BNG | nota de prensa
O PRESCO 2021 incorporará, a proposta do BNG, o desenvolvemento dunha bolsa de baixos comerciais en réxime de alugueiro
A Comisión de Facenda volveuse reunir este martes en María Pita para se debruzar, como único punto da orde do día, sobre os traballos de elaboración do Presco 2021.
A Coruña, a 8 de xuño de 2021.- Foi fundamentalmente unha reunión de carácter técnico, en que se tratou o borrador das axudas a autónomos e pemes.
A proposta do portavoz do BNG, Francisco Jorquera, aquelas persoas e/ou pemes que non estean ao corrente do pagamento de taxas e impostos non se verán excluídas das axudas sempre e cando solicitasen o adiamento ou o fraccionamento dos pagos pendentes.
Tamén a proposta do BNG, o Presco 2021 vai incorporar o desenvolvemento dunha bolsa de baixos comerciais en réxime de alugueiro e a posta en marcha dos traballos de constitución do Consello Económico Social. “Non podemos menos que ver con bos ollos que estas achegas fosen asumidas como elementos constitutivos do novo Presco”, afirma Jorquera.
O BNG mantivo o criterio de que a dotación prevista polo Goberno Local para o novo Presco –pouco máis de 6 millóns de euros- é insuficiente. Alén diso, Jorquera volveu defender a conveniencia de o Concello subscribir un crédito para precisamente estar en condicións de elaborar un plan de recuperación económica social “máis ambicioso”.
Os traballos nunha nova reunión da Comisión de Facenda a se realizar o vindeiro luns.