"Para garantir unha mellor convivencia e o coidado do espazo público"

A Patrulla Verde realizou o ano pasado 1.620 actuacións, a metade centradas no benestar animal e na limpeza

As concelleiras de Medio Ambiente e Igualdade e Diversidade fixeron hoxe balance das actuacións da Patrulla Verde en 2017.

As concelleiras de Medio Ambiente e Igualdade e Diversidade presentaron o balance do 2017 e destacaron o labor de sensibilización e información que realiza a unidade, “que emprega a sanción como último recurso”

 

A Patrulla Verde realizou o ano pasado 1.620 actuacións, a metade centradas no benestar animal e na limpeza
María e Rocío
As concelleiras de Medio Ambiente e Igualdade e Diversidade fixeron hoxe balance das actuacións da Patrulla Verde en 2017.

Concello da Coruña | 27/03/2018

A unidade Patrulla Verde da Policía Local realizou 1.620 actuacións durante o pasado ano, case a metade delas, un 48%, relacionadas co benestar e a tenza responsable de animais e a limpeza e xestión de residuos, "un traballo rigoroso e necesario para garantir unha mellor convivencia e o coidado do espazo público", como indicou a responsable de Medio Ambiente, María García. A edil participou xunto a responsable de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen ten as competencias en Seguridade Cidadá, na presentación esta mañá do balance de actuacións de 2017, na que destacaron colaboración entre as dúas áreas, e tamén Disciplina Urbanística, "co obxectivo de promover unha mellor calidade do espazo público, a convivencia harmónica na cidade e o benestar das persoas e os animais".

Fraga resumiu as accións da Patrulla Verde, entre as que destacan as relacionadas con animais, que sumaron 607 no pasado ano, máis que no 2016, cando se rexistraron 510. A segunda das competencias con máis actuacións é a que ten que ver co abandono de vehículos, das que se tramitaron 468, un número similar ao de hai dous anos, cando houbo 458. Aumentou significativamente, porén, a suma de actuacións relacionadas co cumprimento da ordenanza municipal de residuos e limpeza, que pasaron das 47 en 2016 ás 172 o pasado ano. No referido aos ruídos, a Patrulla Verde realizou 101 actuacións fronte ás 72 do ano 2016. O resto de incidencias que resolve a unidade están relacionadas con salubridade, deficiencias, inspección establecementos, fumes e cheiros, vertidos, solares ou trafico. A unidade ten un carácter eminentemente preventivo, como explicou a edil responsable de Seguridade Cidadá, e "emprega a sanción como última opción despois de realizar intensas campañas comunicativas en moitos casos, e a cotío mediación e inspección".

A concelleira de Medio Ambiente felicitou o "excelente traballo" realizado pola unidade da Policía Local que "contribúe, por un lado, a avanzar en dereitos e benestar animal e na loita contra o maltrato e o abandono e, por outro lado, na tenza responsable e a mellora da convivencia e que esta sexa pacífica". Neste sentido, García afondou neste tipo de actuacións e indicou que a campaña de control de cans perigosos, "un traballo rigoroso e necesario que redunda nunha mellor convivencia", deu como resultado 31 incautacións de cans cuxas persoas responsables carecían da pertinente licenza, en 149 actuacións. Son tamén relevantes as dilixencias referentes ao control do estado dos animais, para verificar se pode existir un caso de maltrato, das que se realizaron 67, e da existencia de microchips, das que se fixeron 62, "que son moi importantes porque é a primeira medida para avanzar na estratexia de sacrificio cero á que queremos chegar".

A Patrulla Verde controla tamén os residuos e limpeza na cidade para "permitir unha cuestión básica como é o desfrute do espazo público, no que os servizo municipais teñen que funcionar pero no que hai que apelar tamén á conciencia común e á responsabilidade colectiva". Garcia apuntou que, antes da sanción, "que é a última opción" tamén nestes casos, "vai primeiro o reforzo dos servizos municipais de recollida, a campaña de comunicación, de visitar os estabelecementos un por un para informar". En total cursáronse 19 denuncias en 92 intervencións, que se centraron en zonas con marcada afluencia de persoas como son as prazas, rúas peonís ou outros lugares destinados ao disfrute do espazo público. A unidade fixo un especial esforzo tamén en localizar vertedoiros incontrolados "na periferia da cidade" e grazas a ese labor foron identificadas un total de 26 personas, entre as pesquisas da Patrulla Verde e outras unidades da Policía Local, un "aviso" para outras posibles persoas infractoras e unha liña de traballo que, segundo subliñou a concelleira, "se vai reforzar" no próximo ano. Por último, a edil apuntou tamén que se realizaron 18 informes por uso de xofre na rúa para espantar aos animais, algo que está prohibido, e 21 por realizar pintadas nas rúas en lugares non autorizados.

Fraga, pola súa parte, abundou nas accións derivadas do control de ruídos, nas que atenden  solicitudes para a realización das medicións acústicas. O pasado ano realizáronse 13 medicións en horario diúrno, 27 informes por molestias entre a veciñanza, 47 producidos en estabelecementos públicos e 14 por outros focos emisores. No referido aos vehículos abandonados na rúa, a edil fixo fincapé no "complexo e dificultoso que é o procemento" para certificar que un turismo está abandonado e detallou que se realizaron 273 informes ao respecto, así como 174 denuncias por carecer dos papeis en regra.

Como tamén fixo notar a responsable municipal de Seguridade Cidadá, a unidade -que cedeu este ano labores como os de notificacións, paralizacións, cesamentos de actividade, precintos de locais, follas de reclamacións, entre outros, para poder dedicar máis tempo a labores específicos- foi recoñecida polo seu traballo nos centros educativos co galardón Daniel Wagman que outorga a Red para la Protección Animal (REPA). Este último premio recoñece o programa integral Animal bo amigo, grazas ao cal neste curso se realizaran ás 14 charlas de sensibilización en oito colexios. O labor arredor do Medio Ambiente e os animais foi tamén recoñecida co premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber, que pon en valor o traballo realizado polo goberno local para a posta en marcha de diversas políticas para o benestar animal.

A Patrulla Verde realizou o ano pasado 1.620 actuacións, a metade centradas no benestar animal e na limpeza