Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas actuacións do goberno local para a prevención de incendios forestais

María García: “Visitamos a zona do incendio de Elviña e detectamos eucaliptais sen rozar e unha gran cantidade de vexetación combustible acumulada. Xunta e Concello teñen que esforzarse moito máis na prevención"

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas actuacións do goberno local para a prevención de incendios forestais
20220810_SGR_incendio_castro_elvinha_Z7F1325
Incendio Castro Elvinha

Os peores lumes tenden a producirse ao final do verán, e este ano, coa seca persistente, cómpre multiplicar esforzos

A Marea Atlántica insta á Xunta de Galicia ao Concello da Coruña a facer un maior esforzo, cada quen na súa área de competencia, na roza de terreos próximos a núcleos poboados e na prevención de incendios neste verán marcado pola seca persistente. No Pleno, preguntaremos cantos expedientes abriu o Concello da Coruña en 2022 para requirir a roza vexetación en parcelas privadas próximas ás vivendas, co motivo de previr incendios. O noso grupo vén de rexistrar unha serie de preguntas para coñecer en que fase se atopan estes expedientes, cantos cumpriron a orde de roza e como actúou o goberno local ante as negativas. Impuxéronse multas? Realizouse algunha execución subsidiaria en casos nos que as persoas titulares das parcelas non actúan?

A nosa voceira, María García, visitou a zona afectada polo incendio que os días 3 e 4 de agosto queimou arredor de catro hectáreas da parroquia de San Vicenzo de Elviña, co lume chegando ata as beiras da escavación arqueolóxica do Castro de Elviña. E puido comprobar que existe unha gran cantidade de vexetación combustible aínda acumulada nos arredores. “Temos que instar ao Concello e sobre todo á Xunta de Galicia, que é competente en terreos fora das zonas urbanas, a que fagan cumprir a lei. O estado da vexetación é inaceptable: plantacións de eucalipto sen rozar, plumachos, enormes acumulacións de combustible seco próximas a zonas poboadas…”, sinala. 

“Foi a rápida actuación dos efectivos anti incendios do Concello e a Xunta o que permitiu controlar o lume e que non houbese danos graves que lamentar”, explica María García. Pero tamén avisa de que “os lumes máis perigosos adoitan producirse cara o final do verán, no remate de agosto, en setembro e mesmo entrado outubro, cando a vexetación e a terra están máis secas.  Este ano, coa falta de chuvia, deberíamos extremar esforzos. Estamos a presenciar incendios devastadores fentro e fóra de Galicia”. 

Preguntaremos, ademais, como se está a coordinar o Concello co Distrito Forestal da Xunta de Galicia para traballar na prevención de incendios, tanto a curto coma a medio prazo. O urxente é rozar a vexetación a carón das vivendas, pero tamén é necesario traballar con paso longo e substituír especies pirófitas como o eucalipto, que favorecen a expansión do lume, e recuperar o bosque autóctono que achega sombra, humidade e frescura ao terreo. "A emerxencia climática está a traernos veráns máis cálidos, secos e maior risco de incendios. Non podemos ter os espazos verdes e o monte convertidos nun polvorín"

Máis de 1.000 requirimentos de roza 

No pasado mandato multiplicáronse por tres os requirimentos do Concello para a roza de parcelas privadas, pasando de 300 a máis de 1.000. Tamén se actuou subsidiariamente no caso de que as persoas propietarias non cumprisen coa súa obriga de rozar a vexetación seca. É un traballo fundamental, ao que debería dárselle continuidade, no marco do Plan Municipal para a Prevención de Incendios, deseñado polo equipo de goberno de Xulio Ferreiro e aprobado a inicios do actual mandato.

Finalmente, a nosa portavoz lembra que “a emerxencia climática e a acumulación de biomasa combustible en montes sen coidar están xerando lumes que en ocadións desbordan a capacidade dos equipos de extinción. Como tantas veces se di: os lumes apáganse durante o inverno, traballando na prevención”.

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas actuacións do goberno local para a prevención de incendios forestais