Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica traslada a súa solidariedade ao cadro de persoal de Nostián e insta ao Concello a acelerar a nova concesión
María García: “Os novos pregos para a xestión da planta de reciclaxe inclúen cláusulas sociais, que protexen o emprego. É urxente licitalos”
García lembrou que “o goberno da Marea estivo sempre do lado do cadro de persoal, para frear despidos e baixadas salariais”. E por iso mesmo introduciu cláusulas sociais nos novos pregos para a xestión da planta, “que garanten non só os postos de traballo e as condicións laborais, senón que impedirán no futuro este tipo de chantaxes”. Non en van estes pregos foron elaborados cun proceso pioneiro de consulta pública do que formaron parte, entre outros colectivos, as traballadoras e traballadores de Nostián.
Así, a nosa voceira volveu instar ao goberno municipal a esgotar todas as vías para garantir o funcionamento da planta de Nostián a partir do 1 de xaneiro, cando remata o actual contrato, e a comezar xa a licitación dos novos pregos, que se lles entregaron practicamente listos no traspaso de poderes. De novo, ofreceu toda a colaboración da Marea Atlántica.
Unha empresa sempre belixerante
“Albada utiliza diversos medios de presión e chegou a incumprir sentenzas xudiciais que a obrigan a facerse cargo dos residuos rexeitados, acumulándoos irresponsablemente como fixo aínda este verán. Tamén está pendente de selar o vertedoiro colmatado desde 2007”, explicou María García. Dende 2011, a empresa percibiu case 2 millóns de euros anuais que non lle correspondían, para facerse cargo dos rexeitamentos. Cando o Concello deixou de asumir esas facturas tras a sentenza dos xulgados, intensificáronse os problemas.
Ante esta situación, reclamou tamén que a Xunta de Galicia “exerza as súas competencias como autoridade ambiental e garanta que o servizo de Nostián se preste en condicións legais. Hai máis dun ano que ten pendente sancionar a empresa polo vertedoiro. A que agarda para pechar os expedientes?”.