Pleno municipal | Concello da Coruña
A Marea Atlántica aposta por unha saída política e dialogada para a situación en Cataluña
No pleno deste 7 de novembro, defenderemos unha moción para instar ao Estado a abrir un proceso negociador para facerlle fronte á crise territorial
O texto da moción cita, a modo de resumo, as palabras do catedrático de Dereito Constitucional Javier Pérez Royo, que dan no albo do problema: “A política non pode ser subcontratada. Os asuntos de natureza política deben ser abordados polos poderes lexislativo e executivo. Non polo poder xudicial.” Por iso ningunha sentenza pode arranxar a tensión en Cataluña, e mal se pode negociar cando unha das partes está en prisión.
Como se indica na nosa proposta, a decisión do Supremo non só é desproporcionada, considerando demostrado que “non existiron feitos violentos constitutivos de rebelión”, senón que foi “pouco garantista na súa tramitación, tanto polo exceso das medidas cautelares aplicadas como polo seu percorrido procesual”.
Por todo isto, a moción insta ao Goberno do Estado a iniciar un proceso de diálogo coas institucións catalás, na procura dunha saída política e negociada á crise do modelo territorial. E tamén a impulsar unha Lei de Amnistía para poñer en liberdade ás persoas condenadas pola sentenza do Tribunal Supremo do 14 de outubro de 2019.