Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica celebra que a Fundación Seoane reaccione por fin á polémica das presuntas falsificacións

Iago Martínez: “É unha mágoa que a Xunta de Galicia non amose un maior compromiso e rexeite retirar o catálogo da exposición ata poder comprobar a autoría das obras”
A Marea Atlántica celebra que a Fundación Seoane reaccione por fin á polémica das presuntas falsificacións
20210407_SGR_padroado_seoane_iago_Z7F9463
Reunión do padroado da Fundación Seoane

Inés Rey coñece desde xuño de 2020 o informe que pon en dúbida a autoría de 18 obras de Seoane expostas nunha mostra co aval da Xunta; de terllo trasladado ao padroado antes, a Fundación podería ter actuado en consecuencia


A Coruña, 7 de abril de 2021.- O vicevoceiro da Marea Atlántica e integrante do padroado da Fundación Seoane, Iago Martínez, celebrou hoxe que a entidade tomase en consideración as propostas que fixemos nos últimos días e decidise actuar, por fin, para responder á polémica desatada tras a publicación dun informe que pon en dúbida a autoría de varias obras atribuídas a Luís Seoane. “Lamentamos, non obstante, que a Xunta de Galicia non amose un maior compromiso. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, debía ter asistido persoalmente ao padroado, e o seu departamento debería retirar preventivamente o catálogo da mostra celebrada en Lalín”. 

Na xuntanza do padroado da Fundación Seoane celebrada esta mañá acordouse por unanimidade iniciar os trámites para contratar asistencia xurídica para abordar un estudio cualificado e exhaustivo, tal e como viñamos reclamando, sobre a autoría das 18 pezas de Luís Seoane postas en dúbida nun informe da propia fundación.

Lembramos que, segundo se vén publicando en distintos medios estes días, a Xunta avalou unha exposición en Lalín, celebrada en marzo de 2020, na que se expuxeron estas 18 obras de Luís Seoane sinaladas como de dubidosa autoría, ademais de 17 de Maruja Mallo cuxa autenticidade tamén poñen en cuestión varios profesionais. 

A alcaldesa e presidenta da Fundación Seoane, Inés Rey, recoñeceu esta mañá que coñecía desde xuño de 2020 o informe que transcendeu estes días, e no que se fundamentan as dúbidas sobre a autoría das obras de Seoane expostas en Lalín. Lamentablemente, non llo trasladou ao padroado nin na xuntanza ordinaria de novembro do ano pasado, nin na extraordinaria e urxente desta mañá.

En palabras do noso vicevoceiro, “con este xeito de actuar, a alcaldesa impediu que o padroado puidese tomar medidas nun asunto de extraordinaria gravidade e que afecta a un artista fundamental para a cidade e para o país. Se chegamos a sabelo en novembro, poderíamos ter actuado daquela. Lamentamos estes meses de inacción e agardamos, en todo caso, que o acontecido sexa un punto de inflexión”.

A Marea Atlántica celebra que a Fundación Seoane reaccione por fin á polémica das presuntas falsificacións