Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclama que se convoquen xa os Orzamentos Participativos
María García: “Salvemos os Participativos, poñamos polo menos tres millóns para que a veciñanza volva ter vía directa para decidir unha parte dos investimentos municipais, e como primeiro paso para uns Orzamentos 2022”
Inés Rey eliminou esta ferramenta de participación cidadá en 2020 e dificultou moito a de 2019. Recuperala sería un xeito de frear o constante retroceso democrático do Concello e de respectar os acordos de investidura
A Coruña, 9 de xuño de 2021.- “O goberno municipal debe recuperar os Orzamentos Participativos se quere frear o retroceso democrático neste Concello, e non repetir o erro de manter as contas prorrogadas un ano máis. Salvemos os Participativos, reservando polo menos tres millóns de euros para unha nova edición”. Así falou a portavoz da Marea Atlántica, María García, para reclamar que se restaure unha das principais ferramentas de participación veciñal na Coruña, eliminada en 2020 tras catro convocatorias con crecente implantación na cidade. Respectalos foi, ademais, un dos acordos aos que chegamos co PSOE para facer posible a investidura de Inés Rey, un dos moitos que están incumpridos.
María García ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto á concelleira Claudia Delso, responsable de Participación no mandato anterior, e lembrou que “entre 2016 e 2019 A Coruña tivo nos Orzamentos Participativos unha porta aberta para que a xente escollese, sen intermediarios, unha parte dos investimentos do Concello. A veciñanza tiña un dereito que se consolidara durante catro anos, e que agora perdeu”.
“Desde a Marea pensamos que preguntarlle primeiro á veciñanza o que quere pode ser un bo camiño para comezar a elaboración duns Orzamentos 2022 e non manter as contas prorrogadas un ano máis. A cidade está a pagar as consecuencias desta decisión unilateral de Inés Rey, afrontando a crise que nos deixa a pandemia con investimentos reducidos e menor capacidade de manobra”.
Delso engadiu que, no traspaso de poderes, Inés Rey recibiu a que por agora foi a última convocatoria dos Orzamentos Participativos, “e ben antes da pandemia puxo todos os problemas posibles para resolvela, acortando os prazos de votación a unha soa semana, cando antes eran tres, e endurecendo as condicións para aceptar propostas”. Coa mesma actitude, en outubro de 2020 anunciou que enterraba este programa de democracia directa, como xa fixera cos encontros Dillo Ti ou coas consultas públicas.
Da vangarda ao neovazquismo
“Pasamos de ter unha cidade na vangarda das políticas de participación, a unha volta ás políticas clientelares do neovazquismo. Sen diálogo non se fai cidade para o común, só para unhas poucas e privilexiadas persoas”, resumiu Claudia Delso. E sinalou, tamén, que “este goberno prometeu ter os despachos abertos, pero resulta difícil acceder a eles se non es o dono dunha construtora”.
Mostra deste retroceso democrático é o trato que se lle está a dar ás asociacións veciñais e organizacións que non din amén a todo o que fai o goberno, como vimos no último Pleno co desprezo do voceiro de Inés Rey á Asociación Veciñal do Castrillón (vídeo) ou cos intentos de desprestixiar a manifestación en defensa do porto convocada e apoiada por 70 entidades da área metropolitana, pero só son os últimos episodios dunha longa lista.
Por iso, en palabras de María García, “pedimos o regreso dos Orzamentos Participativos non só para ter unha cidade máis democrática, tamén para que o PSOE respecte polo menos un dos acordos coa Marea Atlántica”. É o momento de retomar esta vía de participación directa nos asuntos públicos. E debería respectarse a contía de tres millóns de euros fixada nas últimas edicións, dous para proxectos por distritos e un para iniciativas que afecten a toda a cidade.
Finalmente, reclamamos que se dea a coñecer o grao de execución dos proxectos cidadáns aprobados na convocatoria 2019, da que non se ofreceu un só dato polo de agora. “Cremos que escoitar á cidadanía é o camiño para unha cidade e un concello máis democrático. Por iso, salvemos os participativos”, concluíu María García.