Marea Atlántica | nota de prensa
Menos impostos para familias monoparentais, máis para telefónicas e bancos
A voceira da Marea Atlántica, María García, e o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, anunciaron hoxe en rolda de prensa o acordo ao que ambos grupos chegaron para reformar trece ordenanzas fiscais do Concello, afianzando unha fiscalidade máis xusta e redistributiva. En palabras de María García, “damos un pasiño adiante cara a xustiza fiscal, porque cos impostos tamén se fai política con maiúsculas. Pedímoslle un esforzo maior a quen máis ten e axudamos a quen máis o precisa”.
García salientou que a Marea Atlántica volve dar exemplo dunha oposición responsable, “porque somos quen de achegar medidas positivas para o conxunto da veciñanza. No pasado mandado sufrimos as consecuencias do bloqueo permanente, e sabemos o que significan para a cidade. Hoxe, quen busque bloqueos, terá que mirar a San Caetano e á Moncloa”.
Así, nestas novas ordenanzas que irán a Pleno en novembro, as familias monoparentais, un tipo de fogar cada vez máis común, gozarán das mesmas bonificacións de taxas que as familias numerosas. E as empresas que tiveran perdas en 2020, o ano da pandemia e facturen máis dun millón e menos de 2 millóns, optarán a unha bonificación de ata o 10% no IAE. As que facturan menos dun millón xa están exentas deste tributo.
A cambio, crease unha nova taxa para que as empresas de telefonía paguen polo uso do subsolo no que instalan as súa redes, e subiránselle os impostos aos bancos por instalar caixeiros automáticos nas rúas, especialmente no centro.
Ademais, como xa se anunciou esta fin de semana, as asociacións veciñais e as ONG poderán solicitar de balde o uso dos mercados e instalacións deportivas municipais para eventos sen ánimo de lucro. “É un xeito de apoiar ao tecido asociativo da Coruña, sempre vivo e activo, e poñer á súa disposición recursos municipais. Segue a liña que xa abriu a Marea Atlántica ao facilitar o uso dos centros cívicos e os museos científicos, mesmo ao crear os espazos TEU no Faro de Oza e en Novo Mesoiro”.
Finalmente, e para darlle un enfoque verde á fiscalidade, ampliaranse as bonificacións aos composteiros que xa se implantaron en 2019, e comezarán a estudarse fórmulas para implantar o pago por xeración: onde máis lixo se produza, máis alta será a taxa.
Fronte as baixadas de impostos en “tarifa plana” que defende o Partido Popular, esta proposta para as ordenanzas fiscais procura unha maior redistribución da riqueza e unha fiscalidade máis xusta. “Porque é a través dos impostos como se financian os servizos públicos, que é o que nunca nos conta a dereita. Por iso Feijóo ten a sanidade e a educación pública como a ten, como nos lembra a mobilización que houbo esta mañá ante a sede da Xunta en Monelos”, di a nosa voceira.
As cuestións pendentes: o copago na axuda a domicilio
María García sinalou que, dentro deste conxunto de medidas positivas, “gustaríanos ter ido un paso máis alá”, pois algunhas das propostas da Marea Atlántica quedaron fora do acordo final. É o caso da eliminación do copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio: un custo de 600.000 euros que beneficiaría a 1.500 familias na Coruña, e polo que seguiremos loitando en nome da conciliación e dos coidados.
Tampouco foi aceptada a nosa proposta para baixarlle o IBI ao pequeno comercio e a hostalería, por ser sectores moi afectados pola crise e a pandemia. Do mesmo modo que se fixo en 2015 coas actividades pesqueiras, unha área económica decisiva para A Coruña.
“Pero, a pesar destes matices, votaremos a favor das novas ordenanzas fiscais. Saben por que? Porque este acordo que presentamos hoxe, e que irá a Pleno o mes que vén, é positivo para A Coruña. É un avance. É, se me permiten a simplificación, facer que bancos e empresas telefónicas paguen máis, para que as familias monoparentais e as entidades sen ánimo de lucro paguen menos. É para apoiar estes avances sempre se poderá contar coa Marea Atlántica”.
Estes son os cambios para unha maior xustiza fiscal
1. Que pague máis quen máis ten:
- Nova taxa para que as empresas de telefonía paguen polo uso so subsolo ao instalar as súas liñas de cable. Xa que se benefician do espazo público, que contribúan a soster os servizos públicos.
- Actualízase ao IPC a taxa que os bancos pagan pola instalación de caixeiros automáticos, tras 11 anos sen renovarse. E tendo en conta o territorio: a suba será maior no centro que nos barrios..
2. E que reciba apoio quen o precisa:
- Bonificación para as pemes que tiveran perdas en 2020, o duro ano da pandemia. Se facturan entre un e dous millóns de euros anuais, verán reducido o IAE entre un 6% e un 10%. As que facturan menos dun millón xa están exentas deste tributo.
3. As familias monoparentais terán as mesmas bonificacións que as familias numerosas:
- 50% de bonificación nas taxas da auga, lixo e saneamento. É un tipo de fogar cada vez máis común e que debe situarse no foco das políticas públicas.
- Non só teñen máis dificultades de conciliación, tamén maior risco de pobreza.
4. Cero taxas para eventos sen ánimo de lucro en mercados e instalacións deportivas.
- ONG e asociacións veciñais poderán solicitar o uso destes equipamentos municipais sen custo para eventos de interese social.
- Se venden entradas, só pagarán o 50% das taxas.
- Unha forma de apoiar ao tecido asociativo da Coruña, vivo e activo nos barrios.
5. No lixo, imos cara o pago por xeración:
- Avánzase no camiño xa iniciado en 2019, con bonificacións na taxa do lixo a quen empregue composteiros.
- Comezarán a estudarse os residuos nos barrios para avaliar a calidade da separación.
- Analizaránse as alternativas para que quen mellor recicla pague unha menor taxa do lixo. É importante que todas colaboremos para reducir os residuos.