Marea Atlántica | nota de prensa

O Pleno do Concello aproba todas as iniciativas presentadas pola Marea Atlántica

As nosas iniciativas para supervisar os contratos de limpeza e recollida de lixo, e para recuperar a privatizada escola infantil Carmen Cervigón recibiron o apoio de todos os grupos políticos

 

O Pleno do Concello aproba todas as iniciativas presentadas pola Marea Atlántica
María García
María García

Denunciamos a suba de salario desmedida e ilegal do xerente do Consorcio de Turismo, co voto a favor de toda a Corporación agás o PSOE 

O grupo municipal da Marea Atlántica logrou aprobar hoxe, no Pleno ordinario do mes de setembro, as tres mocións que levou para debate, dúas delas por unanimidade. Foi o caso das nosas demandas para o inicio do curso nas Escolas Infantís Municipais (REIM), nas que reclamamos medidas para axudar ás familias fronte a suba da inflación e o gasto de material escolar, e tamén que se recupere para a Rede de Escolas Infantis Municipais a escola Carmen Cervigón, que pasou a ser por sorpresa un centro privado. “Por primeira vez na súa historia, a REIM perde un centro e o 11,5% das súas prazas”, denunciou a concelleira Silvia Cameán

Durante a quenda das preguntas orais, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, fixo autocrítica sobre o baixo grao de cumprimento dos acordos asinados coa Marea Atlántica, e ofreceu unha xuntanza este mes para avaliar a situación. Consideramos que sería un paso positivo que a nosa voceira Municipal, María García, e a alcaldesa Inés Rey mantivesen un econtro para desbloquear as medidas que precisan avances. 

Neste pleno tamén tivo lugar a última participación da concelleira Claudia Delso, que renuncia a súa acta tal e como anunciou a comezos de mes. Volvemos desexarlle a mellor das sortes na súa nova etapa, e a lembrar que o camiño que compartimos non foi doado, pero foi motivo de orgullo. 

Co apoio de todos os grupos, incluído o goberno, demandamos tamén que se amplíe o horario das escolas infantís municipais ata as oito horas de balde, igualando a oferta dos centros da Xunta. “Temos unha Xunta que, tendo moi claro para quen goberna, financia un 77,5% máis os centros privados que os públicos. E un goberno local que, ignorando as advertencias dos últimos meses, non só non mellorou o horario, senón que lle cobra un 40% máis ás familias que amplían xornada, xa co curso empezado”, engade Cameán. 

Tamén foi aprobada por unanimidade a nosa moción que, tras as numerosas queixas veciñais, reclama unha maior supervisión dos contratos de recollida de lixo e limpeza de rúas na Coruña. A encargada de defender esta iniciativa foi a nosa voceira, María García, lembrou que “non se poden descoidar servizos polos que o Concello paga máis de 30 millóns ao ano, e que teñen un grande impacto na cidade”. 

O Concello renovou nos últimos anos tres grandes contratos relacionados con esta área: os de limpeza viaria, recollida de residuos e mantemento de contedores. Todos eles foron licitados durante o mandato da Marea Atlántica, incrementando orzamento e prestacións con respecto aos anteriores. Pero, como sinala María García, “o certo é que ningún está plenamente operativo, teñen recursos que non se empregan, como está a denunciar o persoal das empresas concesionarias”. Un exemplo é a recollida de residuos voluminosos, con lista de agarda de ata tres semanas, algo nunca visto na Coruña. 

O PSOE queda só defendendo a suba de soldo ilegal en Turismo 

Doutra banda, levamos unha iniciativa condenando o desmedido aumento de salario do xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Naranjo, que pasa a cobrar 6.000 euros máis ao ano, un 10% máis, nunha decisión ilegal e que viola as condicións do concurso co que foi nomeado. Á condena sumáronse todos os grupos municipais agás o do PSOE, que parece empeñado en defender esta máis que dubidosa decisión. Agardaremos pola resolución do recurso de reposición que xa presentamos. 

