Volven impedir a aprobación por parte do Pleno do proxecto de orzamentos municipais
Os votos de PSOE e PP rexeitan a moción de confianza
O grupo de Goberno e o BNG amosaron a súa confianza no alcalde
O Pleno extraordinario celebrado en María Pita volveu tombar o proxecto orzamentario, ao debaterse o mesmo vinculado a unha cuestión de confianza ao Goberno municipal. En concreto, os votos conxuntos do grupo municipal do PSOE e do PP imposibilitaron sacar adiante a cuestión de confianza, e por tanto as contas municipais, así como os acordos complementarios que xa foron levados á sesión plenaria o pasado 28 de decembro. Todos os grupos da Corporación, agás o socialista, mantiveron na cuestión de confianza o seu mesmo voto con respecto á sesión de investidura de xuño de 2015, votando o grupo de Goberno e o BNG a favor da cuestión. Rexeitada a moción de confianza, os grupos que tombaron a mesma terán 30 días hábiles para reunir os apoios da maioría absoluta do Pleno necesarios presentar unha proposta de Goberno alternativo. En caso contrario, o proxecto orzamentario será, automáticamente, aprobado de xeito inicial.
O alcalde, Xulio Ferreiro, quixo recordar os eixos básicos do proxecto orzamentario elaborado polo grupo de Goberno, e que se artella sobre seis liñas estratéxica, a primeira das cales ten que ver coas políticas de vivenda: "Queremos que A Coruña abandone a percepción de que o terreo da cidade e a vivenda son un negocio, para que pasen a ser un dereito", salientou. Tamén aludiu á mobilidade sostible como un deses eixen, "unha mobilidade que respecte ao peón, o transporte público e ciclable, e que faga desta unha cidade máis amable e máis vivible". Ferreiro aludiu na mesma liña, ás accións encamiñadas "á dignificación do espazo público", e sinalou como cuarto eixe o emprego, "apostando por unha economía do século XXI". "Temos que buscar entre todas e todos o motor económico que queremos para a nosa cidade nas próximas décadas", advertiu. "E evidentemente a xustiza social, as accións para as persoas que peor o están a pasar". Por último, remitiuse ás medidas relativas a "buscar o papel da cidade na súa contorna e no mundo, a través na área metropolitana.