Podemos | nota de prensa
Podemos A Coruña vota en contra do convenio de ampliación do novo CHUAC e defende a alternativa que propoñen os veciños
Mércores, 27 de xaneiro de 2021.- A concelleira de Podemos A Coruña, Isabel Faraldo, votou hoxe en contra do convenio de ampliación do novo Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), que se debateu no pleno do Concello, e defendeu a alternativa que propoñen os veciños da zona. Faraldo foi a única concelleira do pleno que votou contra do convenio e que apoiou a postura da veciñanza.
“Votamos non á premura, non á urxencia atropelada, votamos non sen a veciñanza, non sen escoitar tamén ao persoal do hospital. Votamos non porque existen alternativas máis favorables que contarían co noso apoio”, dixo Faraldo.
A voceira de Podemos A Coruña manifestou tamén a súa sorpresa pola feito de que o seu voto fora o único contrario ao convenio, que contou coa abstención do BNG e da Marea Atlantica: “Estamos sorprendidas de que o único voto en contra dun convenio que bunkeriza o futuro do hospital sexa o noso”.
“Non cuestionamos a creación dun novo hospital, unha cuestión que consideramos prioritaria. Pero decimos o mesmo que os veciños: novo hspital, si, pero non así”, engadíu.
Durante a súa intervención no pleno, Faraldo explicou que a parcela que ocupa na actualidade o aparcamento privado fronte ao hospital, e que podería empregarse para ampliar o centro, é moito maior non só que os terreos que ocupan todas as vivendas afectada polo convenio, senón tamén maior que o propio hospital agora existente. “Por que non se plantexa a expropiación do aparcamento e si o das propiedades dos veciños da zona?”, concluíu.