BNG | nota de prensa

O pleno aproba por unanimidade as mocións do BNG sobre Alu Ibérica e o tren de proximidade e rexeita a iniciativa sobre Memoria Histórica

Sobre a memoria histórica en que se demandaba o apoio do Concello á Marcha Cívica, o Roteiro da Vergoña, coa que a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica quere denunciar a supervivencia na cidade de símbolos franquistas.
O pleno aproba por unanimidade as mocións do BNG sobre Alu Ibérica e o tren de proximidade e rexeita a iniciativa sobre Memoria Histórica
Jorquera
Jorquera

A Coruña, a 3 de febreiro de 2022. Que o grupo municipal socialista evitase dar apoio á moción do BNG sobre memoria histórica –a súa abstención serviu para a iniciativa ser rexeitada- constitúe todo un paradoxo, pois o texto defendido polo noso voceiro no Concello, Francisco Jorquera, apelaba á Lei de Memoria Histórica aprobada polo Goberno Zapatero.

Ese texto legal determina que deben ser retirados os honores a persoas que tiveron un papel destacado na exaltación da Guerra Civil, na sublevación militar e na represión durante a ditadura. “Esta obriga ética e legal no se está a cumprir no Concello”, alegou Jorquera.

A moción, impulsada pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, tencionaba tirar do ostracismo o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, un dossier que abría vías para a recuperación para o patrimonio público da Casa Cornide, o palacete barroco espoliado pola familia Franco. Infelizmente, o estudo continúa a ser desconsiderado polo Goberno Local, como demostra a súa falta de dilixencia á hora de o tomar como base para formalizar a demanda xudicial que permita a restitución do inmóbel.

O PP, cunha brincadeira de moi mao gosto, emendou esta moción para que o Roteiro da Vergoña percorrese os barrios da cidade que sofren de inseguridade cidadá. Replicoulles Jorquera cunha emenda nacionalista á moción do PP sobre a supresión das alusións persoais nas placas e inscricións que ficaron como testemuños de obras feitas polas administracións públicas: o Roteiro debería percorrer a cidade para eliminar calquera referencia nelas a Manuel Fraga Iribarne.

“Tense dito moitas veces que suscitar estes debates sobre a Memoria Histórica é reabrir feridas, cando o que realmente se pretende é fechalas”, esclareceu Jorquera, para quen “manter honras e distincións franquistas atenta contra a dignidade de todas as persoas demócratas”.

Sobre Alu Ibérica –segunda das mocións do BNG, a pedir que a alcaldesa se implique na procura de solucións de futuro para planta e traballadores- Jorquera remarcou que “estamos nos minutos de desconto para intentar evitar o peche dunha nova industria na cidade e na comarca”.

A iniciativa abría todos os escenarios, até o de, se for preciso, e tal e como defende o persoal da fábrica, incorporar a empresa ao sector público, pola súa consideración de industria estratéxica. Tamén se defendía conseguir un prezo da enerxía competitivo para unha factoría altamente dependente da electricidade.

Salientou Jorquera que a operación de venda das factorías de Alcoa da Coruña e Avilés a Parter Capital, posteriormente revendidas ao Grupo Industrial Riesgo, foi tutelada polo Ministerio de Industria, o que deixa ao descuberto a súa responsabilidade politica.

Salvar Alu Ibérica é vital nunha comarca que perdeu desde 2012 máis de 20% das empresas do sector industiral. “Nin A Coruña nin a súa Corporación municipal poden ficar de brazos cruzados ante a perda de máis tecido produtivo”, apostilou.

Tren de proximidade

“As necesidades da Coruña e da Galiza en materia ferroviaria non se esgotan co AVE”, dixo Jorquera no limiar da súa defensa da moción a prol duns servizos de proximidade para a nosa cidade e comarca.

Necesitamos, dixo, vertebrar o País e, nese sentido, mellorar a inter-conexión da Coruña con Ferrol e Lugo e necesitamos tamén a implantación de servizos de proximidade. “Somos unha das poucas áreas metropolitanas existentes no territorio do Estado español que carece delas”, engadiu.

E non por carecermos de infraestruturas: “A liña entre Betanzos e A Coruña fai posíbel a conexión da cidade con Betanzos, Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler”, pormenorizou e, a seguir, detallou que desde As Xubias é perfectamente posíbel conectar co centro da cidade a través do tendido ferroviario do porto ou co campus de Elviña e os polígonos industriais a través do ramal a San Cristovo.

E concluíu: “Todos parecemos estar de acordo con impulsar políticas que favorezan a cohesión social e territorial. Pero hai que pasar das palabras aos feitos e en política de transportes os feitos contradín as palabras”.

O pleno aproba por unanimidade as mocións do BNG sobre Alu Ibérica e o tren de proximidade e rexeita a iniciativa sobre Memoria Histórica