Medio ambiente
María García: “A declaración das Illas de San Pedro como espazo natural está a piques de caducar pola parálise da Xunta”
A contorna da Torre de Hércules, o espazo con maior biodiversidade da Coruña, leva ano e medio agardando pola declaración provisional de ENIL
“O 17 de novembro de 2017 publicouse no DOG a declaración provisional das illas de San Pedro como ENIL, a Xunta tiña dous anos para aprobar a declaración definitiva e aínda non sabemos nada”, explicou María García. No próximo Pleno do Parlamento de Galicia, a vindeira semana, Xan Xove pediralle explicacións á conselleira de Medio Ambiente a través dunha pregunta oral urxente por esta “falta de compromiso coa defensa ambiental e coa cidade da Coruña”, para instala a desbloquear dunha vez esta resolución.
Sería a segunda vez que este procedemento caduca. Xa fóra iniciado polo bipartito PSOE-BNG, pero en 2011, coa chegada do PP a María Pita, o goberno de Carlos Negreira non chegou a presentar a documentación solicitada. “Agora o Concello fixo todos os deberes, xa no anterior mandato, pero volve ser o PP, desde a Xunta, quen paraliza a declaración de ENIL, por puro desinterese, porque é un proxecto que nin sequera lle esixe dotación orzamentaria da Xunta”, afirma María García.
Polo que respecta á contorna da Torre de Hércules, a zona con maior biodiversidade da Coruña, o Concello entregou toda a documentación requirida o 6 de xuño de 2018, “só para que un mes despois se nos pedise que remitísemos todo outra vez, pero en castelán”, sinalou a voceira municipal da Marea Atlántica. “Fixémolo e despois dunha tortuosa e lentísima tramitación, aínda non temos nin a declaración provisional de ENIL. Á Xunta non lle importa a protección da natureza, nin xestiona os seus espazos nin deixa que o fagan os concellos”.
Para Xan Xove, “esta é a enésima mostra de que á Xunta non lle importa a cidade da Coruña, xa que bloquea sistematicamente todos os proxectos que teñen que ver con ela. Nin tampouco lle importa a protección ambiental, decisiva na loita contra o cambio climático e contra a perda de biodiversidade”. O deputado lembrou, ademais, que a protección das Illas de San Pedro é unha demanda histórica dos movementos ambientalistas da Coruña xa desde os anos 90, debido a gran riqueza natural da zona.
O compromiso ambiental do goberno da Marea Atlántica
En contraste co desinterese da Xunta, o goberno da Marea Atlántica puxo en marcha xa varias medidas para protexer as illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules, sen agardar pola declaración de ENIL.
No caso da Torre, estableceuse un plan de segas que respecta a época de cría das aves e outros animais, o que levou a un visible aumento da biodiversidade. Tamén se regularon os eventos públicos, e realizaronse campañas de educación ambiental e retirada de especies invasoras, como a unlla de gato.
Nas Illas de San Pedro encargouse un observatorio de aves na costa a cargo dos fondos DUSI e púxose en marcha un estudo sobre a reprodución do corvo mariño cristado, unha especie singular e ameazada. Medidas ás que agardamos que o goberno do PSOE lle dea continuidade.
Tamén se realizou un detallado Mapa da Biodiversidade na Coruña, que identificou arredor de 3.500 especies animais e vexetais no municipio, sinalando os puntos de maior valor natural. Entre eles salientan, por suposto, as illas de San Pedro e a contorna da Torre, eses que a Xunta non quere protexer.