Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama na Deputación unha moratoria eólica completa

Alberto Lema: “A paralización temporal anunciada pola Xunta inclúe excepcións que lle quitan todo o sentido e rigor. Poden aprobar os parques eólicos que queiran e cando queiran" 

Reclamaremos un plan provincial para á atención ás persoas migrantes, sobre todo no ámbito rural 

 

A Marea Atlántica reclama na Deputación unha moratoria eólica completa
Alberto Lema
Alberto Lema

O grupo provincial da Marea Atlántica defenderá no Pleno da Deputación deste venres dúas iniciativas políticas, para reclamar un control serio e real da proliferación de parques eólicos e para propoñer apoio á poboación migrante contra a desigualdade e a discriminación

Na primeira destas iniciativas, denunciamos que a suposta “moratoria eólica” anunciada por Alberto Núñez Feijóo, é só unha manobra propagandística destinada a acalar as protestas cidadás. Na realidade, dentro dese prazo de 18 meses no que teoricamente se prohibe instalar novos parques eólicos, establécese unha excepción tramposa para “aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia”. É dicir, como di o noso voceiro provincial, Alberto Lema, “que hai unha porta de atrás pola que se seguirán a construír os parques que Feijóo queira e cando el queira”. 

Parques eólicos: alto impacto, beneficios para os de sempre 

Segundo os datos da propia Xunta, o 24% do territorio galego está ao dispor das empresas enerxéticas que queiran explotar o vento galego, o que se está a traducir nunha auténtica enxurrada de centos, literalmente, de parques eólicos de alto impacto ambiental e enormes molestias para as poboacións ao carón das que se asentan, que nin sequera gozan dun abaratamento da factura eléctrica. Todo é beneficio para as grandes empresas de sempre: Naturgy, Endesa e Iberdrola, que controlan o 81% do mercado e que foron no seu día empresas públicas privatizadas. Todo isto, como é lóxico, están a atopar unha grande mobilización cidadá. 

Estas instalacións, ademais, xeran moi poucos postos de traballo e as empresas mesmo están a deslocalizar a fabricación, como amosa o peche de Siemens-Gamesa nas Somozas, e o inminente de Vestas en Viveiro. 

Por todo o sinalado, procuraremos o apoio maioritario da Deputación para instar á Xunta de Galicia a establecer unha moratoria completa e real en todo o territorio galego. E a elaborar dunha vez un novo Plan Eólico, xa que o actual está completamente obsoleto, pensado para cando os aeroxeradores medían 50 metros de alto e non 250. É preciso renovar a norma para que “garanta a a participación efectiva da cidadanía e a protección do territorio”. 

Doutra banda, defenderemos unha moción para reclamarlle á Deputación un plan de asesoramento integral á poboación migrante da provincia, especialmente fóra das áreas urbanas, que sirva para reforzar os programa de atención social nos diferentes Concellos e que se coordine coas ONG que xa traballan a diario con estas persoas e coñecen a súa realidade. 

A poboación migrante segue en aumento 

Á fin e ao cabo, a poboación nacida no estranxeiro está a aumentar cada día na provincia coruñesa. Pasou de representar o 4% do censo en 2002 ao 9,1% en 2020, e todo indica que a tendencia seguirá á alza. A realidade destas persoas é moi diferente en función do seu lugar de orixe, da cor da súa pel e do seu xénero, pero é innegable que moitas delas sofren discriminación, illamento e mesmo odio. 

E como levan tempo denunciando as entidades do terceiro sector, fóra das cidades os recursos para prestarlles axuda son moi precarios. De aí que reclamemos que a Deputación tome partido e siga os consellos que ofrece na súa propia estratexia e diagnose de igualdade “Compartimos Plan” onde afirma que é preciso “atender a unha poboación nada no estranxeiro que está feminizada e que se pode ver afectada por unha tripla discriminación” sinalando a importancia dunha perspectiva comarcal que atendas as diferentes realidades do territorio. 

Desde a Marea Atlántica, continuaremos a facer traballo político e a dotar de contido os Plenos da Deputación, como amosan os datos oficiais: foi o noso grupo o que presentou ou 46% das mocións e iniciativas políticas debatidas no terceiro trimestre de 2021.

A Marea Atlántica reclama na Deputación unha moratoria eólica completa