BNG | nota de prensa
O goberno local veta o uso do escano cidadán a un traballador de limpeza
A Coruña, a 3 de maio de 2023. A decisión do Goberno Local de vetar o uso do escano cidadán a un traballador do servizo de limpeza viaria só se explica polo desexo do Goberno Local de que non se dea visibilidade ao caso STL no último pleno do mandato.
Así o valora o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
“A denegación é un acto arbitrario por parte do Goberno Local e só se pode entender desde a perspectiva dun executivo que non fixo nada até que se produciu a intervención xudicial e a pesar de que o BNG levara o asunto ao Pleno en dúas ocasións, en abril e xullo de 2022 indica Jorquera. Nesas sesións o BNG alertou sobre que no servizo de limpeza viaria e de recollida do lixo as concesionarias delegaran na práctica a política de contratación e de promoción do persoal a “un grupo e a un señor”, con acoso aos traballadores que non se pregaban aos seus designios.
Hai precedentes abondos de presenza no escano cidadán de traballadores de servizos concesionados do Concello –Nostián ou as bibliotecas municipais, por exemplo, o que indica “unha clara intencionalidade política” neste veto en concreto.
“Unha vez coñecida a intervención policial, defendemos no Pleno que a investigación se levase até as últimas consecuencias. A transparencia ten que ser total. Non entendemos a negativa do Goberno Local a que se fale desta cuestión no Pleno”, conclúe Jorquera.