Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia e o goberno información para a veciñanza afectada pola ampliación do hospital en Eirís
A obra do novo centro hospitalario da Coruña, moi necesaria, non é escusa para ignorar ás persoas que poderían perder a súa casa por mor das obras e se enteraron pola prensa
A Marea Atlántica rexistrará as seguintes preguntas escritas, para que o goberno municipal cumpra coa súa obriga de render contas:
- Participou o Concello da Coruña na decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación? En caso afirmativo, de que maneira?
- Coñecía o Concello da Coruña a decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación antes do acto do pasado 29 de xaneiro? Cando tivo coñecemento e de que maneira?
- É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o día 29 de xaneiro, implica a expropiación de vivendas? Dende cando é coñecedor o goberno municipal desta circunstancia?
- Púxose en contacto o goberno municipal coas persoas afectadas pola ampliación do CHUAC? De ser así, cando o fixo? De non selo, por que?
- Cantas persoas van resultar afectadas pola ampliación do CHUAC?
- Que medidas pensa tomar o goberno municipal en relación ás persoas afectadas pola ampliación do CHUAC?
- É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o pasado 29 de xaneiro, non coincide coa prevista no PXOM? Que prevé facer ao respecto?
- Sabe o goberno municipal quen vai asumir o custo das expropiacións? O Concello da Coruña ou a Xunta de Galicia?
- Cales son os prazos para o inicio das obras no CHUAC?
Este venres, nunha visita á zona de Curramontes, en Eirís, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez; o concelleiro Xiao Varela, responsable de Rexeneración Urbana no anterior goberno; e o deputado Xan Xove, acompañados por parte da directiva da asociación veciñal, puideron constatar que as persoas afectadas polas expropiacións non tiveran información de ningún tipo.
Rede de Barrio en Eirís o próximo 8 de febreiro
Nestes momentos, a incerteza é total. Non se coñecen cales serán exactamente as parcelas implicadas nin quen realizará as expropiacións. Para manter o contacto coa veciñanza, trasladar a información dispoñible e escoitar ás afectadas, celebraremos unha Rede de Barrio en Eirís o vindeiro 8 de febreiro.
Non hai dúbidas sobre a necesidade de ampliar o CHUAC; pero os representantes políticos deberían preocuparse máis por informar á veciñanza afectada que por sacarse fotos propagandísticas. A Xunta e o goberno municipal teñen que vir a Eirís e darlles as debidas explicacións á cidadanía. E así llo reclamaremos dende a Marea Atlántica no Concello da Coruña e dende o Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia. Esixiremos transparencia e seriedade en todo o proceso de expropiacións. Para non xogar coa vida da xente, e para non repetir desastres como o do Ofimático ou San Vicente de Elviña.