Eleccións municipais | BNG
“Moitos plans; feitos, poucos”
Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, recrimina ao goberno municipal a falta de concreción de políticas públicas sobre o pequeno comercio.
A Coruña, 14 de marzo.- “Moitos plans; feitos, poucos”, resumiu esta mañá Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, a acción do goberno municipal nestes últimos catro anos respecto do comercio de proximidade e dos barrios. Foi durante o primeiro debate entre forzas políticas (sete) na precampaña electoral, o organizado por Ascega na súa sede, e á que só concorreron dous dos cabezas de lista, o propio Jorquera e o representante de Alternativa dos Veciños.
“O que vimos facer é explicar cada un as nosas propostas, e iso non significa dar leccións. Aquí utilizouse o argumento de que nós vimos presentar propostas pero que hai quen presenta feitos contrastados e que non veñamos a darlles leccións [en referencia a intervención de Alberto Lema, concelleiro de Emprego e Turismo do actual goberno municipal]. Eu non discuto que nesta cidade se fixeron moitos plans, efectivamente... se fixeron moitisimos, o que discuto é que haxa moitos feitos”, dixo Jorquera antes de facer sinalar algún dos plans que ficaron no papel.
“Mercados? A realidade é que se anunciaron e mesmo se orzamentaron as reformas dos mercados de Monte Alto, Santo Agostiño ou Santa Lucía e que as obras que se fixeron foron menores e pecharemos este mandato con catro anos de incumprimentos. Esa é a realidade”.
Tamén se referiu o candidato nacionalista a posición “inequívoca” do BNG respecto da proliferación das grandes superficies comerciais, mais indicou que hai procedementos regulados e preguntoulle ao concelleiro Lema se o goberno da Marea Atlántica lle negará a licencia de apertura á nova superficie comercial que substituirá ao antigo Dolce Vita. Non houbo respostas por parte de Lema.
Defensa intensa do pequeno comercio
Fixo Jorquera durante o debate unha defensa intensa do comercio de proximidade e da revitalización dos barrios da cidade no día que, como lembrou o propio candidato, se facía público o dato de que o 25% do pequeno comercio coruñés cesara a súa actividade nos últimos tres lustros. “Os mercados municipais teñen que repensarse como centros de dinamización económica dos barrios”, insistiu Jorquera para subliñar a urxencia de actuar neste ámbito, “mellorando as instalacións, ampliando horarios, diversificando usos: os mercados poden albergar feiras gastronómicas, obradoiros de artesanía, eventos culturais e múltiples actividades máis compatíbeis cos usos tradicionais”.
Ademais, Francisco Jorquera tamén incidiu na necesidade de impulsar as festas e celebracións propias de cada barrio como elementos de dinamización social e comunitaria volveu ofrecer “un marco de diálogo e consulta permanente cos colectivos, asociacións e veciñanza en cada barrio”.