As últimas chispas da comunidade

“Calquera análise política que alente a crenza nun mundo seguro, racional e cooperativo non pasa a proba da adecuación á experiencia e o testemuño histórico” (Murray Edelman)

Chispa. Partícula incandescente que salta dun corpo que se está queimando. (RAG)

As últimas chispas da comunidade
GAM(2)
Paula, Yaiza, David e Rosa, a semana pasada no parque de Santa Margarida.

A terceira semana de maio, mentres os hospitais viven un drama e nas residencias de maiores está a punto de estalar outro, veciñanza das cidades galegas –porque este foi un fenómeno urbano, nas vilas e aldeas hai outros recursos– autoorganízase para se defender das consecuencias sociais da pandemia e axudar ás partes máis febles da comunidade. Foi como se a colectividade tivese renacido de ningures producindo un estertor dixital ou unha chispa virtual, unha das últimas dun corpo en peso morto sostido por servizos municipais moi fracos, entidades do terceiro sector escuálidas e piadosas organizacións caritativas.

Elas, as veciñas, sentiron que desta volta tiñan que actuar.

“Para moita xente foi a primeira vez que se viu na necesidade de recorrer a axudas deste tipo”, explica Paula, parte dos GAM [Grupos de Apoio Mutuo] que se crearon na Coruña aqueles días nos que o activismo virou intenso e esgotador. “A xente pedía con moita vergoña, como cando a última crise se achegaban ás plataformas contra os desafiuzamentos con sentimento de culpa e o primeiro que había que facer era dicirlles que aquilo que lles pasaba non era culpa deles, que era unha crise estrutural… Pois agora está acontecendo un pouco o mesmo. Cunha diferencia notábel: a resposta da cidadanía está sendo, penso, un pouco máis solidaria”.

Foron uns días vívidos e irreais, e sacaron o mellor das activistas. Malia que estaban as ONG habituais, e Cáritas, a Cruz Vermella, a Cociña Económica e os Servizos Sociais do concello que recibiron centos de voluntarios, por fóra das institucións xurdiu a necesidade de facer algo. “Non podíamos esperar cos brazos cruzados a que as institucións resolvesen todas as situacións. Así que, mentres non hai, imos facendo; porque eu teño o corazón de voluntaria e non podo quedar parada mentres suceden as cousas. Se vexo que hai que facer algo, fágoo”, di Rosa, que organizou un grupo especializado na rede que teceron os GAM: Coser na Casa.

Na Coruña, os GAM comezaron como grupos de barrio. O 17 de marzo xa eran unha ducia. Uns funcionaron mellor; outros, non tanto. Coordináronse desde o principio a través de chats de Telegram e Whatsapp para resolver problemas inmediatos: unha veciña que non pode baixar á farmacia; unha familia que quedou sen cartos para alimentos; un veciño que precisa axuda para unha reparación; alguén que acompañar á compra. A proximidade era a clave para repartir o traballo durante o confinamento. Despois crearon grupos específicos para atender as dificultades alimentarias (e naceu Emerxencia Alimentaria), de vivenda, de material de protección (Coser na Casa) e outros, incluído un de transporte en bicicleta. Mesmo contan cunha caixa de resistencia, cartos que veñen aportando veciñas e veciños e resolven necesidades materiais urxentes.

“No fondo é unha cousa moi galega isto de axudarse entre veciñas, o que pasa é que nas cidades perdeuse por completo”, sinala Rosa. “E como un troco, non? Un intercambio de axuda”, apunta David, do grupo de Cicloloxística. Yaiza, do grupo de vivenda, matiza: “É altruísmo, e viuse en moitas cidades do Estado. Para min, o que isto demostra é que as Administracións non están chegando onde teñen que chegar. É bonito que pase, pero deixa ver o baleiro que haberá despois… quen vai axudar esta xente a partir de agora? Porque igual nós xa non teremos tanta dispoñibilidade, e mesmo se estiras isto seis meses máis o desgaste emocional será grande. Nos grupos de vivenda ou no de emerxencia alimentaria atopas realidades moi fodidas…”

O peor, despois das mortes, está por vir. Quizá por iso é nostalxia o primeiro que transmiten as activistas cubertas con máscaras, sentadas arredor dunha mesa baixo teito porque orballa, no parque coruñés de Santa Margarida unha tarde da fase de desescalada para falar da experiencia. Sentadas e prudentemente separadas, algunhas era a primeira vez que se vían entre elas.

