BNG | nota de prensa
Pontón destaca que fronte a un PP "terminator do galego" os concellos do BNG serán axentes activos a favor da lingua
Jorquera asume o compromiso de desenvolver a ordenanza do galego para impulsar medidas que normalicen o uso do propio idioma na Coruña
“Os nosos gobernos municipais actuarán para que calquera persoa que queira vivir en galego en todos os ámbitos poida facelo”, subliñou Pontón
Encontro coa candidatura da Coruña e creadorxs de éxito de contidos en RRSS e noutros ámbitos, “demostrando que o galego non ten límites”
Santiago de Compostela, 15 maio 2023.- En vésperas da celebración do 17M a portavoz nacional mantivo un encontro coa candidatura da Coruña, encabezada por Francisco Jorquera, e con creadores e creadoras de contidos en galego para abordar a situación do idioma tras catorce anos de normativa “língüicida” do Partido Popular, que ten provocado unha caída en picado do uso e da compresión da propia lingua. Ante un PP á contra do galego, o BNG será axente activo a favor.
“Fronte a un Partido Popular convertido nun terminator do galego, os concellos BNG serán axentes activos da normalización do uso do galego en todos os ámbitos, facilitando que calquera persoa que así o decida poida desenvolver a súa vida en galego con liberdade e normalidade”, declarou Ana Pontón, “axentes activos do fomento, impulso e prestixio do noso propio idioma, porque é unha riqueza, un sinal de identidade e de orgullo que debemos potenciar e porque o galego non ten límites”.
Neste sentido, avanzou que desde o ámbito municipal o BNG xoga e seguirá xogando a favor da promoción do idioma e do dereito a vivir en galego en todos os ámbitos, compromiso especialmente importante nun momento de retroceso da lingua, “por iso os gobernos municipais do BNG terán entre as súas prioridades fomentar a normalización do galego”.
Como propostas concretas no ámbito municipal, poñer en marcha un servizo específico de normalización lingüística dotado de medios e de persoal; o uso do galego como lingua oficial de comunicación en todas as áreas e ámbitos da acción dos gobernos locais e a colaboración coas entidades sociais.
Igualmente, medidas encamiñadas a fomentar o uso do idioma no tecido empresarial, no comercio e en todo tipo de negocios; o galego como lingua de atención e comunicación verbal e documental do concello así como poñer en marcha campañas de normalización do uso da nosa lingua en todos os ámbitos.
Pontón agradeceu a participación dos creadores e das creadoras de contidos en galego que asistiron ao encontro coa candidatura da Coruña no céntrico Café Universal, xeradores de contidos no propio idioma nas RRSS, na literatura, no audiovisual e en diversas áreas, porque “fronte ao libro negro do PP empeñado en desgaleguizar a nosa sociedade está o libro branco que a sociedade quere escribir en galego.”
Un libro negro produto da normativa aplicada desde o Goberno, primeiro de Feijóo e agora de Rueda, que ten efectos letais para a lingua: Por primeira vez deixou de ser o idioma maioritario da sociedade; o 24% da poboación menor de 14 anos recoñece que no sabe falar galego e por primeira vez en democracia un goberno prohibiu por decreto aprender en galego materias como matemáticas, física, química e tecnoloxía.
A fraude do plurilingüismo
“Os resultados mostran que o cacarexado plurilingüismo do PP é un timo, unha fraude que conduce ao monolingüismo: menos galego e máis castelán. E así o mostran todos os datos oficiais”, denunciou Pontón, destacando que o BNG apostará con decisión por fomentar e impulsar o uso do galego desde os gobernos municipais.
Pontón lembrou que o Día das Letras Galegas é unha xornada de celebración e tamén para reivindicar, “porque o galego non ten límites como demostra a mocidade que o usa sen complexos, tanto na súa vida persoal como profesional e con éxito, fronte a un PP língüicida está unha sociedade que non quere renunciar ao seu idioma e que desde o BNG queremos acompañar”, concluíu, destacando que o galego é “unha fonte de riqueza con presente e con futuro e os concellos BNG traballan desde o orgullo do propio e para que o noso idioma teña mil primaveras máis”.
A riqueza do galego
E desde ese compromiso, o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, considera “imprescindíbel” que o futuro Goberno da Coruña desenvolva a Ordenanza do Galego, aprobada neste mandato por iniciativa da formación nacionalista.
“É imprescindíbel aplicar a ordenanza e impulsar políticas desde o Concello que normalicen o uso da nosa lingua en todos os ámbitos”, defendeu. “Ese é o compromiso que asume o BNG”, engadiu. “Na Coruña temos un riquísimo tecido de creadoras, creadores e empresas culturais e doutros ámbitos que fan do galego o seu medio de expresión. Ese tecido haino que apoiar decididamente desde o Concello, en diálogo permanente con toda a xente que crea riqueza a partir da nosa lingua”, concluíu.