Balance do Servizo de Información e Valoración de Servizos Sociais
Silvia Cameán: "Atendemos máis, pero, sobre todo, mellor”
A concelleira de Xustiza Social salienta que os tempos de agarda para a atención polas traballadoras sociais pasaron dos 71 días de media en 2015, a 20 en 2018, un 70% menos
A Coruña, 13 de febreiro de 2019.- A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, manifestou este mércores a súa satisfacción polos avances conseguidos na atención social tal e como se reflicte no balance do pasado ano do Servizo de Información e Valoración (SIVO), a porta de entrada para poder acceder ás distintas axudas sociais municipais. En rolda de prensa, a responsable local salientou tanto o considerable aumento das entrevistas por parte do servizo atención inmediata como a redución do tempo de espera para as persoas que, cunha situación que require de atención máis estabilizada no tempo, foron atendidas mediante cita previa. A edil explicou que a mellora nas cifras de atención social ten un dos seus alicerces no proceso de descentralización da atención social nos barrios, que comezou a implantarse o pasado ano e que derivou na creación de espazos de atención con equipos profesionais completos nos centros cívicos de San Diego, Elviña, Os Mallos, Labañou e Monte Alto.
“O proceso de descentralización serviu para implantar un novo modelo de atención baseado na proximidade, no traballo en equipo e nunha atención interdisciplinar”, salientou a concelleira.
“Sobre todo, os e as usuarias gañaron en axilidade. Ao aproximar os servizos sociais aos barrios logramos poñer en marcha un sistema de atención máis cercano e, polo tanto, que pode resolver máis rápido as problemáticas e as necesidades que xordan”, dixo. Segundo informou Cameán, as enquisas de satisfacción realizadas ás persoas que acudiron aos novos espazos de atención nos centros cívicos arroxan uns números moi positivos. O 78% das persoas enquisadas manifestou atoparse “moi satisfeita” coa descentralización, mentres que un 16% indicou que estaba “bastante satisfeita” e tan só un 5% declarou estar “pouco ou nada de acordo co proceso”.
Con estes vimbios, os servizos de atención comunitarios melloraron as súas ratios de atención, tanto no que ten que ver coa atención inmediata, destinada a situacións de urxencia que non poden esperar por unha cita previa, como á atención de referencia, dirixida a procesos sociais longos que requiren un maior acompañamento. Desta forma, durante o pasado exercicio as atencións realizadas no servizo de atención inmediata (SAI) sumaron 7.758 entrevistas, un 20% máis que durante 2017.
No que atinxe ao segundo nivel de atención, aquel que non é urxente e que é realizado polas traballadoras sociais de referencia, os datos tamén evidencian unha mellora nos tempos de tramitación. De feito, o tempo de espera media para unha entrevista con cita previa pasou de 24 a 20 días (un 16% menos nun ano) estando en 71 xornadas en 2015, “o que significa que os tempos de agarda se reduciron un 70% neste mandato”. Á vez, o número de entrevistas con cita previa tamén aumentou nun 12% até as 7.032 atencións, mentres que as visitas a domicilio se incrementaron un 17% con respecto a 2017, chegando ás 555.
Prestacións de carácter puntual
A titular de Xustiza Social chamou a atención sobre o aumento das prestacións de carácter básico puntual sobre as de carácter periódico, como é o caso da RISGA. Cameán considerou que isto ten que ver cunha menor dependencia por parte das familias das axudas estables, “se ben, moitas, debido á precariedade e aos baixos salarios, precisa axudas puntuais en determinados momentos do ano para completar os seus ingresos”.
“Somos a cidade galega que máis inviste en gasto social. O novo modelo implantado está dando moi bos resultados: atendemos máis, pero, sobre todo, mellor”, salientou a concelleira.
“Necesitamos unha atención social con máis proximidade e menos burocracia, con máis traballo interdisciplinar e coas persoas no centro, en todo momento”, incidiu.