Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica denuncia que Inés Rey renuncia á xestión pública das instalacións deportivas
O goberno local planea darlle a xestión dos polideportivos de San Diego e Castrillón a unha empresa, un modelo máis caro e que confirma o seu xiro á dereita
Claudia Delso: “O PSOE da Coruña está moi cómodo privatizando equipamentos municipais, en lugar de aproveitar a oportunidade para reforzar os servizos públicos”
A Coruña, 20 de maio de 2021.- A concelleira Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión de Deportes, denunciou a “aposta do goberno municipal por entregar as instalacións deportivas do Concello a mans privadas, un modelo co que o PSOE da Coruña está moito máis cómodo”. Renuncia a municipalizar as San Diego tras dous anos co contrato caducado e, segundo puidemos saber hoxe, renuncia tamén a xestionar as do Castrillón a través de EMVSA, en contra do prometido en diversas ocasións no Pleno e dos propios informes da Área de Deportes.
Por sorpresa, na Comisión de Deportes celebrada hoxe, o goberno local informou de que dá marcha atrás aos seus compromisos e abriulle a porta privatizar a xestión do polideportivo do Castrillón, uníndoo co de San Diego nun mesmo contrato. “É completamente absurdo que en lugar de aproveitar para asumir a xestión directa de ambas instalacións, que reduce custos e mellora o servizo, opten pola concesión a empresas privadas. A concelleira tránsfuga Mónica Martínez consuma o xiro á dereita deste goberno, tal e como avisáramos, algo co que a alcaldesa semella estar conforme”, asegura Claudia Delso.
A empresa municipal EMVSA pode asumir a xestión das dúas instalacións deportivas, tal e como recomendou o seu director xeral no último Consello de Administración. Pero o PSOE escolle manter o modelo privado, algo que hoxe confirmou ao revelar os seus plans para privatizar tamén a xestión da piscina do Castrillón. Resulta especialmente grave facelo nestes momentos, cando a relaxación da regra de gasto por mor da crise da COVID permite máis facilidades para municipalizar servizos das que existiron na última década. “O PSOE está a desaproveitar unha oportunidade de ouro para reforzar a xestión pública”, explica Delso.
Deste xeito, na Xunta de Goberno celebrada onte, o executivo de Inés Rey o prorrogou por segunda vez a concesión de San Diego á empresa Sidecu Gestión, pese a que o interventor sinala que esta decisión “carece de respaldo legal” e de informes da asesoría xurídica.
“Está claro o que lle interesa a este goberno, privatizacións e a especulación inmobiliaria, o seu único modelo para A Coruña”, afirma Claudia Delso. Queda claro, tamén, en decisións como bloquear a creación dun operador enerxético municipal, ao tempo que os contratos do subministro eléctrico se modifican para concentralos en mans de poucas empresas privadas. A renuncia a remunicipalizar toda a rede de bibliotecas da Coruña é outra mostra deste desinterese polo público.
O polideportivo do Castrillón segue pechado
Lembramos, en todo caso, que o polideportivo do Castrillón segue pechado, coas obras rematadas, porque o goberno non foi quen de facer a transferencia de capital pendente desde o mes de decembro. O barrio agarda desde hai décadas por estas instalacións deportivas, que quedaron deseñadas e financiadas no mandato de Xulio Ferreiro. Pero rematada a obra, Inés Rey non ten presa ningunha por inaugurala.
En palabra de Claudia Delso, “parece claro que a esta alcaldesa non lle interesa dar servizo aos barrios con instalacións de proximidade, por iso única aposta que se está a ver en Deportes é a dos grandes eventos, en lugar de fomentar a práctica deportiva entre a veciñanza. Por iso desaparecen programas como Coruña en Forma”.
Finalmente, cómpre lamentar que a crise de goberno que a alcaldesa abriu en setembro de 2020, dinamitando o mandato para incorporar a unha tránsfuga como responsable de Deportes, servise unicamente para certificar o xiro á dereita do PSOE da Coruña. A Área de Deportes continua igual que no primeiro día de Inés Rey: sen rumbo e sen proxecto.