Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica insta ao goberno local a tramitar as axudas de emerxencia social como prestacións e a facelas compatibles coa Renda Social
Un cambio na normativa da Xunta permite que as axudas de emerxencia social pasen a ser prestacións económicas e non subvencións: isto axilizaría os trámites e garantiría que cheguen a persoas excluídas por débedas coa administración
Silvia Caméan: “En plena crise social, é urxente ampliar as axudas municipais para cubrir as necesidades básicas para a vida. As nosas veciñas precisan unha maior protección social”
A Coruña, 10 de marzo de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica propónlle ao goberno de Inés Rey que faga compatibles as axudas de emerxencia social do Concello co cobro da Renda Social Municipal. Poden facelo levando a Pleno un cambio na ordenanza que regula a Renda, e contarían co noso apoio para conseguilo. “É o momento, para chegar a máis persoas e garantir que todo o mundo ten o apoio que precisa nesta crise derivada da pandemia que comezou hai xusto un ano, para que ninguén quede atrás no peor dos momentos posibles”, explica Silvia Cameán, concelleira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión de Benestar Social en María Pita.
É o momento de facelo, porque a Xunta acaba de mudar a Lei de Subvencións de Galicia, permitindo que as axudas de emerxencia social poidan tramitarse como prestacións económicas e non como subvencións, axilizando a burocracia. O Concello da Coruña só ten que comezar a tramitalas deste xeito e adaptar a Renda Social Municipal para que sexan compatibles. Será a forma de garantir que ningunha persoa se vexa excluída.
“Lembremos que as axudas de emerxencia son puntuais e urxentes, para cubrir as necesidades básicas para a vida: alimentación, vestimenta, facturas da luz e o gas ou alugueiros. Son moi importantes para as persoas que peor o están a pasar”, explica Cameán. É necesario facelas compatibles coa Renda Social para aumentar a protección ás nosas veciñas, pois “detectamos casos de persoas beneficiarias da RSM que precisarían dunha axuda de emerxencia para algún gasto puntual, pero que non pode solicitala actualmente”.
Os problemas de tramitar axudas como subvencións
Ata o de agora, tramitar como subvencións as axudas de emerxencia tiña aparellados problema graves. En primeiro lugar, os complexos trámites burocráticos que a persoa tiña que facer para xustificalas e que, inevitablemente, demoraban a tramitación do que debería ser unha axuda urxente. En segundo lugar, as enormes incompatibilidades que impedían cobralas: “Por exemplo, unha persoa con débedas coa administración tiña vetado o acceso, pero cando non tes recursos para comer, non é nada raro que teñas algún recibo da administración sen pagar”, explica Cameán. Lembra, ademais, que durante o mandato de Xulio Ferreiro creouse o programa A Flote, vinculado á Fundación Emalcsa, para dar solución a estes problemas.
Por iso, celebramos como un avance que a normativa permita simplificar os trámites das axudas de emerxencia, aínda que se manteñan como subvencións outras axudas sociais como as bolsas comedor, que teñen os mesmos problemas.