Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica lamenta o atraso acumulado na convocatoria do Presco 2021 e reclámalle ao goberno municipal que acelere a tramitación en setembro
Debe resolverse o pago das axudas pendentes de 2020. Un gran número de pemes e persoas autónomas seguen sen cobrar o 20% do importe das prestacións
Celebramos, en todo caso, que por fin se aprobasen as novas bases, incluíndo moitas das achegas da Marea Atlántica para axilizalas e melloralas
A Coruña, 20 de agosto de 2021.- A Marea Atlántica lamenta o gran atraso que acumulou a tramitación do Presco 2021, pois o goberno local non aprobou as bases das novas convocatorias de axudas ata o día de hoxe, 20 de agosto, mes e medio despois de que todos os grupos municipais sumásemos votos para impulsar este plan de rescate e dotalo dos fondos necesarios. “Hai xente que o está a pasar moi mal polas circunstancia de crise, e levan demasiado tempo agardando por unha man tendida do Concello”, sinala a nosa voceira, María García.
En todo caso, benvido sexa este avance, que permitirá solicitar as novas axudas e bonos ao consumo a partir do 1 de setembro. Instamos a Inés Rey a acelerar a tramitación o antes posible, para que as persoas e sectores máis afectadas pola crise e a pandemia poidan acceder a elas antes de que remate o ano. A falta de estudar con maior detalle as bases publicadas hoxe, lembramos que conteñen moitas das achegas da Marea Atlántica para melloralas e facelas máis áxiles.
Do mesmo xeito, reclamamos que se paguen canto antes as axudas que seguen pendentes de 2020, xa que son moitas as pemes, micropemes e persoas autónomas que están a denunciar que aínda non cobraron o 20% dunha subvención concedida o ano pasado e que, en teoría, era “urxente”.
Achegas da Marea Atlántica
Cómpre lembrar que, xa no mes de marzo, a Marea Atlántica presentou unha serie de propostas para “rescatar A Coruña”, que por desgraza tardaron meses en ser escoitadas. E grazas ao traballo de presión do noso grupo, o Presco 2021 entra en vigor con algunhas melloras significativas, como a posibilidade de presentar unha declaración responsable para adiantar o cobro do 90% das axudas directas e evitar atrasos coma os que aínda se acumulan de 2020. Porén, lamentamos que non existan criterios territoriais nestas convocatoria, para garantir un equilibro entre o centro e os barrios.
Na parte positiva, incorpórase una alternativa en papel para o uso dos Bonos Presco, facilitando que poidan acceder a eles as persoas con problemas pola fenda dixital, ou con modelos de móbil non compatibles coa aplicación que se usou na pasada convocatoria.
No que respecta ás subvencións á cultura, as negociacións da Marea Atlántica conseguiron aumentar a súa contía de aumentan de 90.000 a 120.000 euros, e ampliar a variedade de xéneros, linguaxes e modalidades que poden optar a elas, entre as que se inclúe por primeira vez a investigación artística. Tamén é novidade que as persoas beneficiarias vaian a ver remunerado o seu traballo, aínda que sexa cun límite do 20% do importe total. E, como é de sentido común, haberá profesionais da cultura na mesa de valoración de propostas.
Por desgraza, mantense o abuso do Concello, que obriga ás beneficiarias a cederlle os dereitos de autoría e asociados sobre as súas propias obras. Neste punto, as nosas queixas e suxestións foron desatendidas por completo.
Doutra banda, a Marea Atlántica logrou que as axudas destinadas á inserción laboral aumentasen a súa contía total, de 150.000 a 250.000 euros, así como o importe por cada contrato, que pasa de 1.000 a 2.500 euros. Garántese que os contratos serán polo menos dun ano e respectarán o salario mínimo e os convenios colectivos de cada sector, favorecendo unhas condicións de emprego dignas. Nestes momentos é moi necesario ofrecer alternativas ao aumento do paro e a precariedade.