Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica amosa a súa disposición para aprobar, canto antes, un modificativo que garanta que as entidades sociais non queden sen convenios co Concello
Propoñemos unha solución de urxencia para evitarlle preocupacións e garantir o apoio ás entidades do terceiro sector cando os convenios queden sen respaldo financeiro o 31 de decembro
Xan Xove: “Temos vontade de negociar novos Orzamentos, pero o goberno está descentrado. Nin abriu conversas sobre as contas, nin executa as que están en vigor, nin cumpre cos acordos”
O candidato á Alcaldía da Marea Atlántica, Xan Xove, e a nosa voceira municipal, María García, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para instar ao goberno local a poñer sobre a mesa, canto antes, un modificativo de crédito para garantir que as entidades sociais, culturais, veciñais e deportivas da Coruña non quedan sen o apoio do Concello cando os seus convenios caduquen o vindeiro 31 de decembro, ante a falta duns novos orzamentos para 2023. “Amosamos a nosa disposición para aprobar este remedio de urxencia, xa que a alcaldesa aínda non presentou un proxecto nin comezou a negociación política para uns novos orzamentos”, explicou Xan Xove ante os medios.
Xove aclarou que a Marea Atlántica segue aberta a negociar uns Orzamentos para o vindeiro ano, “pero estamos ante un goberno local descentrado que, como dicía María, nin executa os presupostos en vigor, nin cumpre os acordos, nin formula un novo proxecto orzamentario”.
E engadiu que “por moito que queiramos apurar, xa non hai tempo de ter novas contas municipais antes de febreiro. O orzamento actual terá que ser prorrogado e iso deixa aos convenios sen respaldo financeiro, polo que non se poderán renovar automaticamente para o vindeiro ano. Unha situación que é responsabilidade exclusiva do equipo de Inés Rey, pero que nós temos vontade de resolver, para que as entidades do terceiro sector non paguen a falta de iniciativa desde goberno”.
María García lamentou que o goberno non estea ao que ten que estar, “como proba que mañá teñamos un Pleno ordinario e só vaian dous asuntos executivos: o axuste do IBI para un equipamento concreto e o informe anual obrigatorio. do servizo de Suxestións e Reclamacións. Credes que isto é un goberno centrado?”. Citou tamén a apresurada aprobación do estudo de viabilidade de Nostián, un documento con erros e omisións graves, a renuncia a actualizar as ordenanzas fiscais dun xeito ambicioso para combater a crise e a desigualdade.
Moi especialmente, María García criticou a insistencia en afrontar o problema da vivenda na Coruña, “a pesar de que todos os datos están a ser alarmantes, con marcas históricas no prezo dos alugueiros e na presenza de pisos turísticos, facendo que na Coruña sexa imposible alugar, mentres o goberno renuncia a executar os nove millóns de euros que ten no orzamento grazas a un acordo co noso grupo. Falaremos disto mañá no Pleno”.
Coas iniciativas da Marea Atlántica, A Coruña gaña
Xan Xove lembrou que nas últimas semanas, e grazas ao cumprimento de acordos coa Marea Atlántica, desbloqueáronse medidas que que suman 10 millóns de euros e que benefician directamente á Coruña. Trátase do programa Mover os Baixos para afrontar por primeira vez o problema dos locais baleiros, que xa está aprobado e non debería demorarse a súa posta en marcha. Tamén da ampliación do horario de atención gratuíta nas escolas infantís municipais ata as oito horas, e dun modificativo que suma investimentos de ata 6,5 millóns de euros.
“Pedímoslle a Inés Rey que siga nesta liña, negociando un novo modificativo que lle dea ás entidades do terceiro sector os recursos que precisan, e a seguir avanzando nos acordos pendentes”, sinalou Xove. Acordos que pasan por impulsar os nove millóns de euros en políticas públicas polo dereito á vivenda, as medidas de aforro e soberanía enerxética, coma a creación dunha empresa eléctrica municipal, e os proxectos en Xuxán, Novo Mesoiro, a Falperra, Palavea, Feáns e outros barrios afastados do centro.
“Son, como pode verse, medidas positivas para unha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista. Medidas que calquera goberno progresista debería ter interese en cumprir. Por iso, volvo pedirlle a Inés Rey que cumpra coa súa obriga, que goberne e que execute o orzamento que pactou coa Marea Atlántica”, argumentou Xan Xove.