Alberto Lema
Alberto Lema

Con ironía, Alberto Lema sinalou que “a única medida contra a inflación que se lle coñece a este goberno é subirlle o soldo ao xerente do consorcio de Turismo. Mágoa que sexa unha persoa que non tiña demasiada necesidade de axuda, mentres rexeitan actualizar os soldos das traballadoras de Turismo, e externalizan os postos de traballo na Torre de Hércules”. 

Rehabilitación e vivenda 

No que respecta aos asuntos de goberno, neste Pleno aprobouse definitivamente a última modificación da ordenanza de axudas á rehabilitación de vivendas, que introducen melloras nos trámites e aumentan a súa contía. Votamos a favor, ao igual que fixemos na aprobación inicial o 7 de abril, garantindo que saia adiante. Pero lamentamos que esta cuestión de trámite sexa a única que trouxo a Concellería de Urbanismo, tendo sen executar a práctica totalidade dos acordos de vivenda asinados coa Marea Atlántica en decembro. 

Iago Martínez pediulle ao goberno local que cumpra as súas promesas, comezando por facer da rehabilitación “o asunto prioritario que din que é”. Sinalou que en 2020 o grao de execución das axudas á edificios e vivendas foi do 30,8%, o que significa que quedaron sen gastar 2,4 millóns de euros neste eido. E en 2021, a cousa foi aínda peor: execución do 18,1% e 4,5 millóns sen sacar da caixa. “Cos datos na man, non parece que sexa unha prioridade. Están vostedes 25 puntos por baixo da execución do goberno de Xulio Ferreiro, que chegaron a cualificar de calamitosa. Entón, como lle chamamos á súa?”. Aínda que sempre se pode facer peor, como a Xunta de Galicia, que na terceira edición do Plan Rexurbe captou un total de cero vivendas na Coruña e executou cero euros. 

O noso vicevoceiro lembrou que no Orzamento deste ano existen nove millóns de euros para políticas de vivenda, grazas a un acordo coa Marea Atlántica, do que non se cumpriu practicamente nada. “O verán mandou claros sinais de alarma sobre as dificultades do acceso á vivenda na Coruña, cos pisos turísticos medrando, cos alugueiros á alza, e co reitorado da Universidade e os axentes inmobiliarios lanzando alertas. Tomen nota, por favor”. 

20220908_SGR_pleno_ordinario__Z7F6894
20220908_SGR_pleno_ordinario__Z7F6894

Nula transparencia na ampliación do CHUAC 

O Pleno tamén tramitou un cambio urbanístico para facer a obra do Hospital de Pacientes, dentro da ampliación do CHUAC, no que nos abstivemos para non dificultar a súa aprobación, pero que non podemos apoiar pola total falta de transparencia coa que se está a levar a cabo. 

A nosa voceira, María García, lembrou que “apoiamos a necesaria ampliación do CHUAC, pero somos críticas coa ubicación elixida. Había outras mellores e con menos impacto nas vivendas, como xa sinalamos en xaneiro de 2021, nun voto particular que foi rexeitado polo PP e o PSOE”. Aínda hoxe, non coñecemos os criterios técnicos da Xunta para desbotar unha proposta traballada e máis sostible. Non os fixeron públicos. 

Desde a Marea Atlántica amosamos tamén o noso acordo con boa parte das emendas presentadas pola veciñanza de Eirís ao trámite ambiental do Proxecto de Interese Autonómico do novo hospital. Ademais de defender as súas vivendas, localizan problemas de accesibilidade e mobilidade. 

“E, non o esquezamos, amplíar o hospital é importante. Pero a Sanidade Pública ten outras necesidades urxentes que a Xunta está a ignorar: listas de agarda crecentes na Atención Primaria, precariedade laboral, falta de recursos, prazas sen cubrir…”, resume María García.

O Pleno do Concello aproba todas as iniciativas presentadas pola Marea Atlántica