Marea Atlántica | nota de prensa

O goberno local evita apoiar no Pleno as propostas de mínimos da Marea Atlántica para abrir unha negociación orzamentaria

A alcaldesa non explica por que impediu que o Pleno debatese unha moratoria dun ano á autorización de novos pisos turísticos. Preguntámonos canto teñen que subir os prezos da vivenda para que este goberno cumpra o acordado e faga algo
O goberno local evita apoiar no Pleno as propostas de mínimos da Marea Atlántica para abrir unha negociación orzamentaria
Iago Martínez
Iago Martínez

O PSOE vota en contra da proposta para acadar un acordo xusto para a cesión ao Concello do antigo cárcere, aprobada por todos os grupos da oposición 

O primeiro Pleno ordinario de 2023, celebrado hoxe no pazo de María Pita, contou cun único asunto executivo trasladado polo goberno local, a legalización dun esqueleto de edificio no barrio dos Rosais. Non hai novos orzamentos e non hai vontade por parte do equipo de Inés Rey para negociar. Quedou claro cando o grupo do PSOE evitou apoiar as propostas da Marea Atlántica para iniciar conversas sobre o proxecto orzamentario de 2023. Dez medidas que xa puxemos sobre a mesa a mediados de decembro para iniciar unha negociación orzamentaria, e que recuperamos de novo a este Pleno, como emenda a unha moción do Partido Popular. 

“Mentres BNG e PP renuncian a esixir que o goberno cumpra a súa obriga de presentar un proxecto orzamentario, a Marea Atlántica pon condicións concretas para comezar a negociar e dar o debate das contas de 2023”, explicou Iago Martínez, vicevoceiro do noso grupo. Son medidas sinxelas e urxentes, que se poden implementar con rapidez e que responden ás necesidades da veciñanza. Pero o goberno local abstívose na votación, evitando comprometerse. Dado o historial de incumprimento de acordos do equipo de Inés Rey, é un xesto preocupante. 

Unha destas condicións, de feito, foi rexeitada dúas veces: a regulación dos pisos turísticos. A alcaldesa deixou fóra do Pleno a proposición executiva presentada por iniciativa da Marea Atlántica para establecer unha moratoria dun ano e comezar a regulación do sector. Cando a nosa voceira municipal, María García, preguntoulle a Inés Rey polos motivos, a rexedora só respondeu que era a súa potestade facelo. 

“Coñecemos a súa potestade, alcaldesa, e tamén coñecemos que regular os pisos turísticos é un acordo asinado coa Marea Atlántica en decembro de 2021 e que hoxe é aínda máis urxente que hai un ano”, explicou García. E aclarou rotundamente que “por moito que repitan que un Concello non pode limitar as vivendas turísticas é mentira. Ben preto temos o caso de Santiago, onde un alcalde do PSOE está a poñerlles freo a través do plan urbanístico, e co aval de numerosas sentenzas xudiciais”. 

Deste xeito, Inés Rey incumpre un acordo e pechar os ollos ante o problema da vivenda e o acceso ao alugueiro, e ante os datos alarmantes que amosan que A Coruña xa é a cidade galega máis cara para vivir en alugueiro, algo directamente relacionado con que os pisos turísticos se teñan duplicado desde 2020. Se buscas casa, atopas 700 pisos turísticos fronte a 500 vivendas en alugueiro para vivir. 

Na súa quenda, o vicevoceiro do noso grupo, Iago Martínez, preguntou “por que o goberno municipal e o Partido Socialista seguen alleos á problemática do acceso á vivenda e do alugueiro? Canto máis teñen que subir os prezos para que este goberno decida facer algo?” 

Alberto Lema
Alberto Lema

O de faltar á palabra dada, con todo, parece ser un signo deste goberno local que, como tamén puxo de manifesto o concelleiro Alberto Lema durante o Pleno, alcanza ao seu propio programa electoral, “que visto o seu baixísimo grao de cumprimento, semella máis un proxecto artístico que unha proposta política real. Contiña 100 propostas, e non ten cumpridas nin 20”. 

Un recado da candidata Inés Rey á alcaldesa Inés Rey 

Martínez lembrou que no ano 2019, cando Xulio Ferreiro xa presentara a súa proposta de Orzamentos e quixo negociala co PSOE, a daquela candidata Inés Rey considerou que a súa actitude era “infantil, pueril e irresponsable” por non ter aprobado as contas e un modificativo en data. “Que opina agora a alcaldesa Inés Rey, que o ten todo de cara para negociar uns orzamentos, e teima en ignorar as propostas da Marea Atlántica?” 

