Pleno municipal A Coruña
O Pleno aproba de forma definitiva os orzamentos municipais de 2018
A Cámara municipal deu tamén o visto e prace á modificación de ordenanzas fiscais que rebaixarán as taxas da Escola de Música e facilitarán o acceso da cidadanía aos recintos xestionados polo IMCE
Concello da Coruña | 05/02/2018
O Pleno municipal aprobou de forma definitiva o Orzamento do Concello da Coruña para o 2018, unhas contas expansivas de 246,8 millóns de euros (un 3,1% máis que en 2017) cos votos a favor do grupo de goberno e o PSOE, e os votos en contra de PP e BNG. Este presuposto conta con oito eixes fundamentais, como son o combate contra a desigualdade e as políticas de benestar, o espazo público de calidade, a mellora dos equipamentos públicos municipais, o fomento do emprego e a promoción económica, a mobilidade sostible, as políticas culturais e deportivas, a participación e a mocidade.
As contas foron aprobadas de forma definitiva tras a súa aprobación en Xunta de goberno local e logo de que a Oficina Orzamentaria do Concello propuxese a desestimación das seis alegacións presentadas ao presuposto, transcorrido o período de exposición pública habilitado a tal efecto, ao concluír que as reclamacións non se axustan aos supostos que recolle a normativa vixente para uns presupostos aprobados xa de forma inicial. A este respecto, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, salientou que "o PP presentou alegacións o último día de prazo e cun déficit de máis de 20 millóns de euros", o que invalidou as súas reclamacións. "Non foron quen de propor baixas no orzamento por un importe equivalente ás altas, é dicir, presentaron alegacións que deixaban descadradas as contas, pretendendo que fose o goberno a que solucionase iso. Por se non fose suficiente, propoñen investimentos que xa están previstos nos orzamentos, algúns deles financiados ademais cos 15 millóns dos fondos DUSI, e insisten con proxectos obsoletos nuns casos e que están en vías de execución noutros", dixo.
Entre os asuntos que recibiron o visto e prace da Cámara tamén destaca tamén a luz verde ao expediente de modificación inicial das ordenanzas fiscais número 44 e 16, reguladoras, respectivamente do prezo público pola utilización de instalacións do IMCE, así como as taxas da Escola Municipal de Música.
O titular de Culturas, José Manuel Sande, explicou que a modificación da ordenanza número 44 (aprobada co único voto en contra do PP) que regula o prezo público polo uso de espazos xestionadas polo IMCE, como son o Fórum Metropolitano, Ágora, o Coliseum e o teatro Rosalía de Castro permitirá "simplificar e axilizar" a cesión dos recintos para as entidades que organizan actividades, especialmente aquelas de "tipo cultural ou benéfico con carácter gratuíto". Entre outras cuestións, o goberno local aposta por racionalizar o custo do uso das cabinas de ensaio, polo que se propón un estabelecemento de tarifas en función do número de horas de uso por trimestre con tres tramos de 24, 48 e 72 horas por trimestre. "Desta forma, facilitamos o acceso a este servizo, que, na actualidade, réxese por un importe fixo por hora de 4,88 euros", destaca o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. Do mesmo xeito, tamén se incluirá un novo tramo de tarificación no uso de microfonía inalámbrica.
Por outro lado, o cambio introducido na ordenanza que regula as taxas nos museos e outras instalacións culturais conlevará que as tarifas da Escola Municipal de Música se reduzan nun 12,7% o vindeiro curso. Tamén se eliminarán as distincións das taxas segundo o lugar de residencia do alumnado. "Isto entronca directamente coa nosa perspectiva metropolitana, dunha Coruña que non remata na ponte da Pasaxe", apuntou o edil. Ademais, o Concello asumirá o custo da actualización anual das taxas, o que se traducirá nun aumento do importe que anualmente destina á Escola de Música até os 364.673,30 euros. Con esta modificación da ordenanza regularase tamén a tarxeta turística Coruña Card, co fin de optimizar o seu uso. "Falamos de medidas que facilitan o acceso das rendas máis baixas a esta servizo público necesario", apuntou o responsable municipal. Esta modificación foi aprobada por unanimidade.
Liñas principais dos orzamentos
O orzamento municipal para este ano incrementa de forma notable a capacidade de investimento do Concello. "O PP erra cando intenta dicir que hai unha rebaixa nos investimentos. Saben de sobra, non só que os gastos de capital se incrementan até o 5,6%, case o dobre do que crece o total dos orzamentos, senón que, ademais, entre o capítulo 6 e o capítulo 7 súmanse investimentos por valor de máis de 29 millóns de euros, aos que hai que sumarlles, por certo, os 5 millóns de investimentos financeiramente sostibles que foron aprobados por este Pleno a pesar do seu voto en contra", indicou a titular de Facenda na súa intervención do Pleno.
