Orzamento municipal 2019
Os votos de PSOE e PP impiden a aprobación inicial do orzamento municipal,
O Pleno tamén rexeitou, co voto negativo de socialistas e populares, a emenda do goberno destinada incorporar no presuposto os fondos necesarios para poñer fin ao conflito do antigo edificio de Fenosa
A Coruña, 11 de febreiro de 2019.- Os votos de PP e PSOE no Pleno tombaron a posibilidade de que o goberno local puidese sacar adiante de forma inicial o seu proxecto de orzamentos municipais para este 2019, unhas contas de 252 millóns de euros, un 2,11% máis que en 2018, e que supoñen “o maior orzamento municipal dos últimos dez anos, excluíndo o exercicio 2011”.
Antes da votación, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, apelou á responsabilidade de todos os grupos da oposición, xa que “a non aprobación do orzamento pon en risco proxectos históricos demandados pola cidadanía así como outros servizos”. “Tombar a aprobación inicial deste orzamento é un erro difícil de xustificar ante a veciñanza, que é quen vai pagar as consecuencias”, lamentou. O ditame desfavorable da Comisión de Facenda ao proxecto de orzamentos municipais foi ratificado cos votos dos e as concelleiras de PSOE e PP, a abstención do BNG e o posicionamento en contra do grupo de goberno. Do mesmo xeito, e antes desta votación, socialistas e populares tamén rexeitaron unha emenda do grupo de goberno destinada a que o orzamento incluíse os fondos necesarios para dar cumprimento ao acordo acadado no proceso de mediación intraxudicial impulsado polo goberno local e validado a semana pasada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que permitirá pechar o conflito do antigo edificio de Fenosa.
Ao longo das súas intervencións, a edil chamou a atención sobre o feito de que as contas elaboradas polo executivo local (abertas logo á introdución de cambios e alegacións até formalizarse a súa aprobación definitiva) “son as máis expansivas dende o inicio da crise económica, feito que vén motivado en que, por primeira vez na última década, o gasto non financeiro, o gasto real en bens e servizos para toda a cidadanía, sobrepasa os 245 millóns de euros”. “Estas contas son unha aposta por continuar transformando A Coruña nunha cidade máis xusta e igualitaria, así como polo fomento do emprego e a promoción económica e a mellora do espazo público, os equipamentos e os servizos que a administración ofrece á cidadanía”, explicou a edil, quen destacou a presenza no Pleno de representantes de asociacións veciñais do Concello que solicitaban ao conxunto da Corporación que facilitase a aprobación inicial do orzamento para favorecer a execución de proxectos que mellorarán a calidade de vida dos barrios da cidade.
Vieito tamén lamentou a determinación de PSOE e PP de deixar caer a emenda presentada polo grupo de goberno ao ditame da Comisión Informativa de Facenda, xa que tiña como obxectivo modificar o estado de gastos do proxecto de orzamentos xerais do Concello, de forma que o presuposto municipal tivese crédito suficiente para facer fronte ao pago de indemnizacións derivadas da homologación do convenio de mediación sobre o edificio do antigo Conde de Fenosa, que evita o seu derrubo e as consecuencias que o mesmo tería para o equilibrio económico do Concello. O modificativo presentado propuña incrementar o crédito inicial previsto na aplicación destinada a indemnizacións urbanísticas do Estado de Gastos en 2.650.000 euros.
A partida quedaría en 3.025.000 euros, dos que 2.975.000 “irían especificamente destinados ao pago da indemnización derivada da execución da sentenza citada”. Vieito recordou que a homologación do acordo acadado mediante o procedemento de mediación intraxudicial derivará “nun auto xudicial que terá valor de título executivo, polo que é preciso garantir a existencia de crédito adecuado e suficiente na conta municipal”. “A homologación da sentenza do edificio Conde de Fenosa evitou un grave prexuízo ás arcas municipais que tería derivado en consecuencias para a cidadanía xa que só os custos da execución da sentenza de derrubo estimábanse en aproximadamente 60 millóns de euros. Evitada esa situación, todas as formacións temos que contribuír a pechar, dunha vez por todas, o conflito con este edificio, que deriva da concesión dunha licenza urbanística ilegal concedida polo PSOE, naquel momento á fronte de María Pita”, subliñou a concelleira, quen advertiu ao Pleno dos problemas de terá o Concello “para poder asumir unha cantidade tan alta nun orzamento prorrogado”.