Analizou, tamén, o problema de que o único asunto de goberno neste primeiro pleno de 2023 foi a legalización dun esqueleto dun edificio nos Rosais. Un edificio que superaba a edificabilidade máxima permitida no PXOM de 2013 e que agora inicia o camiño para regularizarse: “Abstémonos, porque é mellor ter un edificio de vivenda que unha estrutura inútil ocupando o solo, pero non podemos compartir ao 100% as solucións concretas que se empregan para axustar o edificio á legalidade”. 

O goberno abdica da súa responsabilidade no antigo cárcere 

O Pleno tamén volveu debater o futuro do cárcere da Torre, con tres mocións presentadas pola Marea Atlántica, o BNG e o PP, que se aprobaron de forma conxunta cunha transacción: tras o mal acordo que presentou o goberno local o 28 de decembro, instámolo a seguir negociando co Estado unha cesión máis xusta. Pero o Partido Socialista votou en contra e renunciou á súa responsabilidade de defender o interese xeral. 

O voceiro do goberno, José Manuel Lage, teimou en repetir unha mentira: non hai ningunha sentenza xudicial que obrigue a pagar 2,8 millóns polo edificio. Esta cifra é so un mal pacto ao que o equipo de Inés Rey teima en aferrarse, pese a que tamén exoneraba ao Estado da súa responsabilidade en converter a antiga prisión nunha ruína cuxa rehabilitación custará uns trinta millóns. 

“Soria, Granada, Reus, Cádiz… son concellos aos que o Estado lle cedeu de balde unha antiga prisión que deixou de ter uso. Por que alí é de balde e na Coruña hai que pagar? Porque aquí tivemos un alcalde chamado Francisco Vázquez que asinou un convenio sen competencias e sen orzamentos, que obriga a pagar 1,1 millóns de euros. Nada máis”, aclarou Iago Martínez. 

María García
María García

Aprobadas todas as mocións da Marea Atlántica 

A maioría da Corporación deulle tamén o apoio ás outras dúas iniciativas presentadas pola Marea Atlántica, comezando pola iniciativa que trasladamos en nome da Asociación Veciñal de Oza, A Gaiteira e os Catros contra a instalación dunha planta de tratamento de residuos oleosos no peirao de Oza, autorizada pola Xunta. Foi aprobada co voto a favor de todos os grupos agás o PP, e cunha emenda de adición do PSOE, apelando á Autoridade Portuaria. 

“Hai mellores lugares para unha actividade altamente contaminante que a carón dunha praia e dun banco marisqueiro de alta calidade. No pasado mandato o goberno de Xulio Ferreiro presentou alegacións que melloraron este proxecto, garantindo que se conecte a rede de saneamento e depuración, pero a ubicación aceptada pola Xunta é insostible. O goberno local ten que presentar un recurso de alzada", resumiu María García, ex concelleira de Medio Ambiente no pasado mandato. Por desgraza, non pode situarse en Punta Langosteira, xa que incriblemente, e malia albergar actividades industriais, o porto exterior non conta con rede de saneamento. 

Tamén resultou aprobada, por unanimidade, a nosa moción con propostas para a Agra do Orzán, recollidas tras falar con diversos colectivos do barrio: reapertura do parque do Observatorio, protección das ecohortas, solución accesible para evitar as escaleiras do Camiño do Pinar... Foi aprobada, por desgraza, cunha emenda introducida por PP e PSOE, que fala de mover de lugar as hortas urbanas, de costas á veciñanza. 

“A Agra é un barrio cunha densidade de poboación altísima, das maiores de Europa, e na que a carencia de espazo público aberto é mínima: un metro cadrado para cada tres habitantes”, explica María García. E advirte de que o desenvolvemento urbanístico previsto en Visma, con 4.000 vivendas e ningún respecto pola contorna, non mellorará a situación, leva por diante patrimonio coma a Viaxe de Visma e a arqueta dos Frades, e non respecta as ecohortas do barrio. Instamos ao goberno local a recapacitar. 

Silvia Cameán
Silvia Cameán

A violencia machista, un problema estrutural 

Ao comezo deste Pleno, ademais, gardáronse doce minutos de silencio pola brutal cifra de doce asasinatos machistas ocorridos en España no último mes, Unha cifra que, con todo, é só a punta do iceberg da violencias machistas: a violencia simbólica, económica, institucional, psicolóxica, obstétrica, etc. Son un problema estrutural que afecta a toda a sociedade, e que toma diversas formas. 

“Para combatelas é preciso actuar en todos os ámbitos, con máis recursos en todas as administracións, traballando para previr, non só para castigar, pois as fórmulas punitivas non son un verdadeiro remedio, A mellor seguridade é unha abordaxe integral da violencia de xénero”, segundo declarou a concelleira Silvia Cameán.

O goberno local evita apoiar no Pleno as propostas de mínimos da Marea Atlántica para abrir unha negociación orzamentaria