A este respecto, Eugenia Vieito salientou na súa quenda de intervención que o Concello finalizou o ano pasado, a falta de rematar de contabilizar as últimas operacións de peche, cunha execución superior ao 94% dos créditos iniciais e próxima ao 80% dos créditos finais. Como indicou, "esta cifra global de execución só foi superada no anterior mandato nos anos 2013 e 2014, a pesar da maioría absoluta do anterior executivo".
No que atinxe ás liñas básicas de actuación dos orzamentos para este 2018, a edil recordou que o combate contra a desigualdade e as políticas de benestar, volven constituír un eixe estratéxico. Os Orzamentos de 2018 prevén unha dotación total de 45,6 millóns en gasto social, o que supón un incremento de 2,6 millóns e un 6,1% con respecto a 2017. Por outra banda, no que atinxe ao traballo por un espazo público de calidade, accesible e ao servizo das persoas, as contas municipais experimentan un orzamento neste ámbito do 5,5% até os 58,7 millóns de euros, o que comprende un aumento do 17,9% no gasto en vías públicas, dun 15,4% na protección e mellora do medio ambiente, nun 2,2% na limpeza viaria e iluminación, nun 57% nas praias, dun 5,2% en parques e xardíns e dun 3,2% na recollida e tratamento do lixo.
Por outro lado, e do mesmo xeito que se fixo nos últimos dous anos, o executivo municipal aposta nos presupostos de 2018 pola ampliación e a mellora da rede de equipamentos públicos municipais, dedicándolle 20,5 millóns de euros, un 28,5% máis que o pasado exercicio. Ademais das obras de grande envergadura, como a substitución das cubertas de Riazor, que elevan un 42,9% os recursos destinados a instalacións deportivas, destacan as melloras nas achegas para os centros de ensino, que medran un 6,7%; bibliotecas, cun incremento do 13,4%; ou centros cívicos e outras infraestruturas sociais, cun crecemento porcentual do 277%, nun ano no que está prevista a posta en marcha dun espazo aberto á cidadanía no antigo cárcere, a reforma do pavillón de Catro Camiños ou a activación do proxecto das Naves do Metrosidero, dirixido á mocidade. Destacan tamén as actuacións previstas nos mercados municipais de Monte Alto, Durmideiras, Santa Lucía, Elviña e Praza de Lugo, así como a reurbanización da contorna do de San Agustín.
As políticas de fomento do emprego e de promoción económica, pola súa banda, superarán os 9,2 millóns de euros, cun incremento do 5,8%, cun crecemento en materia de emprego (1,9%), do apoio ao comercio de proximidade e aos mercados municipais (2,1%), do estímulo ao turismo sostible (7,9%) e da axuda ao desenvolvemento de actividades produtivas (32,2%).
No que atinxe á mobilidade sostible, o incremento orzamentario para o vindeiro ano é do 30%, até os 10 millóns de euros. Os presupostos do vindeiro ano comprenden, neste apartado, entre outras cuestións, a mellora integral de BiciCoruña (1,2 millóns de euros) coa ampliación de estacións e a renovación da frota, coa metade do parque de bicicletas eléctricas, así como os carrís bici (1,1 millóns) ou o proceso de peonalización da Cidade Vella, se abordará no primeiro semestre do ano, e outras medidas de gran importancia como o reordenamento do mapa de rutas de autobús.
Por outra banda, as políticas culturais e deportivas recibirán 39,3 millóns de euros en 2018, un incremento superior ao 10,5%. Esta partida vese reforzada especialmente pola obra no estadio de Riazor (6,1 millóns de euros) así como a obra da piscina do complexo deportivo do Castrillón, que recibirá unha inxección de 500.000 euros a través da empresa pública Emvsa. Tamén se verá reforzado o IMCE, ao que se lle incrementan transferencias por valor dun millon de euros, de cara a promocionalo non só como un ente de organización de eventos, senón como un verdadeiro instrumento de políticas de promoción cultural.
Os eixes orzamentarios complétanse coas políticas relativas á participación. Este ano incrementaranse os fondos para desenvolver ferramentas que faciliten a participación da cidadanía en máis dun 33,7%. O Concello reserva case 3 millóns de euros para os investimentos relacionados co proceso de Orzamentos Participativos, mediante os que a cidadanía decide o destino directo dunha parte dos investimentos municipais. Pola súa banda, a mocidade tamén se converte nestas contas nunha preocupación estratéxica e transversal da acción de goberno, cun incremento do 14% no orzamento desta área e a posta en marcha de accións especialmente significativas, dende o impulso das Naves do Metrosidero ao desenvolvemento do Plan de Emprego Xuvenil e a posta e marcha dun sistema de bolsas de inserción social de 400.000 euros.