"Unhas contas de impulso á cidade que poñen de relevo que un Concello saneado ten máis capacidade de investimento"

O goberno local presenta o Orzamento da Coruña para 2018

As contas municipais repártense en oito grandes eixos: combate contra a desigualdade, coidado do espazo público, aposta pola rede de equipamentos públicos, fomento do emprego e promoción económica, mobilidade sostible, culturas e deporte, participación e mocidade

O goberno local presenta o Orzamento da Coruña para 2018
Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña

Concello da Coruña | 21/12/2017

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá o proxecto de Orzamentos municipais para 2018, que mañá será aprobado pola Xunta de Goberno Local para ser debatido en Pleno o vindeiro 29 de decembro, de forma que se proceda á súa aprobación inicial. Acompañado pola concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, o rexedor indicou que estas contas, de 246,8 millóns de euros, representan "o maior presuposto da última década no Concello da Coruña, exceptuando os exercicios electorais de 2011 e 2015". O primeiro edil insistiu en que se trata "dun orzamento expansivo e de impulso á cidade que ascende a 246,8 millóns de euros, sen contar coas empresas públicas", o que supón un incremento de 7,4 millóns de euros sobre 2017, un 3,1% máis. Ao respecto da suba, Ferreiro salientou o traballo de "captación de fondos levado ao cabo polo executivo municipal". "En boa medida, isto é posible porque conseguimos chegar a acordos con quen quere chegar a acordos co Concello da Coruña, como no caso da Deputación, que aporta 1,3 millóns de euros para a reforma do estadio de Riazor e o carril bici metropolitano", dixo, á vez que salientou os 15 milóns de fondos de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI) procedentes de Europa que o Concello conseguiu captar este ano, e dos que en 2018 investirá xa os primeiros 5,4 millóns.

A este respecto, a titular de Facenda salientou que "este orzamento volve poñer de relevo que as contas do Concello da Coruña están saneadas e teñen cada vez maior capacidade". "En dous anos, dende que chegamos a María Pita, reducimos por enriba do 25% a débeda viva. En 2018 continuaremos con esa reducción, de xeito que os préstamos para o financiamento dos orzamentos se reducirán en máis de 675.000 euros, un 7,8%, con respecto ao exercicio anterior, e máis dun 44,5% con respecto ao orzamento de 2015", indicou. "En total, o servizo da débeda, o custo anual da amortización máis os intereses, redúcese en máis de 600.000 euros, un 6,6% con respecto a 2017", dixo. "Fronte aos 86 millóns de euros de débeda viva que recibimos en xuño de 2015, prevemos pechar 2017 arredor dos 64 millóns de euros, o que representa unha redución do endebedamento do 25% en dous anos e medio", apuntou.

"A consecuencia de todo isto, en 2018 incrementaremos a nosa capacidade de investimento. O conxunto dos gastos de capital, nos que se inclúen tanto os investimentos do capítulo VI como as transferencias de capital do capítulo VII, destinadas tamén a novos proxectos, como é o caso da piscina do Castrillón, que se fai mediante a empresa pública EMVSA, increméntase nun 5,65% con respecto a 2017", indicou Ferreiro.

Por outro lado, tanto o alcalde como a titular de Facenda salientaron que "este orzamento foi elaborado contando coas achegas do grupo municipal socialista, que comprometeu o seu apoio no Pleno que celebraremos a semana vindeira, antes de que remate o ano".

Eixos principais

Ferreiro salientou os principais eixes nos que se dividen as contas municipais presentadas para o próximo ano e que serán explicados máis polo miúdo nos vindeiros días. Así, destacou oito puntos fundamentais como son: o combate contra a desigualdade e as políticas de benestar, o espazo público de calidade, a mellora dos equipamentos públicos municipais, o fomento do emprego e a promoción económica, a mobilidade sostible, as políticas culturais e deportivas, a participación e a mocidade.

"Do mesmo xeito que o foron en anos anteriores, o combate contra a desigualdade e as políticas de benestar volven ser eixes estratéxicos. Os orzamentos de 2018 prevén unha dotación total de 45,6 millóns en gasto social, o que supón un incremento de 2,6 millóns e un 6,1% con respecto a 2017", fixo notar o alcalde, que destacou que estas políticas engloban actuacións en materia de vivenda, xustiza social e igualdade, emprego, educación e sanidade.

"Tamén apostamos de xeito especial este ano por traballar nun espazo público de calidade, accesible e ao servizo das persoas", manifestou Ferreiro, que destacou que este empeño se traduce nun crecemento orzamentario neste ámbito do 5,5% até os 58,7 millóns de euros, o que comprende un aumento do 17,9% no gasto en vías públicas, dun 15,4% na protección e mellora do medio ambiente, nun 2,2% na limpeza viaria e iluminación, nun 57% nas praias, dun 5,2% en parques e xardíns, e dun 3,2% na recollida e tratamento do lixo.

