Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica lamenta que a Xunta non volque os medios para conter o virus na área sanitaria da Coruña

A comparecencia de Feijoo dedicouse a repartir culpas e responsabilidades, pero non anunciou reforzos dos servizos médicos e asistenciais.

A Marea Atlántica lamenta que a Xunta non volque os medios para conter o virus na área sanitaria da Coruña
Feijoo
Feijoo

Preocúpannos especialmente o desleixo na atención primaria, así como a falta de alternativas ante o peche dos centros de día para maiores e dependentes.

A Coruña, 12 de agosto de 2020.- A Marea Atlántica fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva como chave para controlar a vaga de contaxios que está a producirse na área sanitaria da Coruña dende o 6 de agosto.

“Non é momento de relaxarse. Nin co noso comportamento individual, nin por suposto nas responsabilidades das administracións. A comparecencia de Feijoo é neste sentido, decepcionante”, apunta María Garcia, voceira da Marea Atlántica e, continua: “Hai que reverter a escalada de contaxios na Coruña e para isto adoptar as medidas de contención precisas, pero tamen reforzar os servizos médicos e asistenciais, que siguen a ser insuficientes".

Atención Primaria sen reforzo

Para evitar desbordar as urxencias no CHUAC cómpre ampliar a capacidade da Atención Primaria. Na Coruña é máis que preciso un reforzo contratando máis persoal, como veñen demandando plataformas como SOS Sanidade Pública. Trátase dun servizo fundamental por ser a primeira barreira de contención ante o virus.

A Xunta desoe as recomendacións dos sindicatos médicos de aproveitar o verán para axilizar listas de agarda e o traballo acumulado de cara ao outono. Nin sequera neste contexto de incremento dos casos de Coronavirus se produce o tan necesario reforzo de persoal na atención primaria.

Centros de día pechados sen máis opcións

O peche dos centros de día para persoas maiores e dependentes, sen vir acompañado de alternativas, deixa nas mans das familias o que debería ser un tratamento profesional e continuado. Estes centros son un servizo indispensable á hora da conciliación cando as persoas usuarias teñen un grao alto de dependencia, para as que cada día sen acudir ao seu centro supón un deterioro cognitivo ou un retroceso importante nas súas condicións vitais.

Tampouco fai mención Feijoo na súa intervención ás residencias de anciáns, especialmente vulnerables e para as que non se identifican maiores medidas que isolalas do seu exterior. "Agardemos que se aprendera do pasado e as residencias podan contar coa atención médica precisa, habilitando tamen vías de contacto coas familias e a maior transparencia sobre a súa situación".

Unha volta ao cole sen consenso

Neste momento de rebrotes non pode esquecerse que en menos dun mes comenzarán de novo as clases e que o protocolo marcado dende a Xunta de Galicia non está consensuado nin con ANPAS, nin con profesorado, nin con sindicatos ofrecendo unha morea de incertezas, ningunha garantía e arroxando ademais, toda a responsabilidade nos centros de ensino.

En resumo, a preocupación que o Presidente da Xunta di sentir pola área sanitaria da Coruña á hora de repartir culpas e responsabilidades non se traduce, desgraciadamente, nunha maior dotación de medios autonómicos para conter o virus. Nin os hospitais, nin a atención primaria, nin as residencias, nin os centros de dia, nin as escolas van poder contar con máis persoal e recursos autonómicos. "Parece que o máis importante para a Xunta sexa atravesar unha pandemia a custo cero", afirma Maria Garcia.

A Marea Atlántica lamenta que a Xunta non volque os medios para conter o virus na área sanitaria da Coruña