Marea Atlántica | Nota de prensa | Porto exterior

A Marea Atlántica reclámalle á Autoridade Portuaria da Coruña que deixe de ocultar información sobre as irregularidades contables das obras do Porto Exterior

Un xulgado confirma a obriga da APAC de entregar a documentación dos anos 2012, 2013 e 2014 investigados polo Tribunal de Contas e repartidos entre o PP e o PSOE

Xiao Varela: “É unha vergoña que un ente público gaste recursos en acudir á xustiza para ocultar información”

A Marea Atlántica reclámalle á Autoridade Portuaria da Coruña que deixe de ocultar información sobre as irregularidades contables das obras do Porto Exterior
Puerto-Exterior A
Puerto-Exterior
23 de setembro de 2019.- O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle á Autoridade Portuaria da Coruña que deixe de ocultar información sobre o financiamento das obras do Porto Exterior e faga públicos os documentos que lle solicitou o concelleiro Xiao Varela o ano pasado, relativos á investigación do Tribunal de Contas por irregularidades contables. Despois de que esta semana o xulgado do Contencionso nº9 de Madrid reiterara a obriga da APAC de ser transparente, Varela declarou que “é unha vergoña que un ente público estea a gastar recursos en acudir á Xustiza para ocultar información, en lugar de preocuparse por resolver as súas presuntas irregularidades e a súa enorme débeda”.

Varela, sendo conselleiro da Autoridade Portuaria, solicitara documentación relativa a 2012, 2013 e 2014, anos nos que o Tribunal de Contas atopou indicios de irregularidades contables, repartidas entre os gobernos do PSOE e o Partido Popular. Cando a petición lle foi denegada, acudiu ao Consello de Transparencia, que fallou ao seu favor e reiterou a obriga da APAC de entregarlle os informes que solicitara. Pero en lugar de facelo, a entidade portuaria levou ao xulgado ao propio Consello da Transparencia, nunha demanda que acaba de perder.

A sentenza do tribunal é contundente, e sinala que a información solicitouse “en exercicio dun dereito” e con motivos xustificados pola finalidade da Lei de Transparencia, “que non é outra que someter a escrutinio a acción dos responsables públicos, vendo como se manexan os fondos públicos”.

A opacidade como forma de goberno

Non é a primeira vez que a Autoridade Portuaria oculta información, xa o fixera no relativo ás dietas que cobra o seu Consello de Administración. Tivo que ser a Comisión de Transparencia a que obrigara a compartir estas cifras, e entón soubemos que por dúas horas de traballo, as persoas que se sentaban neste consello (como a actual voceira municipal do PP, Beatriz Mato) cobraban case 750 euros por cada reunión de dúas horas. Só Xiao Varela renunciou a estes cartos, en cumprimento do Código Ético da Marea Atlantica.

Polo tanto, reclamámoslle á Autoridade Portuaria que abandone a opacidade como modus operandi e entregue a documentación relativa á investigación do Tribunal de Contas. “En lugar de esforzarse por branquear o seu pasado, o presidente da APAC faría mellor en centrar os seus esforzos en colaborar do Concello da Coruña e coa Comisión Especial do Bordo Litoral, para que os peiraos interiores se transformen nun espazo público e non nunha operación especulativa”, indicou Xiao Varela.

A Marea Atlántica reclámalle á Autoridade Portuaria da Coruña que deixe de ocultar información sobre as irregularidades contables das obras do Porto Exterior