O plan rematará o ano con actuacións en 1300 rúas da cidade
O programa A Pé de Barrio completa o Distrito 10 con 2000 actuacións de mantemento e mellora do espazo público
“Estamos ante o plan de limpeza e coidado dos barrios máis intensivo dos que se levaron a cabo na Coruña ata o momento, que busca un reparto equitativo dos recursos entre toda a veciñanza para descentralizar a acción municipal”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, María García
Concello da Coruña | 20/09/2017
A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu conta este xoves das actuacións desenvolvidas polo Concello a través do programa de coidado e mantemento intensivo do espazo público A Pé de Barrio, que ao longo dos 12 meses do ano percorrerá todos os distritos da cidade. Foron, como indicou, máis de 2000 intervencións en todo o Distrito 10 -o primeiro que se acomete, e que engloba os barrios de Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro-, que dá paso, nas vindeiras dúas semanas, ao Distrito 4, onde se abordarán cinco zonas, como son os barrios de Mesoiro, Novo Mesoiro e Feáns, e as urbanizacións Breogán e Obradoiro. "Falamos dun programa que supón un esforzo moi importante dos servizos municipais, que se suma ao traballo que se realiza a diario e que supón un gran reto organizativo, no que interveñen 24 contratas municipais de distintas concellerías, como son a de Medio Ambiente, Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible", destacou a responsable municipal, que recordou que este reforzo "fai posible actuar con máis profundidade da que permiten os traballos diarios". Neste sentido, a concelleira adiantou que A Pé de Barrio pasará ata final de ano por 1.300 rúas da cidade.
O programa nace, como recalcou a concelleira, dunha premisa, "como é o reparto equitativo dos recursos, para descentralizar a acción municipal en todos os barrios e todas as rúas da cidade, sen deixar a ninguén atrás, no canto de concentralas nas áreas do centro, que historicamente viñan recibindo un maior esforzo de recursos". "Estamos ante o plan de limpeza e mantemento dos barrios máis intensivo que se levou a cabo na cidade ata o momento, incluíndo os programas de anteriores mandatos, e o é pola diversidade de traballos, pero sobre todo porque ningún barrio queda fóra", destacou García, quen indicou que as actuacións que desenvolve "serven para dar resposta a unha demanda veciñal e un interese pola conservación dos barrios", recollendo as necesidades que chegan ao Concello polas diversas canles, como o 010, os encontros Dillo Ti e a interlocución directa coas entidades veciñais, pero tamén da inspección municipal, que fai unha importante recollida previa de datos, que permite a planificación das actuacións. "O coidado do espazo público, pero tamén o coidado da proximidade, da contorna máis próxima dos nosos veciños e veciñas, é un eixe principal das políticas deste goberno, a través dun reparto equitativo dos medios por todos os barrios, tanto neste coma no resto de programas que impulsan as distintas áreas. Queremos que todos os barrios sexan A Coruña e que todos os barrios sexan centro, e tratamos facelo de maneira coherente desde todas as concellerías", subliñou. Do mesmo xeito, durante a súa intervención, recordou a importancia da colaboración veciñal no coidado do espazo público, da man dos servizos municipais, e no desenvolvemento de A Pé de Barrio.
Tal e como enumerou a responsable de Medio Ambiente, as actuacións desenvolvidas a través deste plan de mellora e mantemento do espazo público no Distrito 10 durante as últimas semanas inclúen 261 intervencións en parques e xardíns e outras 551 intervencións relativas á área de Rexeneración Urbana, entre as que se contan reparacións nas beirarrúas, repintado de pasos peonís, substitución de baldosas, instalación e reparación de bancos e mobiliario, fontes e alumeado, pavimentado e eliminación de fochancas nas rúas. Como indicou, outras 1400 destas accións tiveron que ver coa salubridade e mantemento do ornato, como son, entre outras, a reparación e substitución de contedores e papeleiras, retirada de pintadas, reasentamento das tapas dos rexistros da rede de sumidoiros e actuacións de control de pragas. En canto ás fontes, actuouse en 607 ocasións, para mellorar a eficiencia e aforro de auga e electricidade e de control de calidade e salubridade das augas, entre outras, e en relación co pavimentado, realizáronse 88 intervencións, como a retirada do quiosco e posterior pavimentado na rúa Comandante Fontanes, o repaso de beirarrúas desde Casa dos Peixes ata o Castelo de San Antón ou a colocación e substitución de baldosas, eliminación de fochancas ou repintado pasos peonís en distintas rúas do distrito.
A maiores, e como fixo notar no balance de hoxe a concelleira de Medio Ambiente, A Pé de Barrio introduce novidades como o dispositivo de verán iniciado este ano, que contou con baldeo semanal de medio cento de rúas peonís de prazas de toda a cidade, e no que se realizaron 450 entre xullo e agosto, "para salvar o déficit herdado de limpeza con auga, e que entendemos que, sobre todo nos meses de verán, resulta necesario en todos os barrios e non só no centro". O programa estival tamén contemplou un reforzo de retirada de herbas adventicias e duplicou a recollida de residuos, principalmente nas zonas de maior afluencia de visitas, como xa se viña facendo en anos anteriores. A maiores, a edil quixo destacar no seu balance as actuacións desenvolvidas nos xardíns históricos da Rosaleda, onde se plantaron 3000 roseiras, e de San Carlos.