Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica constata que o goberno municipal non fixo un só avance para a creación do operador enerxético municipal

Debería terse aprobado o acordo para a súa constitución en Emalcsa o 17 de decembro, pero hoxe segue pendente

María García: “Están a incumprirse os acordos de investidura, orzamentarios e da comisión de seguimento”

A Marea Atlántica constata que o goberno municipal non fixo un só avance para a creación do operador enerxético municipal
pipe_person_landscape
pipe_person_landscape
A Coruña, 8 de xuño de 2020.- 

A voceira da Marea Atlántica, María García, denunciou hoxe que o goberno municipal non deu un só paso adiante en meses para a creación dun operador enerxético 100% público na Coruña. “Deste xeito, Inés Rey está a incumprir os acordos que permitiron a súa investidura, desenvolvidos posteriormente na comisión de seguimento, e os que fixeron posible a aprobación dos Orzamentos 2020”, sinalou García.

O pasado 13 de decembro reuniuse por última vez a comisión de seguimento dos acordos asinados pola Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato. Ese día asinouse o compromiso de levar o 17 de decembro ao Consello de Administración de Emalcsa unha proposta para impulsar un operador enerxético municipal, pero non se fixo. O Pleno do 6 de febreiro aprobou o recoñecemento de Emalcsa como medio propio municipal, un paso previo, e foi o último que se soubo.

O 5 de xuño, coa escusa do Día Mundial do Medio Ambiente, Inés Rey anunciou de novo a “próxima” creación do operador enerxético. “Pero esta mañá, cando de novo se celebrou o Consello de Administración de Emalcsa, puidemos comprobar que non se moveu un papel en todos estes meses, nada de nada”, explicou María Garcia

Abstención no reparto de dividendos de Emalcsa

O do operador enerxético non foi o único incumprimento que quedou hoxe en evidencia. En outubro do ano pasado, cando negociamos os cambios nas ordenanzas fiscais e a incorporación do Mínimo Vital Garantido e o Dereito Humano á Auga, propuxemos que os dividendos desta empresa municipal, que se obteñen da explotación do ciclo da auga, se dedicasen só a mellorar este servizo e a políticas de soberanía enerxética.

O PSOE, que en outubro compartía esta proposta, chegou hoxe ao Consello de Administración coa proposta de trasladar estes fondos de forma incondicionada ás arcas municipais.

Emalcsa presentou un resultado positivo de 3,5 millóns de euros, pero co preocupante engadido de ser as cifras máis baixas dos últimos cinco anos. E a proposta de Inés Rey é transferir 2,99 millóns ás arcas municipais.

Todos os membros do consello se abstiveron na votación deste reparto, agás os que representan ao goberno local. Cómpre lembrar que a competencia última para aprobar a transferencia de dividendos é a Xunta Xeral de Accionistas de Emalcsa, composta por todos os membros do Pleno.

Doutra banda, desde a Marea Atlántica queremos trasladar o noso apoio a dúas cuestións postas sobre a mesa hoxe: o cambio da razón social de Emalcsa para incluír o topónimo oficial da Coruña, e a incorporación do comité de empresa ao Consello de Administración, nun asento con voz pero sen voto, dentro das posibilidades que permita a legalidade vixente.

A Marea Atlántica constata que o goberno municipal non fixo un só avance para a creación do operador enerxético municipal