Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica denuncia pasos atrás no Concello en materia de transparencia

O portal no que a cidadanía pode consultar en que se gastan os seus impostos leva sen actualizarse todo o presente mandato e resulta inservible

O goberno municipal non presentou hoxe na Comisión de Transparencia ningún dos tres informes comprometidos

A Marea Atlántica denuncia pasos atrás no Concello en materia de transparencia
Comision_facenda__GR_0429
Comision_facenda
A Coruña, 12 de xuño de 2020.- O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, ve pasos atrás en materia de transparencia e denuncia que os primeiros doce meses do novo goberno supoñen un ano perdido nesta materia, segundo denunciou hoxe na Comisión de Transparencia, da que é presidente. Na sesión deste organismo celebrada hoxe, constatouse que o executivo de Inés Rey non ten intención de presentar os tres informes aos que se comprometeu en outubro do ano pasado, sobre políticas de transparencia, contratación pública e gasto en publicidade e propaganda.

“Con esta actitude, o goberno baleira de contido a Comisión de Transparencia, o que se suma ás dificultades para o acceso a expedientes e a pobre calidade das respostas orais e escritas no Pleno, un retroceso democrático en toda regra. Esixímoslle ao goberno que cumpra os seus compromisos e respecte o traballo da oposición”, afirma Iago Martínez.

Medran os contratos menores, os máis opacos

O vicevoceiro da Marea Atlántica tamén denunciou que o goberno de Inés Rey está a “incrementar de xeito preocupante” o uso dos contratos menores, os menos transparentes para a cidadanía de todos os previstos pola lei, xa que non se someten a concurso público. Así, no segundo semestre de 2019 pasado sumaron 3,2 millóns de euros, un 8,7% máis que durante os primeiros seis meses do ano, antes das eleccións municipais.

O incremento é incluso maior no primeiro trimestre de 2020, último periodo do que se dispón de información. Entre xaneiro e marzo o goberno municipal subscribiu 677 contratos menores por un importe total de 1,73 millóns de euros, o que supón un incremento do 13,4% no gasto con respecto ao mesmo periodo de 2019. O importe medio destas contratacións tamén medrou substancialmente, dende os 1.880,90 euros do último periodo de goberno da Marea Atlántica até os 2.565,70 actuais, é dicir un 36,4% máis.

Pésimos datos de execución

“O recurso abusivo á contratación menor non se está a traducir nunha mellora da execución orzamentaria, senón todo o contrario. Malia a todas as facilidades que lle está a dar a Marea Atlántica ao goberno en solitario do PSOE, facilidades que non lle deron os socialistas ao executivo de Xulio Ferreiro, os datos de execución a 28 de maio, os últimos dos que dispón a oposición porque o goberno está obrigado a facelos constar nos expedientes de modificación de crédito, son pésimos”, denunciou Iago Martínez. En global, a execución é dun 23,05%, pero se temos en conta o investimento, a porcentaxe é só do 3,22%. O peche do pasado exercicio tampouco foi alentador. A execución global foi do 78,5%, cinco puntos menos que a rexistrada pola Marea Atlántica en 2015.

Tamén resulta grave o caso do portal ondevanosmeusimpostos.coruna.gal, a ferramenta de información orzamentaria para a cidadanía que puxo en marcha o goberno da Marea Atlántica e que permanece sen actualizar, inservible para a súa fin. “Debería incluír, como mínimo, os datos de execución a 31 de dembro de 2019, pero aínda segue tal cal quedou no traspaso de poderes. Tampouco se poden consultar os orzamentos en vigor, nin os pagamentos a provedores”, engadiu Iago Martínez.

Ademais, “a axenda pública da Alcaldía, unha medida que puxo en marcha Xulio Ferreiro, estivo inactiva entre xuño e novembro do ano pasado e dende que se recuperou, a requerimento da Marea Atlántica, apenas se emprega”, segundo denunciou Martínez. Nas últimas semanas apenas contén información.

A Marea Atlántica denuncia pasos atrás no Concello en materia de transparencia