Seguridade cidadá
A Policía Local e Bombeiros contarán cun sistema por mensaxería móbil para facilitar a atención a persoas xordas ou con dificultades de comunicación oral
A concelleira Rocío Fraga explica que se está a traballar en coordinación coas entidades locais deste colectivo para darlles a coñecer a nova canle e facilitarlle o número de contacto
A Coruña, 7 de maio de 2019.- A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, presentou esta mañá o sistema que empregarán a Policía Local e os Bombeiros para atender as demandas e emerxencias das persoas xordas ou con dificultades para a comunicación oral na cidade. A canle habilitada para a atención deste colectivo será a través do sistema máis estendido de mensaxería móbil, o Whatsapp, e será a Sala do 092 a encargada de centralizar a recepción dos avisos, que se visualizan a través dunha pantalla e que se responden por un terminal de teléfono móbil que está aceso de maneira permanente.
Tal e como explicou a concelleira, a distribución do número de contacto farase en colaboración coas entidades que traballan na cidade neste ámbito xa que “ten que xestionarse co máximo coidado para que non se estenda a máis xente da que está destinado, dado que, doutro xeito, perdería a súa efectividade”. “O teléfono só estará dispoñible para este colectivo, por iso a comunicación se fará dende as asociacións e así ter un rexistro das potenciais usuarias e usuarios do sistema e atender así coa maior rapidez e rigorosidade que é o que merece este servizo”, indicou. Neste sentido, Fraga quixo facer fincapé en que este sistema está limitado exclusivamente a este perfil de persoas, xa que, para o resto da cidadanía, “as vías oficiais de comunicación coa Policía Local e Bombeiros seguen sendo as de sempre, os teléfonos 092 e 080”.
Fraga, responsable tamén da Concellería de Igualdade e Diversidade, indicou que o vindeiro paso será reunirse coas entidades, que xa están informadas do sistema, para concretar o listado de persoas potencias que accederán ao sistema, e tamén a busca de vías, a través da concellería, para achegar esta nova canle ás persoas con problemas de comunicación oral que non estean asociadas a estas entidades.