En 50 días, máis de catro mil máscaras e uns 700 puchos. A maioría foron distribuídas entre entidades sociais, residencias de maiores e no Hospital chegaron aos servizos de urxencias, infecciosos, medicina intensiva, uroloxía e tamén, os puchos, ás cociñas.

As mulleres de Coser na Casa, “unhas noventa, das que quedarán unhas corenta activas porque xa hai xente que volveu ao seu traballo”, conta Rosa, comezaron elaborar máscaras de protección o luns 23 de marzo a partir de sabas e outras teas que tiñan nas casas. Despois foron necesitando máis material e conseguiron doazóns. Fixeron puchos tamén. En 50 días, máis de catro mil máscaras e uns 700 puchos. A maioría foron distribuídas entre entidades sociais, desde Casco e a Liga Reumatolóxica a SOS Racismo e Gaia; no Hospital, onde tiraron delas nos servizos de urxencias, infecciosos, medicina intensiva, uroloxía e tamén, os puchos, nas cociñas; e en residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, como un en Betanzos.

Lembra Rosa que a idea xurdiu “porque unha amiga que traballa nunha residencia díxome que estaban currando sen proteccións, falei con Tere, unha colega doutra oenegué e difundímolo entre os GAM: quen quere coser?, quen quere axudar?”.

“Como non sei coser, pero quería axudar, falei con Rosa”, conta David, “empecei eu só a transportar material, as teas, porque a bici permitía cubrir distancias maiores durante o confinamento”. Un teléfono e unha bici con dúas alforxas vermellas con vinte litros de capacidade de carga, son as súas ferramentas de traballo. Levaba telas ás casas das costureiras e repartía máscaras e puchos.

O servizo de bicicletas medrou até xuntar contra finais de abril a uns vinte ciclistas a través de anuncios nas redes. Durante as semanas máis duras da crise, os voluntarios ían rotando en función das posibilidades de atender as demandas dos grupos de costura e de emerxencia alimentaria, porque tamén se encargaron de transportar alimentos, fundamentalmente, de recoller as doazóns. “A diario chegamos a facer entre dez e quince viaxes, levaremos uns 800 quilómetros entre todos. E para nós non é só importante prestar axuda, senón facelo dun modo sostíbel. Onde non podían chegar os voluntarios a pé, polas limitacións da mobilidade e de tempo, chegamos nós e aforrando emisións á atmosfera. Calculamos que entre catro e cinco bicis transportamos o mesmo que cabe nunha furgoneta normal”.

GAM(3) INSTAComida, butano, roupa, medicinas

No grupo de Emerxencia Alimentaria hai anotadas 56 persoas voluntarias. A coordinación é complexa porque atenden necesidades diversas. Reciben demandas de alimentos, pero tamén hai familias que necesitan comprar unha bombona ou medicinas, mesmo roupa. A primeira tarefa é atopar os recursos, despois deben almacenar as doazóns e distribuílas en pisos en distintos barrios. A mediados de maio teñen atendido 155 familias, con 302 adultos e 134 menores.

Fan un pequeno rexistro para coñecer como e por que lles chega esa xente. “A maioría son familias que non estaban habituadas a pedir axuda e descoñecen os recursos asistenciais, así que chegan polo boca a boca. O que facemos é, ademais de proporcionarlles a primeira ou a segunda axuda, informalos de como acceder aos servizos sociais municipais. Non temos a capacidade para un seguimento nin moito menos para atendelos dunha maneira continuada”, explica Paula.

O rexistro do grupo informa que unhas vinte familias xa pasaron polos servizos sociais, outras 15 teñen a cita concertada e hai máis de 40 que aínda non accederon por primeira vez.

A asistencia alimentaria dos GAM axudou xente que vivía ao día, cun traballo precario ou por horas, ou na economía informal; que chegaba a pagar as facturas e o alugueiro, mais caeu nun ERTE ou no desemprego e seguiu cubrindo as débedas e dun día para outro viuse sen nada para comer. Ou simplemente deixaron de traballar porque tamén a actividade informal parou, como o caso dos vendedores ambulantes, senegaleses a maioría na cidade, que enchen as instalacións da oenegué Gaia no barrio da Sagrada Familia. As colas diante das entidades que reparten comida volven ser comúns. E son máis longas que nos peores anos da última crise.

“Todo isto deixará secuelas”, vaticina Paula, “e mesmo estes días na alimentación comprobamos como non é sinxelo dispor de produtos frescos, carne ou peixe, froita ou verdura… iso ten consecuencias sobre todo nas crianzas. Nos lotes que reparten Cáritas ou a Cruz Vermella escasean este tipo de produtos. Non alcanzan para cubrir necesidades básicas… sobre todo, as das crianzas”.

