BNG | nota de prensa
Lage, incapaz de precisar en que consiste o proxecto cultural do goberno coruñés
Na sesión de control ao Goberno Local, durante o Pleno deste xoves 6 de maio e a preguntas de Avia Veira e Francisco Jorquera, o portavoz do executivo coruñés, José Manuel Lage, nin foi quen de esclarecer cal é o proxecto cultural do gabinete presidido por Inés Rey nin respondeu cando se vai ampliar o capital social de EMVSA, un paso necesario para a apertura do Complexo Deportivo do Castrillón.
A Coruña, a 6 de maio de 2021. Estas dúas cuestións, xunto coa formulada a respecto da extensión dos convenios nominativos coas entidades da cidade, centraron a batería de preguntas orais do BNG ao Goberno Local.
Proxecto cultural do Concello
Lage limitouse a facer un relatorio numérico dos actos programados pola Concellaría de Cultura, pero foi incapaz de precisar en que consiste o proxecto cultural do Goberno coruñés.
“A nosa cidade ten o potencial cultural suficiente para se tornar na capital cultural de Galiza”, dixo Avia Veira na súa intervención. O problema é que ese potencial non se ve acompañado por un proxecto cultural do Concello digno de tal nome.
“Nin as artistas nin o tecido cultural de base nin as asociacións profesionais nin os locais poden aturalo todo”, acrecentou a concelleira do BNG. “Non hai iniciativa innovadora por parte do Goberno Local. Nin tan sequera se poñen en marcha aquelas propostas que trae a oposición a Pleno e agasalla en forma de moción, nin aquelas que están recollidas nos acordos de investidura”, critica.
“Nada se sabe da programación de verán, nin do Presco. A Banda Municipal de Música está abandonada e todo o mundo ten límites”, engadiu e a seguir cualificou a demisión como director de área de Rómulo Sanjurjo –“a quen lle agradecemos o seu tempo de servizo público”- como “o último dos bandazos en materia cultural na cidade”. “Agardemos tamén que sexa o derradeiro. Ficou claro que non hai proxecto cultural no Goberno Local”, concluíu Veira, non sen antes aproveitar para lle dar a benvida a Bettina Kolhaas como relevo de Rómulo Sanjurjo e pedirlle ao Goberno Local que mude de actitude porque “a vida, o sustento de moita xente, está en xogo”.
Na súa resposta, á marxe de achegar datos sobre os actos programados nos distintos espazos culturais de que dispón o Concello, o portavoz do Goberno Local dixo entender que o BNG “como grupo de oposición” tente atender “o seu nicho”, en relación á Cultura.
Esta expresión foi contestada por Veira na súa conta twitter: “A cultura nin é nosa nin é un nicho. É un verxel”.
Sobre a ampliación dos convenios nominativos
Cando ten previsto presentar o modificativo para ampliar os convenios coas entidades sociais da cidade?, preguntoulle a seguir o noso portavoz Francisco Jorquera ao voceiro do Goberno Local.
“No seu día votamos a favor do modificativo de crédito cun SI condicionado a que houbese unha ampliación dos convenios que incrementase os recursos disponíbeis e se estendesen a máis entidades”, enfatizou Jorquera. “E pasaron dous meses e continuamos esperando. A orixe disto, a errónea decisión de prorrogar os orzamentos. Dixemos naquela altura que nin os convenios nin o Presco se podían prorrogar. Demostraron que non tiñan un plan B. O seu único plan é o de substituír a realidade coa propaganda, como no plan de contratacións, que non é máis que un sumatorio de licitacións e de servizos xa existentes”, estendeuse o portavoz nacionalista.
Criticou a enorme lentitude do Executivo coruñés. “A este paso o Presco será un Presquiño”, ironizou Jorquera. E a responsabilidade non se pode desprazar á oposición, remarcou, senón que é o Goberno Local a quen lle cabe o deber de poñer en marcha a habilitación de novas liñas de convenios coas entidades sociais e culturais da cidade.
A resposta de Lage foi condicionar a ampliación a “chegarmos a acordos con todos os grupos”. “Temos un compromiso establecido con vostede, que hoxe quero reiterar aquí”, dixo. A lentitude na xestión deste asunto non sería un problema de falta de dilixencia do Goberno Local, senón, a dicir de Lage, tería a ver coa dificuldade á hora de artellar unha maioría no Pleno que permita aprobar un segundo anexo de convenios nominativos e un novo Presco.
En todo caso, o portavoz do Goberno Local ve “boa disposición” nos distintos grupos da oposición e, por tanto, calcula que se poderá chegar a un acordo “máis pronto que tarde”.
Lage, daquela, non compromete ningún prazo concreto á aprobación do novo anexo dos convenios.
Sobre a ampliación de capital de EMVSA
O voceiro do Goberno Local tampouco foi máis preciso na resposta á última das preguntas do BNG. Inquiriulle Jorquera cando se vai producir a ampliación de capital de EMVSA, imprescindíbel para a apertura ao público do Complexo Deportivo de Castrillón, desde o momento en que se optou porque este fose xestionado directamente pola empresa municipal.
“En decembro de 2020, o Consello de Administración de EMVSA aprobou a súa ampliación de capital”, relatou Jorquera. Mais esta non foi adiante aínda por falta de impulso por parte do Goberno Local, criticou o voceiro nacionalista.
Lage limitouse a dicir que EMVSA “está a rematar os últimos detalles das obras” e que “en breve se van aprobar os procedementos administrativos para dar pé ás licitacións dos equipamentos das instalacións”.
“Máis pronto que tarde, os veciños terán o centro deportivo que levan ansiando desde hai moito tempo”, engadiu.
Porén, eludiu referirse á necesaria ampliación de capital por parte de EMVSA.