Garantirá o seu uso e xestión pública
A Xunta de goberno local aproba a incorporación ao patrimonio municipal de 90.000 metros cadrados de solo na Maestranza
A aceptación destes espazos, 17 parcelas entre a Comandancia de Obras e o antigo hospital militar, prodúcese logo de que o alcalde, Xulio Ferreiro, asinase co INVIED a acta de entrega por parte de Defensa
Concello da Coruña | 25/01/2017
A Xunta de goberno local dará luz verde mañá venres á incorporación ao patrimonio municipal duns 90.000 metros cadrados de solo no ámbito da Maestranza, correspondentes con 17 parcelas incluídas no convenio urbanístico que o Concello da Coruña firmou en 1984 coa, entón, Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Defensa. A reunión do executivo municipal aprobará a cesión a favor do Concello destes terreos, comprendidos entre a Comandancia de Obras e o hospital Abente y Lago, e entre os que figuran os viais e xardíns da contorna da Reitoría ou o solo da Fundación Luís Seoane, entre outros. A aprobación da aceptación destes espazos prodúcese logo de que o pasado día 18, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinase co director do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED) a acta de entrega.
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou que "a cesión é unha gran noticia, xa que cando falamos de patrimonio municipal, estamos a falar do patrimonio de todos e de todas as coruñesas". "A aprobación da recepción por parte da Xunta de goberno é o último paso de cara á blindaxe destes terreos para o uso público", insistiu. "A cesión do espazo das naves da Comandancia de Obras, lugar no que esperamos poder levar a cabo un proxecto que implique a toda a veciñanza e que dea resposta ás necesidades da mocidade, tamén supón un cambio de natureza dos terreos, que pasan de ter a consideración de Ben Patrimonial a Ben de Dominio Público, o mesmo que as prazas e os parques, o que supón a maior blindaxe que pode ter unha parcela pública", comentou. "Estamos garantindo que este espazo quedará en mans públicas", engadiu, á vez que recordou que "coa aceptación da cesión regularizamos a situación duns espazos que se atopan no ámbito do PERI da Maestranza e que adaptamos ao planeamento vixente".