Mobilidade

Villoslada anuncia a disposición do executivo local de poñer en marcha canto antes a liña 24

Manterá reunións cos concellos de Arteixo e Culleredo e convocará unha mesa técnica para definir canto antes o itinerario

Villoslada anuncia a disposición do executivo local de poñer en marcha canto antes a liña 24
Liña 24
Próxima liña 24 con Arteixo e Culleredo

O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, avanzou este mediodía que a chegada da liña 24 do bus urbano da Coruña ás urbanizacións da Zapateira, situadas nos concellos limítrofes de Arteixo e Culleredo, está moi preto de producirse.

Hoxe mantivo unha conversa co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, para materializar a proposta anunciada en maio, despois da firma do convenio de colaboración coa Xunta para a coordinación dos servizos autonómicos e municipais de transporte público. Mañá fará o propio co alcalde de Arteixo e convocará unha reunión técnica para detallar o roteiro co fin de poñer en marcha esta extensión do roteiro.

"Estamos en coordinación coa Xunta, coa consellería de Infraestruturas, e espero que pronto logremos entre todos esta ampliación da liña". Villoslada espera rubricar o acordo con Culleredo e Arteixo canto antes para que o servizo público de transporte chegue nas próximas semanas ás urbanizacións de Montegolf, en Arteixo, e de Vallesur e As Oliveiras, en Culleredo. O itinerario estúdase nestes momentos coa compañía de Tranvías.

A actual liña 24 do transporte urbano ampliarase co fin de que o servizo realice seis expedicións diarias ata Montegolf, Vallesur e As Oliveiras nos días laborables, tres os sábados e dúas os domingos e festivos.

Villoslada anuncia a disposición do executivo local de poñer en marcha canto antes a liña 24