Xunta - Concello

Marea Atlántica: "Inés Rey debe amosar firmeza ante Feijóo e defender os intereses da Coruña"

Desde 2015, a Xunta está a facerlle oposición á cidade, cuns niveis de investimento baixísimos.

A Intermodal, as melloras nos centros escolares, o compromiso co bordo litoral e coa rexeneración da ría do Burgo... son algunhas das moitas contas pendentes que o goberno galego ten que afrontar.

Marea Atlántica: "Inés Rey debe amosar firmeza ante Feijóo e defender os intereses da Coruña"
xunta
Xunta de Galicia

A Xunta leva catro anos facéndolle oposición á cidade da Coruña. Isto é o que Inés Rey non pode esquecer este luns, cando manteña a súa primeira reunión oficial co presidente Alberto Núñez Feijóo. Por iso, animamos á alcaldesa a non dar un paso atrás e a defender con contundencia os intereses da Coruña, como sempre fixo Xulio Ferreiro.

Desde 2015, o goberno galego mantén uns niveis de investimento baixísimos na Coruña. En 2018, o último exercicio completo, foi de 24,3 euros por habitante, cando a media das sete cidades é de 142,2 euros por habitante. Hai contas pendentes que Feijóo acumula desde hai demasiado tempo coa Coruña, promesas repetidas unha e outra vez e sempre incumpridas. Non deberan quedar fóra desta xuntanza.

Confiamos, igualmente, en que a alcaldesa, negociará e consensuará coa Marea Atlántica nos vindeiros meses as demandas que o Concello da Coruña terá que trasladarlle á Xunta para que os seus Orzamentos de 2020 non repitan a marxinación na que mantiveron a cidade en anos anteriores.

Investimento nos centros de ensino

Hai doce anos, en novembro do 2006, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Coruña asinaron un convenio para a construción de patios cubertos en centros de educación infantil e primaria. Unhas obras necesarias, conducentes a mellorar a calidade dos equipamentos educativos facilitando un espazo adecuado para o recreo nos días, moi frecuentes, de choiva. Mentres o Concello da Coruña cumpriu todos os seus compromisos no pasado mandato, a consellería acumula atrasos nos CEIP Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta. O compromiso coa educación pública ten que amosarse con investimentos reais.

Ademais, e desde hai moitos anos, existen carencias en materia de accesibilidade nos colexios Emilia Pardo Bazán e Anxo da Garda, e serias necesidades que deben ser atendidas pola Xunta de Galicia, por ter competencias en obras de investimento maior e non en simples reparacións de mantemento. Entres as máis urxentes están os cambios das cubertas dos CEIP San Pedro de Visma e Curros Enríquez.

Escolas infantís

En decembro de 2018, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse ante Xulio Ferreiro a estudar a delegación das competencias sobre todas as escolas infantís públicas da Coruña, para que o Concello poida xestionar unha única rede de centros educativos de 0 a 3 anos.

É necesario que a Xunta dea ese paso para facilitar a construción das novas escolas infantís que precisa A Coruña, como sinala a crecente demanda de prazas. E deste xeito todos os centros poderán ser de balde no curso 2020-2021, como levamos no noso programa electoral e como se comprometeu o PSOE no pacto que asinamos para o inicio do mandato.

Área Metropolitana

No Pleno do mes de outubro, en virtude dos acordos asinados polo PSOE e a Marea Atlántica a comezos deste mes, aprobarase en María Pita o inicio do procedemento para crear a Área Metropolitana da Coruña, un paso que xa deron todos os demais concellos da contorna. O presidente da Xunta ten que comprometerse a non bloquear o seguinte paso, a tramitación da Lei de Área Metropolitana no Parlamento de Galicia. A Xunta colaborou coa creación da Área Metropolitana de Vigo, polo que sería intolerable que bloquease a da Coruña.

Conformarse cun consorcio de transporte é insuficiente, pois a mobilidade non existe nun baleiro, está moi relacionada coa vivenda, os espazos públicos, o urbanismo, a planificación do territorio e o nivel de renda. Para que haxa cambios reais, é necesaria unha actuación global que non pode darse desde unha autoridade única de transporte.

Bordo litoral

É necesario que o goberno galego se comprometa coa recuperación dos terreos portuarios segundo os consensos acadados nos últimos anos: titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa transformación, condonación da débeda do porto e mantemento de usos produtivos limpos e innovadores, espazos abertos e equipamentos públicos, como recollen os proxectos gañadores co concurso Tecendo Litoral.

A actuación da Xunta de Galicia no caso dos terreos portuarios da Coruña foi, polo de agora, contraria ao interese xeral. En 2017, Feijóo tentou selar un pacto a porta pechada que blindaba a especulación inmobiliaria en Oza e deixaba fóra ao Concello da Coruña, nunha actitude contraria á vontade expresada na mobilización cidadá e a numerosos acordos anteriores e posteriores en María Pita, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. É tempo de que o goberno galego deixe de enredar e se comprometa co ben común da cidadanía coruñesa.

Intermodal

O da Estación Intermodal é un exemplo ben claro de como a Xunta estivo a marxinar á cidade da Coruña desde 2015. Mentres se produciron importantes avances con ADIF, organismo que vén de presentar o seu proxecto para a terminal ferroviaria da intermodal, o goberno galego non deu un só paso para facer a parte que lle corresponde na terminal de autobuses. Presentou proxectos mal redactados, mentiu sobre os prazos para captar fondos europeos, desviou a Ourense os cartos reservados para A Coruña e inventou toda clase de escusas para non cumprir. Vai sendo hora dun compromiso real, con prazos reais, para levar adiante un proxecto básico para a mobilidade metropolitana.

Ampliación do CHUAC

En época pre-electoral, Feijóo anunciou aos catro ventos obras de mellora no Hospital da Coruña: unha manobra de propaganda que non ten detrás nin un peso nos Orzamentos da Xunta. Pero a propaganda pode e debe converterse en realidade. Hai tempo que o CHUAC precisa unha ampliación e unhas instalacións á altura dos seus profesionais.

Centro de saúde para a zona centro

A zona centro da Coruña leva anos a agardar por un novo centro de saúde que solucione a saturación no de Federico Tapia. No mandato anterior, o Concello chegou a ofrecer, de balde, tres parcelas na Falperra e no Paseo das Pontes, que foron rexeitadas sen motivo pola Xunta. A veciñanza xa agardou abondo.

Rexeneración da Ría do Burgo

A recuperación ambiental e produtiva da ría do Burgo é unha das grandes débedas pendentes do Estado e da Xunta de Galicia, non xa coa Coruña, senón con toda a área metropolitana. O proxecto está parado no Ministerio de Medio Ambiente, e a Xunta esquece as súas competencias sobre Mar, Pesca, Marisqueo e Medio Ambiente para contribuír ao avance necesario.

Marea Atlántica: "Inés Rey debe amosar firmeza ante Feijóo e defender os intereses da Coruña"