Nota de prensa | Orzamentos Xerais do Estado
O BNG valora como electoralista a proposta orzamentaria do Goberno para A Coruña
Desde o BNG entendemos que a proposta de investimentos para A Coruña que se recolle nos orzamentos xerais do Estado están realizados desde unha perspectiva moi electoralista.
Neste sentido, o Partido Popular recupera partidas que noutros anos se tiñan proposto para a Coruña pero que nunca chegaron a executarse, ou mesmo, con todo descaro, coloca “no haber” investimentos, como o da Ría do Burgo que nunca se dan executado e que, por tanto, xa mesmo certificamos que tampouco se van a executar para este 2018. Estas partidas, ademais, só poden ser cualificadas como “investimentos pantasma”, xa que logo aparecen e desaparecen en función do momento político, e neste caso, só se entende desde a perspectiva asumida polo PP que cre xa que estamos no período preelectoral das municipais de 2019.
Asemade, debemos lembrar a paulatina redución e mingua dos últimos anos, que tivo no ano pasado un récord mínimo de investimentos para a nosa cidade, polo que as partidas destinadas para este ano non se correspondan coas verdadeiras necesidades da cidade, significando un intento obsceno de enganar as coruñesas e coruñeses.
Deste xeito parécenos insuficientes as partidas para Punta Langosteira, por exemplo, xa que logo vimos defendendo desde hai anos que o Porto Exterior se debe financiar en base aos orzamentos xerais do Estado e cremos que non se poñen en riba da mesa os investimentos necesarios para isto, repartíndose só migallas.