"Por outro lado, como fixemos singularmente cos centros educativos nos dous últimos anos, en 2018 apostamos forte pola ampliación e a mellora da rede de equipamentos públicos municipais, dedicándolle 20,5 millóns de euros, un 28,5% máis que este exercicio", indicou o mandatario local, que destacou, por exemplo, que ademais das obras de grande envergadura, como a substitución das cubertas de Riazor, que elevan un 42,9% os recursos destinados a instalacións deportivas, salientan as melloras nas aportacións para os centros de ensino, que medran un 6,7%; bibliotecas, cun incremento do 13,4%; ou centros cívicos e outras infraestruturas sociais, cun crecemento porcentual do 277%, nun ano no que está prevista a posta en marcha dun espazo aberto á cidadanía no antigo cárcere, a reforma do pavillón de Catro Camiños ou  activación do proxecto das Naves do Metrosidero. O alcalde tamén salientou as actuacións previstas nos mercados municipais de Monte Alto, Durmideiras, Santa Lucía, Elviña e Praza de Lugo, así como a reurbanización da contorna do de San Agustín.

As políticas de fomento do emprego e de promoción económica, pola súa banda, superarán os 9,2 millóns de euros, cun incremento do 5,8%, destacando o crecemento en materia de emprego (1,9%), o apoio ao comercio de proximidade e aos mercados municipais (2,1%), o estímulo ao turismo sostible (7,9%) e a axuda ao desenvolvemento de actividades produtivas (32,2%).

No que atinxe á mobilidade sostible, o incremento orzamentario para o vindeiro ano é do 30%, até os 10 millóns de euros. O alcalde subliñou que os presupostos do vindeiro ano comprenden neste apartado, entre outras cuestións, "a mellora integral de BiciCoruña (1,2 millóns de euros) coa ampliación de estacións e a renovación da frota, coa metade do parque de bicicletas eléctricas,  así como os carriís bici (1,1 millóns) ou o proceso de peonalización da Cidade Vella, que afrontaremos no primeiro semestre do ano, así como outras medidas de gran importancia como o reordenamento do mapa de rutas de autobús".

As políticas culturais e deportivas recibirán en 2018 39,3 millóns de euros, un incremento superior ao 10,5%. Esta partida vese reforzada especialmente pola obra no estadio de Riazor (6,1 millóns de euros) así como a obra da piscina do complexo deportivo do Castrillón, que recibirá unha inxección de 500.000 euros a través da empresa pública EMVSA. Ferreiro tamén fixo notar o reforzamento que experimentará o IMCE, ao que se lle incremetan transferencias por valor dun millon de euros, de cara a promocionalo non só como un ente de organización de eventos, "senón un verdadeiro instrumento de políticas de promoción cultural".

Os eixes orzamentarios complétanse coas políticas relativas á participación e á mocidade. "No vindeiro ano incrementaremos os fondos para desenvolver ferramentas que faciliten a participación da cidadanía en máis dun 33,7%", apuntou o primeiro edil, que recordou que o Concello se reservará "case 3 millóns de euros para os investimentos relacionados co proceso de Orzamentos Participativos, mediante os que a cidadanía decide o destino directo dunha parte dos investimentos municipais". "A mocidade tamén se converte nestas contas nunha preocupación estratéxica e transversal da acción de goberno, cun incremento do 14% no orzamento desta área e a posta en marcha de accións especialmente significativas, dende o impulso das Naves do Metrosidero, ao desenvolvemento do Plan de Emprego Xuvenil e a posta e marcha dun sistema de bolsas de inserción social de 400.000 euros", evidenciou.

A concelleira Vieito salientou que "como xa sucedera cos orzamentos de 2017, o escenario xeral de ingresos está fortemente condicionado pola ausencia de Orzamentos Xerais do Estado, o que limita as previsións de crecemento dos ingresos nun contexto de incrementos significativos da recadación estatal, e impide incorporar previsións de ingresos por transferencias en programas moi significativos, como os relativos as políticas de rehabilitación de vivenda". Por outro lado, a edil declarou que "coa aprobación deste proxecto na Xunta de goberno local comezamos a tramitación formal do proxecto de orzamentos para 2018. Dende hoxe, todos os grupos municipais disporán de toda a documentación integrante do mesmo". "O goberno local da Coruña quere deixar clara a súa disposición a estudar en profundidade todas as achegas e emendas que poidan formular o resto de grupos, así como incorporar todas aquelas que se consideren viables e congruentes cos obxectivos perseguidos por este proxecto orzamentario", dixo.

Proxecto Orzamentos 2018 (256 KB)

 

O goberno local presenta o Orzamento da Coruña para 2018