Como experimento social, a reacción dos GAM manténdose á marxe dos circuítos asistenciais formais mostrou os límites dese sistema de axuda que se apoia nas ONG e nas entidades relixiosas.

“O que facemos é, ademais de proporcionarlles a primeira ou a segunda axuda, informalos de como acceder aos servizos sociais municipais. Non temos a capacidade para un seguimento nin moito menos para atendelos dunha maneira continuada”

O peor, despois das mortes, está por vir. Quizá por iso é certa frustración o primeiro que transmiten as activistas cubertas con máscaras, sentadas arredor dunha mesa baixo teito porque orballa, no parque coruñés de Santa Margarida unha tarde da fase de desescalada para falar da experiencia. Sentadas e prudentemente separadas, algunhas era a primeira vez que se vían entre elas.

No grupo de vivenda, por exemplo, son “moi conscientes” do problema dos sen teito, pero durante esta crise nada puideron facer por eles. Foi o Concello da Coruña quen habilitou un pavillón para acollelos durante o confinamento. Falta por ver se despois do pavillón lles procurarán outra solución temporal. No grupo de vivenda, di Yaiza, o traballo consistiu en dar información e consellos á xente que chamaba para dicir que non podía pagar o alugueiro. “As medidas do Goberno son polo de agora insuficientes, persoalmente esperaba algo más eficaz, pero basicamente do que se trata é de que o caseiro decida e non perda cartos”.

Os desafiuzamentos pararon. Pero a medida é temporal. E do Goberno da Xunta tampouco hai noticias. “Aínda estamos esperando a coñecer cal será a súa primeira medida máis alá das políticas que xa levan anos acordadas pero sen desenvolver”. As activistas reflexionan. Se o problema da vivenda se deixa sen atender malia a emerxencia social, as accións de aquí en adiante deberán ser máis duras: folga de alugueiros, desobediencia.

Por que actuar?, para que serve?

As activistas reflexionan entre certa frustración e a doce nostalxia daqueles días que sentiron vívidos e, quizá por iso, irreais. “Senta ben axudar á xente”, recoñece Yaiza. “A min váleme máis un sorriso cando entrego unha bolsa de comida que calquera outra cousa. Non é orgullo, é unha satisfacción… ver que existe esa humanidade. Para min isto debería servir para que entre todos recuperemos a conciencia social”, anota David.

“Eu teño unha sensación ambivalente. Dunha banda, quero confiar, quero axudar, gustaríame construír unha maneira diferente de relacionarnos, non sendo tan depredadores… e, por outra banda, sinto impotencia vendo que temos que ser nós quen teña que estar facendo determinadas cousas. Isto tivo a súa parte bonita, o que Silvia Federici chama reconstruír o tecido social; pero tamén a constatación de que a maior parte da clase política é curtopracista, chapuceira e lle custa moito poñer ás persoas e unha vida digna no centro da política. A solidariedade tería que ter sido a reacción inmediata das persoas que teñen a responsabilidade de gobernar.” (Paula)

“Eu vexo a necesidade e actúo. Non penso en quen ten a obriga de facelo. Quizá porque estou acostumada a que quen ten a obriga chegue tarde e mal, ou non chegue… Neste debate eu non entro.” (Rosa)

Yaiza está de acordo con Rosa, pero tamén con Paula. “Eu tamén digo si. Si podo axudar, quero facelo e vouno facer. Pero, como di Paula, isto non debería ser a nosa responsabilidade. Facémolo porque temos corazón e alma, porque moitas somos conscientes de que temos un lugar privilexiado nesta sociedade: eu vou durmir todos os días sen ter que pensar nos cartos… ese é o privilexio. E temos que facer esa outra reflexión: por que as persoas non son o primeiro?, por que as administracións esquecen á metade da poboación? Eu tampouco espero nada. Non imos cambiar nada, a conciencia social é feble…”

“Penso que igual esta crise si serve como lección de humildade para persoas que sempre miraron para o outro lado, que nunca tomaron conciencia de que lles podía tocar eles… De súpeto, tomaron conciencia. Penso por exemplo nas familias que si teñen cartos pero non sabían como topar unha máscara. Tiveron que pedir axuda. É unha pequena lección para poñerse na pel dos que acotío precisan de axuda”, conclúe Rosa.

Artigo publicado conxuntamente con adiante.gal

As últimas chispas da comunidade