Coidados e innovación

Novo sistema tecnolóxico para mellorar a atención no servizo de axuda no fogar

O novo programa, que leva un mes en funcionamento, permitirá que as persoas usuarias se comuniquen de maneira directa aos servizos municipais e que o Concello poida fiscalizar a xestión das empresas concesionarias

Novo sistema tecnolóxico para mellorar a atención no servizo de axuda no fogar
20190109_DELSO_CAMEAN_OMAD_SOFTWARE_001
Claudia Delso e Silvia Cameán na presentación do novo software

A Coruña, 9 de xaneiro de 2019.- O servizo de atención a domicilio conta dende hai un mes cun novo sistema informático que permite ter unha maior axilidade, automatización e control do sistema, “o que repercute nunha atención de máis calidade para as persoas usuarias”, explicou esta mañá a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. A responsable municipal, xunto a edil responsable de Innovación, Claudia Delso, expuxo esta mañá as vantaxes que o novo software aporta tanto para a análise da prestación do servizo por parte do Concello, na coordinación das empresas que executan os labores de asistencia e para as propias persoas usuarias. A axuda a domicilio atende a máis de 1.500 persoas que reciben máis de 400.000 horas anuais de servizo, “o que dá unha idea da complexidade que pode ter este sistema e da necesidade de contar cun sistema que automatice e facilite o traballo e as comunicacións”, indicou Cameán.

Esta ferramenta permite á Concellería de Xustiza Social e Coidados ter un maior control do servizo e da xestión da axuda a domicilio en distintos ámbitos, tanto de cara ás empresas como para as familias. Así, tal e como indicou a concelleira do ámbito, as persoas usuarias poderán ter un sistema para comprobar información relacionada do seu programa de intervención, horarios ou outras cuestións do día a día pero tamén unha canle de comunicación directa cos propios servizos municipais de atención, sen ter que recorrer ás empresas como intermediadoras. “Nun caso práctico, isto supón que as propias persoas usuarias poden trasladar directamente situacións que poden ocorrer, como a excesiva rotación de persoas coidadoras, para que poidamos intervir e corrixir ese déficit na atención que non se pode dar”, exemplificou Cameán. O novo sistema permite tamén as comunicacións en tempo real entre traballadores, traballadoras, empresas concesionarias e o Concello, o que repercutirá nun maior control das incidencias que poida xurdir, dos horarios ou das rotacións do persoal, entre outras cuestións, “moi demandadas tamén polos coidadores e coidadoras do servizo”.

A concelleira salientou tamén que o novo sistema terá efectos positivos nas traballadoras do servizo municipal “que poderán deixar de lado o apartado máis administrativo, de papeleo, para centrarse na atención ás persoas, en mellorar a súa calidade de vida”. Así, indicou que o control do servizo ata a instalación, hai un mes, deste novo software facíase de maneira manual, mediante protocolos, que sumaron o ano pasado 9.000 intervencións de diferente natureza, como poden ser chamadas ou outro tipo de xestións. “Para nós a atención á dependencia é fundamental, levamos moito tempo traballando por mellorar a atención neste servizo, que xa melloramos coa súa reorganización no 2017, cando incorporamos dúas novas formas de atención como son o seguimento telefónico das persoas maiores con dificultades de mobilidade e darlles así a cobertura sen ter que desprazarse, e tamén o servizo de acompañamento, para as persoas que teñen dificultades moi notables para realizar trámites que para nós resultan moi sinxelos como son o pago das facturas, por exemplo”, indicou a edil.

Este novo software, que está financiado a cargo dos Investimentos Finaceiramente Sostibles e que ascende a 200.000 euros, “segue a liña marcada polo Goberno local de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, para facilitar os procesos e facelos máis accesibles á cidadanía e mellorar os servizos públicos”. A edil Claudia Delso recalcou que este software permite que as persoas usuarias poidan acceder á información sobre a súa prestación, avanzando así na transparencia do sistema, ao tempo que a introdución da tecnoloxía “afonda na mellora duns servizos públicos que non están tan modernizados como deberían”. Así, explicou que este sistema non só permite unha comunicación a tempo real e máis fluída e que permite mellorar a atención e o coñecemento das incidencias, senón que tamén afonda no rigor na execución e transparencia do servizo, xa que con este software é posible implantar procedementos de traballos estandarizados e que cumpran coas normas de calidade, así como garantir a trazabilidade das intervencións.

Novo sistema tecnolóxico para mellorar a atención no servizo de axuda no fogar