xeito, a execución da rede de carril bici no ámbito.

Case 2.000 novas árbores

Ao fío, o titular de Rexeneración Urbana puxo en valor o feito de que “este proxecto derivará, ademais, na plantación de preto de 2.000 árbores no polígono do Ofimático”, comentou, algo que favorece non só a súa conversión nun barrio máis da cidade, senón que entronca co obxectivo do goberno local de fomentar a naturalización da cidade. “Estas actuacións derivarán en que o Ofimático conte con 50.000 metros cadrados de solo permeable, de céspede e zonas arbustivas”, destacou. O concelleiro fixo notar que “a pesar de que as actuacións no ámbito residencial serán moi visibles e notorias, a metade do orzamento deste proxecto irá destinado, directamente, as obras nos viarios, así como as infraestruturas de contención contra o polígono de ADIF”.

O concelleiro salientou que, a pesar de que o proxecto xa está rematado, “aínda restan unha serie de trámites que non dependen directamente do Concello para poder acometer o procedemento de licitación”. “Precisamos de distintos informes sectoriais de administracións que non son a local: Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, Fomento ou a Axencia Estatal de Servidumes Aeronáuticas”, relatou o edil. “Unha vez que contemos cos informes sectoriais favorables, entre os que tamén se atopan os das empresas subministradoras, debemos levar o asunto a Xunta de goberno local, así como abordar o proceso de exposición pública, resolver as alegacións se existisen e, por último, abordar o procedemento de licitación”, enumerou.

O goberno local “dá un novo paso para converter o Ofimático nun barrio máis da cidade”