Marea Atlántica | nota de prensa

O pleno aproba as mocións de Marea Atlántica sobre centros escolares, austeridade e crise climática

A nosa iniciativa para reclamar obras nos centros escolares públicos foi apoiada por unanimidade. As relativas a derrogar as leis de austeridade e combater a crise climática só tiveron en contra ao Partido Popular

O pleno aproba as mocións de Marea Atlántica sobre centros escolares, austeridade e crise climática
20191205_pleno_ordinario_GR_0348
María García no pleno municipal
A Coruña, 5 de decembro de 2109.- As tres mocións presentadas polo grupo municipal da Marea Atlantica no Pleno do Concello da Coruña correspondente ao mes de decembro foron aprobadas. A nosa proposta para asumir as obras de mellora nos centros públicos da Coruña foi apoiada por unanimidade; e os chamamentos a tomar dez medidas urxentes contra a crise climática e a derrogar as leis de austeridade só tiveron o voto en contra do Partido Popular.

Doutra banda, catro das mocións presentadas polo BNG e Ciudadanos e unha do PP, a única que conseguiron aprobar centrada na humanización da Vedra, saíron adiante con emendas da Marea Atlántica, destinadas a completar e ampliar os seus acordos e obxectivos. Así entende a oposición o noso grupo municipal, centrada en dialogar e achegar ideas que vaian en beneficio das maiorías sociais.

Así, todos os grupos políticos déronlle o seu respaldo á nosa proposta para instar ao Concello é a Xunta de Galicia a completar as obras de mellora pendentes nos centros escolares públicos. Despois de bater marcas de investimento nos colexios no anterior mandato, o goberno de Xulio Ferreiro deixou listas obras por un total de 2 millóns de euros, pendentes só de licitar: trátase da reforma das fachadas do Raquel Camacho, a EIM Arela e do CEIP María Pita, a renovación do comedor do Ramón de la Sagra, e das melloras de saneamento no Sagrada Familia, entre outras iniciativas. Mesmo o PP votou a favor, aínda que logo defenderon unha proposta en favor dos colexios concertados, con nula coherencia.

Do mesmo xeito, reclámaselle á Xunta de Galicia que cumpra dunha vez co convenio que asinou co Concello en 2006, hai 13 anos, e no que se comprometía a cubrir os patios de sete centros escolares. Os CEIP Emilia Pardo Bazán, José Cornide, Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta seguen agardando. A moción incluía tamén un chamamento a colaborar coas ANPAS e as direccións dos centros, para desenvolver iniciativas como O noso patio, a premiada reforma da zona de recreo do Sanjurjo de Carricarte.

Un Concello saneado e co maior investimento social de Galicia

Neste Pleno tamén se aprobou a Conta Xeral do ano 2018, o único no que o goberno de Xulio Ferreiro puido dispoñer dun Orzamento nun prazo razoable, sen o bloqueo por parte da oposición. E os resultados están á vista: execución xeral do 81,5%, por enriba da media dos dous mandatos anteriores; execución do 47,67% dos investimentos, superior aos anos 2007, 2008, 2011 e 2012; aforro neto de 22 millóns, remanente de Tesourería de 14 millóns e superávit de 11 millóns. E unha débeda viva de 43,9 millóns, a máis baixa da década e a metade da que deixou o PP tras o goberno de Carlos Negreira.

Como sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “atopamos un Concello endebedado e sinalado pola corrupción, e deixámolo saneado e co maior investimento social de Galicia, 114 euros por habitante. É motivo de orgullo”. O concelleiro engadiu que esta liña ascendente no investimento social viuse truncada cando se bloquearon, unha vez máis, os Orzamentos 2019. E lamentou que o superávit, “se o Ministerio de Facenda non o remedia in extremis”, terá de destinarse a amortizar débeda en lugar de a facer políticas públicas, “porque os mesmos que aprobaron a normativa de austeridade son incapaces de cumprila”.

Iago Martínez tamén defendeu a moción que reclama a derrogación da Lei Montoro e as outras normas de austeridade aprobadas polo PP e o PSOE, por ser “unha intervención de facto da autonomía local”. Lembrou que esta mesma semana, no Pleno Extraordinario do pasado martes, “vimos como 27 concelleiras de cinco grupos políticos non temos ningunha capacidade para decidir en que se gasta o superávit do Concello da Coruña”. Para evitalo no futuro, a maioría progresista do Pleno apoio a eliminación da regra de gasto e a taxa de reposición, e a reforma do financiamento autonómico aos concellos, claramente insuficiente.

A Coruña fronte á emerxencia climática

Finalmente, foi aprobada a nosa moción con 20 medidas inmediatas que se poden aplicar na Coruña para enfrontar a emerxencia climática a partir de 2020. A voceira municipal da Marea Atlántica, María Garcia, lembrou que “as cidades concentran a maioría da poboación mundial, consumen a maioría dos recursos e producen a maioría da contaminación, por iso teñen que liderar o cambio de modelo que nos permita frear a crise climática que estamos a vivir”.

As medidas, apoiadas por todos os grupos agás o PP, consisten en actualizar a Estratexia de Cambio Climático; constituír un operador enerxético municipal que fomente as renovables; fomentar a mobilidade alternativa ao automóbil privado; avanzar no Plan de Infraestrutura Verde; continuar coas estratexias de Residuo Cero; fomentar a eficiencia enerxética; descarbonizar a economía apostando por industrias non contaminantes; impulsar a alimentación de proximidade; avanzar na Área Metropolitana e cooperar coa cidadanía a través de programas de empoderamento e educación ambiental.

Son medidas realistas e centradas nas recomendacións expertas, non como as que intenta vender a Xunta, “que pasan por seguir a concentrar o lixo de toda Galicia en Sogama; seguir fomentando o eucalipto e deixar as enerxías renovables en mans privadas, vendendo como solucións o que son problemas”, afirmou García.

A sesión Plenaria tamén serviu para aprobar diversos cambios no PXOM, entre os que salienta a recuperación do tradicional Camiño do Cura, nos Rosais, converténdoo nunha senda peonil segura. Como reivindicou Xiao Varela, trátase dun proxecto deseñado e impulsado polo goberno da Marea Atlántica, que “responde a unha histórica demanda veciñal e á realidade dos desprazamentos a pé polo barrio, que seguen a realizarse por aí”.

Doutro xeito, o noso grupo municipal votou en contra da modificación para cambiar a catalogación do edificio do Cantón Pequeno 27, por ser un trámite que se realizou sen exposición pública nin informe de Patrimonio da Xunta.

O pleno aproba as mocións de Marea Atlántica sobre centros escolares, austeridade e crise climática