Proxectos e servizos en xogo
Ademais de chamar a atención sobre as consecuencias da non aprobación da emenda para asumir o custe das indemnizacións contidas dentro do acordo de mediación homologado sobre o antigo edificio de Fenosa, a titular de Facenda recordou distintos proxectos “necesarios e demandados nos barrios” que corren o risco de non poder executarse cun orzamento prorrogado.
“Non chegamos a entender que proxectos son os que a oposición non está disposta a aprobar neste orzamento. Non comparten que se destinen máis recursos para o gasto social chegando aos 34,6 millóns de euros ou que practicamente se dupliquen os recursos para políticas de emprego?”, preguntouse a concelleira, que tamén recordou que as contas municipais aumentarían un 40% os recursos para a Renda Social Municipal (RSM) e incrementan as axudas de emerxencia social, que por primeira vez sobrepasarían o millón de euros, así como os fondos destinados a becas-comedor e aos programas de Igualdade.
Neste punto, a concelleira aludiu a outros dous proxectos demandados polos barrios da cidade que quedan en cuestión cun orzamento prorrogado e entre os que se atopan a demolición do viaduto da Rolda de Nelle, o remate do polideportivo e piscina climatizada do Castrillón, a rehabilitación do antigo edificio do Remanso, a reurbanización da rúa San Xosé (Monte Alto), a área de xogos da praza da Concordia, así como a reforma do mercado de Durmideiras e a contorna do de San Agustín. Actuacións de mellora integral nas rúas Cortaduría e Rosario na Cidade Vella, así como a mellora dos cruces entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército eran outros dos investimentos contemplados no proxecto de orzamentos municipais para este 2019, que tamén incluían outros investimentos ligados a obras do programa de Orzamentos
Participativos así como numerosas actuacións vinculadas aos fondos FEDER europeos conseguidos co programa EidusCoruña. “Entre estas actuacións cóntase, por exemplo, a posta en valor do patrimonio cultural dos cemiterios da cidade (San Amaro, Oza e Feáns), a mellora dos xardíns históricos, o avance da expansión de arborado mediante o programa Bosques da Coruña, a expansión do carril bici e a inclusión de novos tramos, como na contorna do polígono da Grela entre outras”, apuntou.
Incremento do gasto de persoal
A respecto da posibilidade de que o goberno local poida afrontar determinados pagos aplicando modificativos sobre o orzamento prorrogado de 2018, Vieito convidou a oposición “a facer números”. “Insisten nun modificativo para xustificar a negativa a un orzamento ao que non fixeron propostas nin emendas, aínda cando saben que non é viable un sobre o orzamento prorrogado que cubra todos os gastos obrigatorios, incluído, como xa dixemos, o financiamento do auto que dá, por fin, solución ao contencioso do edificio Conde de Fenosa ou os incrementos nos gastos de persoal”, dixo.
A edil lembrou que o proxecto de orzamentos municipais inclúe xa as partidas precisas para aplicar “medidas de obrigado cumprimento no Capítulo 1”. É o caso do incremento salarial pactado entre os sindicatos e o goberno central a finais do pasado ano, e que se concreta nunha suba de 1.716.762 euros nas contas para 2019, ou as compensacións, mediante un aumento da cotización á Seguridade Social, dos salarios dos e das policías locais que se acollan á xubilación anticipada mentres están en activo, un fin para o que o executivo local ten reservado algo máis un millón de euros na súa proposta orzamentaria. O Concello tamén debe aplicar este ano un incremento das cotizacións á Seguridade Social de 120 traballadores e traballadoras municipais debido ao aumento das bases máximas no 7%, para o que as contas municipais reservan un total de 116.942 euros. A actualización dos trienios que se cumpran neste exercicio, así como os incrementos adicionais de persoal sobre a taxa de reposición tamén están contabilizados no proxecto orzamentario cunha aplicación de case 170.000 euros.
“A non aprobación do proxecto de orzamentos obrigaría a manter o presuposto de 2018 prorrogado. Ao non ter recursos suficientes para poder asumir os gastos de persoal sinalados, o goberno local tería que recorrer a un modificativo para conseguir facerlles fronte xa que, recordemos, son de obrigado cumprimento”, insistiu a concelleira. “Así pois, ademais dos prexuízos e atrasos na aplicación destas medidas que se lle causar ao persoal municipal, os gastos deberían sufragarse a costa doutros gastos correntes na administración local”, evidenciou.