Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica lamenta que, case en marzo, o goberno local teña sen pagar axudas do plan de choque de 2020 e apenas esbozado o de 2021
Presentaremos as nosas propostas, que incluirán apoio ao sector hostaleiro e reforzo das medidas sociais e de dinamización económica, pensadas para sumar
A Coruña, 25 de febreiro de 2021.- A Comisión de Facenda celebrada hoxe deixou claro que o goberno de Ines Rey non ten a cabeza en 2021. O portavoz do executivo local, José Manuel Lage, presentou un borrador para o novo plan de choque fronte á pandemia que chega sen traballar. O vicevoceiro e representante da Marea Atlántica na comisión, Iago Martínez, sinalou que “estamos case en marzo, agardando por un plan que era urxente en xaneiro, e o que nos poñen sobre a mesa é un borrador sen cifras, con propostas sen concretar, case sen novidades e con pasos atrás nalgunhas materias”.
Puidemos constatar, ademais, que aínda faltan axudas por pagar do plan de choque aberto en xuño de 2020, o chamado Presco, e que o convenio coa Deputación, que ten que achegar os fondos necesarios para executar esa axudas, non está aínda nin aprobado pola institución provincial. “Mentres tanto, hai negocios aos que lle seguen chegando facturas e impostos, e cada día son máis os que non volverán subir a persiana”, expresou Martínez.
O goberno local non ofreceu, tampouco, datos da execución actual do Presco 2020, nin unha avaliación cualitativa das súas medidas para poder melloralas. Son informacións que o noso grupo reclamou xa ata en tres ocasións e que o concelleiro de Facenda se comprometeu a presentar, pero segue sen cumprir a súa palabra.
O noso vicevoceiro asegura que “desde a Marea Atlántica realizaremos as nosas propostas para ter un mellor plan de choque en 2021 e, coma sempre, procuraremos sumar e chegar a acordos. Todo apunta a que, unha vez máis, será a oposición a que teña que sacarlle as castañas do lume a un goberno descentrado e ineficaz”.
Entre outras cousas, e como xa adiantamos, reclamaremos unha nova liña de axudas para a hostalería, o sector máis afectado polas restricións sanitarias, e que aínda onte volvía a manifestarse reclamando apoio das institucións. Non ten sentido repetir os mesmos erros que xa provocaron problemas o ano pasado, deixando 400.000 euros sen investir.
Como xa temos dito en numerosas ocasións, cómpre reforzar tamén o eixo social, que no borrador presentado hoxe ocupa só unhas poucas liñas de indicacións vagas, das que quedan fóra a ampliación da Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia, entre outros asuntos. Esta área tivo un baixísimo grao de execución en 2020, pese a súa importancia nestes momentos de crise. E que en 2020 tivo un baixísimo grao de execución, que convida a unha reflexión máis fonda.
Finalmente, chama a atención que mentres A Coruña é a cidade galega na que máis aumentou o paro no último ano, as axudas para o fomento do emprego desaparecen por completo no borrador do goberno para un novo plan de choque. Nova mostra de que Inés Rey e o seu equipo non teñen a cabeza en 2021.