Pleno muncipal enero 2019
O Pleno volve demandar ao Goberno do Estado a condonación da débeda portuaria
O edil Xiao Varela cualificou de decepcionante e “continuísta co PP” a xestión realizada polo executivo de Sánchez respecto aos terreos portuarios da cidade e censurou que o borrador de presupostos que entrou hoxe no Congreso destine 370 millóns para asumir a débeda do Porto de Valencia mentres non consigna fondos para a da Coruña
A Coruña, 14 de xaneiro de 2019.- O Pleno municipal da Coruña incidiu este luns na reclamación ao Goberno central para que actúe fronte á situación dos terreos portuarios interiores da cidade a través dunha moción trasladada polo grupo que sustenta ao Goberno municipal e que tamén reclama a titularidade pública deste espazo e o seu uso para equipamentos dotacionais, espazos libres e públicos e usos produtivos. Para isto, os grupos municipais de Marea Atlántica, PP e BNG, coa abstención do PSOE, avalaron reclamar ao Goberno central que condone á Autoridade Portuaria da Coruña o préstamo concedido por Puertos del Estado ou que articule medidas económicas suficientes para este fin, así como que inclúa no proxecto de orzamentos para este ano investimento para a conexión ferroviaria de Punta Lagosteira, entre outras cuestións. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, deu lectura na sesión plenaria aos acordos da moción, na que se censura que “sete meses despois do relevo na Moncloa, o Goberno do Estado segue sen abordar coa seriedade que merece o desafío portuario da Coruña”. Así pode constatarse, afirmou, no proxecto de Orzamentos para este ano, que aprobou o pasado venres o Consello de Ministros e Ministras, e no aval dado ao Plan de Empresa da Autoridade Portuaria para “ratificar a vontade de vender o bordo litoral”, así como no feito de que, “transcorridos catro meses, o Concello segue a agardar pola revisión dos convenios urbanísticos de 2004 e mesmo por unha explicación convincente para semellante falta de interese”, segundo se indica no documento. O edil salientou que a información que se coñece dos orzamentos, “a pesar das esperanzas que xerou o cambio de goberno, está a ser decepcionante”.
“O incumprimento dos compromisos coa cidade indica que o Goberno do Estado está nunha dinámica continuísta coa do PP”, recriminou. Neste sentido, salientou que a conexión ferroviaria, “tan estratéxica, ten cero euros, como o alivio da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña”.
“Preguntámonos que ten de diferente A Coruña con Valencia, onde o consorcio da Fórmula 1 recibe 370 millóns de euros cando na Coruña temos un porto estratéxico que debería ser financiado polo Estado”, formulou. Así, ante a “pasividade intolerable” do Goberno do Estado, o Pleno remarca a través da moción que é unha cuestión de vontade política liberar á Autoridade Portuaria da súa débeda, adquirida para a construción do porto exterior, e reclama de novo que se convoque a comisión de seguimento dos convenios de 2004 e se negocie e asine un protocolo de colaboración para a súa revisión. O texto pide tamén constituír un ente público para a xestión deste novo horizonte litoral no que participen todas as administracións implicadas e impulsar e financiar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira.
A Corporación municipal debateu e aprobou tamén neste pleno ordinario de xaneiro unha segunda moción presentada polo grupo de goberno para instar á Xunta de Galicia a reforzar, cun incremento de fondos e de persoal, o servizo sanitario de atención primaria na cidade, así como amosar o rexeite da Cámara municipal ás “nefastas políticas sanitarias do PP” e o apoio ao persoal deste servizo público. A moción, á que o PP presentou una emenda de substitución dun punto que foi rexeitada, foi aprobada cos votos a favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG, e en contra do grupo do Partido Popular. A edil responsable de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, censurou na sesión plenaria a estratexia da Xunta de Galicia respecto da sanidade consistente en “converter o sistema público galego nunha gran oportunidade de negocio para as empresas”. Neste sentido, Cameán citou como consecuencias destas políticas do Goberno galego “a masificación inaceptable e os riscos para a saúde”, que se concretan en traballadores e traballadoras dos centros de saúde “que teñen que atender medias de 40 a 50 doentes diarios, o que impide unha atención de calidade” e poboación que “agarda días para ser atendida”; unha problemática á que, como indica o texto da moción aprobada, A Coruña “non é allea”. Así, a concelleira salientou que as urxencias do Chuac “desbórdanse ante unha atención primaria saturada” mentres a Xunta de Galicia “continúa sen atender a petición de reforzo do servizo de pediatría nos barrios ou a necesidade de incrementar os medios no PAC”. Neste contexto, Cameán afirmou que “o goberno de Feijóo segue derivando actuacións e concertando prazas na privada” e lembrou que a pasada primavera a Xunta “activou unha convocatoria de un acordo marco para a concertación de servizos cos hospitais privados de San Rafael, Quirón e Modelo por un valor de case cen millóns de euros. O público ao servizo do negocio”.
