Comunicación Marea Atlántica

"O PSOE renuncia a defender o público ao paralizar a municipalización das bibliotecas"

María García: “O goberno bota pola borda tres anos de traballo xurídico para enfrontarse a austeridade que nos impuxo Rajoy”

O emprego estaba garantido nun proceso que tería mellorado o servizo e aforrado 300.000 euros ao ano para as arcas municipais

"O PSOE renuncia a defender o público ao paralizar a municipalización das bibliotecas"
SGR_20162601_edificio_agora_biblioteca_exterior_MG_3887
Edificio Ágora, biblioteca exterior

O grupo municipal da Marea Atlántica valora como unha falta de valentía política a decisión do goberno local de paralizar o proceso de recuperación para o público de toda a rede de bibliotecas municipais da Coruña. A nosa voceira, María García, sinala que “deste xeito, o goberno bota pola borda tres anos de traballo xurídico e unha vía para enfrontarse ás leis de austeridade impostas por Rajoy, e que podía servir de exemplo noutros concellos e institucións. Pero Inés Rey, coma Pedro Sánchez, parece que non está disposta a desafiar as privatizacións”.

A renuncia supón deixar as bibliotecas do Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosais e Durán Loriga en mans de empresas privadas, un modelo que non só establece inxustas diferenzas laborais e de servizo, con graves problemas de funcionamento, senón que é máis caro: custa 300.000 euros máis ao ano.

“Non entendemos que se empreguen os postos de traballo como escusa, cando estaba garantidos na municipalización, a través da subrogación na empresa municipal Emvsa”, explica María García. E engade que se faría “dun xeito semellante á recuperación dos parques comarcais de bombeiros levada a cabo pola Deputación da Coruña e a Xunta”.

Xa o 8 de maio deste ano, o PP e o PSOE uniron os seus votos para bloquear a recuperación para o público de todas as bibliotecas municipais da Coruña. Impediron o cambio dos estatutos de Emvsa para que se puidera facer cargo da xestión das bibliotecas, mellorando o servizo, garantindo o emprego e as condicións de traballo, e aforrando 300.000 euros ao ano. É difícil de entender que a aposta do PSOE da Coruña sexa o bloqueo .

Renuncia a abrir camiño nas municipalizacións

A vía que o Concello da Coruña comezou no mandato anterior podía ter sido un precedente para outras administracións, similar á que se abriu coa Renda Social Municipal, que pasou de ser “imposible” a ser imitada noutros municipios. Defender o público require valentía. O proceso de municipalización, complexo e traballado, contaba con informes favorables da asesoría xurídica municipal e do oficial maior do Concello, que defendían a súa viabilidade. Pero o goberno do PSOE prefire atender ao único informe desfavorable, emitido polo secretario municipal, que non é vinculante.

Non se pode esquecer, tampouco, que os procesos de contratación levados a cabo polo PP aproveitando esta “vía privada” están xudicializados e motivaron un rexistro policial da sede da Concellería de Cultura no ano 2016.

"O PSOE renuncia a defender o público ao paralizar a municipalización das bibliotecas"