Nota de prensa MODEPEN

Modepen continuará as mobilizacións en defensa dunhas pensións públicas dignas

O Movemento en Defensa das Pensións acudirá o venres ao Pleno da Deputación da Coruña, onde se debaterá unha moción en apoio ao sistema público de pensións, redactada polo Modepen e defendida por Compostela Aberta e Marea Atlántica

Modepen continuará as mobilizacións en defensa dunhas pensións públicas dignas
IMG_20180317_121407_825
Movilización en defensa das pensións

O pasado 17 de marzo, en máis de 145 cidades e poboacións importantes de España, o Movemento en Defensa das Pensións (Modepen) mobilizou a máis dun millón de persoas. Na nosa cidade, A Coruña, concentráronse dez mil persoas no Obelisco nunha mostra de dignidade e civismo, e cos seguintes obxectivos:

  1. Defensa dun Sistema Público de Pensións no que queden garantidas unhas contías suficientes das mesmas, como di o artigo 50 da Constitución Española.
  2. Derrogación das reformas do ano 2011 e 2013 que endureceron as condicións de acceso e baixaron extraordinariamente o importe das pensións.
  3. Esixir ao goberno do Partido Popular un aumento anual das pensións, de acordo co IPC.
  4. Estabilizar as pensións mediante a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado.

Queremos transmitir o noso agradecemento a toda a poboación mobilizada, pensionistas, mocidade, mulleres, familias enteiras e diversos movementos sociais que se sumaron a este clamor popular para a creación dunha sociedade máis igualitaria. Dende a Coordinadora Estatal e dende Modepen Coruña sentimos un fondo orgullo por ter sintonizado con este inmenso colectivo de pensionistas.

Convén aclarar que o Modepen é un movemento social apartidista, asembleario, aberto, transversal e inclusivo no que teñen cabida todo tipo de persoas, e cuxo único obxectivo é a defensa do
sistema público de pensións
.

O goberno do Partido Popular xa anunciou medidas de maquillaxe que non resolven o problema. Por iso facemos un chamamento a continuar coas mobilizacións nos próximos días, porque a nosa táboa de reivindicacións é ampla e leva a unha mellora global para as actuais e futuras persoas pensionistas. Recoñecémonos neste colectivo, ao que defendemos diante da inactividade de axentes políticos e sociais que durante años teñen mirado para outro lado ou, directamente, teñen lexislado contra o sistema de pensións. Vímolo nos últimos meses, cando a Mesa do Congreso foi usada para bloquear iniciativas parlamentarias que favorecían ás persoas pensionistas.

Así, este venres, 23 de marzo, estaremos no Pleno da Deputación da Coruña para apoiar a moción en defensa das pensións que se debaterá no mesmo. Foi redactada polo Modepen e será defendida polos grupos da Marea Atlántica e Compostela Aberta.

Do mesmo xeito, o 16 de abril, nunha hora aínda por determinar, concentrarémonos fronte ao
Concello da Coruña, para denunciar o Produto Europeo de Pensións Individuais, un novo
regulamento que está próximo a aprobarse na UE e que obrigaría a todos os estados membros a
aplicar aínda máis descontos aos plans de pensións privados, en detrimento do sistema público.

Ademais, o 13 de abril convocaremos unha asemblea aberta no Centro Cívico de Monelos, ás 16.30 horas, para organizar as seguintes mobilizacións. Toda a cidadanía está convidada a participar.

O Modepen naceu dende abaixo, dende o pobo e, co pobo libre e organizado, estamos aquí para reverter esa situación. E aí, nas rúas e co pobo,continuaremos.

Modepen continuará as mobilizacións en defensa dunhas pensións públicas dignas