Na sesión do Pleno municipal tamén foi aprobada unha moción conxunta dos grupos do PP, PSOE e BNG que pide ao Goberno local que convoque un concurso unitario para a provisión de postos de traballo do persoal funcionario. O Goberno local ten convocado un concurso en dúas fases, consensuado cos representantes sindicais, “dirixidos a rematar coa situación de temporalidade que se vén arrastrando desde hai unha década o Concello, no que non se convoca un concurso de traslados dende hai 10 anos”, tal como sinalou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito durante a sesión plenaria. A edil indicou que as bases foron negociadas cos sindicatos e se incluíron 12 prazas tendo en conta, dixo, ao grupo de 7 funcionarios que poderían verse prexudicados. “O obxectivo é realizar concursos unitarios nos que se inclúan o maior número de vacantes orzamentadas, e así vaise recoller no acordo-marco que asinaremos cos sindicatos, pero o problema é que iso so pode facerse con garantías en administracións. onde o concurso foi a forma normal de provisión de postos. Pero esa non foi a situación neste Concello, polo que aquí non é viable facelo coas garantías necesarias”, apuntou.
O Pleno aprobou tamén, co único voto a favor do BNG e a abstención do resto dos grupos, unha iniciativa para instar ao Goberno local a reclamar a devolución gratuíta das parcelas titularidade do Ministerio de Defensa en Maestranza, Adelaida Muro e A Grela para o seu uso público. Ao respecto, o edil de Rexeneración Urbana reclamou responsabilidade ao grupo ante a negociación no que o Goberno local mantén ao respecto co Ministerio de Defensa e lembrou que o Concello está “nunha posición débil e complicada porque o Estado é o titular dos terreos”. “Pido responsabilidade e apoio. Non se debe esquecer que chegamos moito máis lonxe que ningún goberno na protección de terreos públicos. Se non fose por este goberno teriamos moitos procesos de privatización rematados”, advertiu. Unha segunda moción do BNG, que insta ao Goberno local a iniciar o proceso sancionador contra a empresa concesionaria do mantemento das zonas verdes, quedou aprobada cos votos favorables deste grupo e do PSOE e a abstención de PP e Marea Atlántica.
Pola súa banda, o grupo socialista presentou dúas mocións que foron aprobadas por unanimidade: a primeira referida ás medidas contra a violencia de xénero e que insta a rexeitar acordos políticos con partidos que “propugne a minoración ou eliminación das medidas de protección das mulleres fronte á violencia machista” e unha segunda sobre cuestións sociosanitarias, para mellorar atención de pacientes de fibromialxia, síndrome da fatiga crónica ou a sensibilidade química múltiple.
Os votos favorables do PP, o PSOE e o BNG sacaron adiante unha moción na que o grupo popular insta ao Concello a aprobar de maneira urxente un modificativo do orzamento para os convenios nominativos das entidades da cidade. O grupo que sustenta o Goberno local votou en contra dunha proposta que, segundo considerou a concelleira de Facenda, “pretende interferir na negociación de orzamentos relegando a súa aprobación a datas posteriores ás eleccións, co que se estaría privando á cidade de investimentos para 2019”. O Pleno tamén deu luz verde a unha moción do PP que insta a resolver o reparto de instalacións deportivas, que recabou o voto favorable de PP, PSOE e BNG e en contra de Marea Atlántica.