Aumentan a súa oferta para contar con 3.277 prazas

Xustiza Social abre a semana que vén o prazo de preinscrición nos campamentos municipais de verán

A área que dirixe Silvia Cameán propón tres modalidades diferentes dirixidas a menores entre 4 e 16 anos. No caso das actividades que teñen lugar nos centros cívicos, ampliaranse as quendas na última semana de xuño e primeira de setembro

Xustiza Social abre a semana que vén o prazo de preinscrición nos campamentos municipais de verán
Campamento urbano de verán no Centro Cívico da Cidade Vella
Campamento urbano de verán no Centro Cívico da Cidade Vella

Concello da Coruña | 03/06/2018

A Concellería de Xustiza Social e Coidados abrirá o vindeiro 6 de xuño o prazo de preinscrición para os campamentos de verán municipais urbanos, de día e tradicionais, que este ano ampliarán a súa oferta, pasando de 2.751 a 3.277 prazas, á vez que manteñen o seu prezo para as e os participantes. Destas, o 20% reservarase para menores beneficiarios dos servizos sociais e, do mesmo xeito, cada quenda inclúe prazas para nenas e nenos con Necesidades Educativas Especiais (NEE) ou diversidades. A medida, tal e como apunta a edil Silvia Cameán, está dirixida a promover "a socialización e a participación activa en iniciativas lúdico-educativas das e dos menores da Coruña durante o seu tempo de lecer, á vez que se favorece a conciliación laboral e familiar no período non lectivo, sen que isto supoña un custo a maiores para as e os seus responsables". A este respecto, e como novidade, o Concello ampliará tamén as quendas dos campamentos urbanos dos centros cívicos, pasando de catro a seis, o que permitirá que este ano se celebren desde o 25 de xuño e até o 7 de setembro.  Precisamente os campamentos dos centros cívicos, dirixidos a menores de entre os 4 e os 12 anos, ofertarán este ano un total de 2.681 prazas, 531 máis que no 2017, das cales 56 estarán reservadas para menores con NEE ou diversidade. Nos campamentos urbanos realizaranse actividades lúdicas, xogos cooperativos ou producións plásticas, entre outras propostas, e dedicaranse todas as xornadas unha hora diaria á practica da lingua inglesa. Esta tipoloxía de campamento ofrecerá tamén unha excursión en cada quenda, agás para as que se celebren en xuño e setembro.

Os campamentos urbanos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e como é habitual, haberá a posibilidade de solicitar o horario ampliado, que abrangue desde as 09.00 e até as 14.30 horas, e que se ofertará nos centros cívicos nos que se oferten todas as quendas. A primeira delas terá lugar do 25 ao 29 de xuño. A segunda, de 10 días, desenvolverase entre o 2 e o 13 de xullo, e a terceira entre o 16 e o 31 de xullo. Xa no mes de agosto terán lugar a cuarta e a quinta quenda, entre os días 1 e 14, e 16 e 31, respectivamente. Finalmente, a sexta quenda ofrecerase do 3 ao 7 de setembro. Un total de 13 centros cívicos ofertarán todas as quendas, como son o Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, Rosales e San Diego. Pola súa banda, os equipamentos municipais de A Silva, Artesáns, Feáns, Sagrada Familia, Santa Margarida, Pescadores e San Pedro de Visma ofrecerán a posibilidade de realizar esta tipoloxía de campamento no mes de xullo --as quendas 2 e 3--.

A preinscrición para solicitar praza nos campamentos urbanos poderase realizar entre o 6 e o 8 de xuño, de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas soamente no centro cívico no que se queira realizar o campamento. Poderanse solicitar un máximo de tres quendas de campamentos, para a mesma nena ou neno, no mesmo centro cívico ou en centros cívicos diferentes, sempre e cando as quendas solicitadas non coincidan no tempo. O sorteo público de prazas terá lugar o 8 de xuño ás 20.15 horas, e a lista de persoas admitidas publicarase o 19 de xuño tanto nos propios equipamentos como web http://www.coruna.gal/servizossociais e a través do teléfono gratuíto de atención cidadá 010. O prezo da praza nestes campamentos é de 26 euros para o horario xeral e de 32 euros para o horario expandido, mentres que no caso das quendas 1 e 6 --as que corresponden ao mes de xullo e setembro--, será de 15 euros no xeral, e 20 no ampliado.

En canto aos campamentos de día, que van dirixidos a público infantil de entre 4 e 12 anos cumpridos no momento da inscrición, realizaranse actividades deportivas e culturais que fomenten o coidado e o respecto ao medio ambiente e o bo uso do espazo público. Esta modalidade, que se desenvolve entre as 10.00 e as 18.15 horas de luns a venres, conta cunha hora diaria de práctica de inglés, ademais de dúas saídas ou excursións por quenda. O lugar de celebración destes campamentos, así como o itinerario dos buses que trasladarán aos e ás participantes, indicarase no momento de formular a inscrición. O transporte sairá a partir das 09.00 horas (primeira parada) e, de volta, chegará á última parada ás 19.15 horas. Durante o desenvolvemento da actividade, as rapazas e rapaces contarán con tres comidas proporcionadas polo Concello (media mañá, xantar e merenda).

En total ofertaranse catro quendas. A primeira terá lugar do 2 ao 13 de xullo, a segunda entre o 16 e o 31 de xullo, a terceira do 1 ao 14 de agosto, e a cuarta do 16 al 31 de agosto. Neste caso, o Concello ofrece 416 prazas, das que 16 son para menores con NEE ou diversidade, o seu prezo é de 85 euros. A preinscrición nos campamentos de día poderase realizar no centro cívico de Monelos do 6 ao 8 de xuño, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. O sorteo público celebrarase o día 8 de xuño, ás 20.15 horas, mentres que o das prazas de NEE e diversidade realizarase no centro cívico de Labañou. Ao igual que no caso dos campamentos urbanos,  a lista de persoas admitidas publicarase o 19 de xuño polas tres vías indicadas con anterioridade.

Finalmente, a terceira das modalidades de campamento que ofertará a área de Servizos Sociais será a tradicional, que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto, e estarán dirixidos para menores de 8 a 16 anos --dúas para a franxa de 8 a 11 anos, e outras dúas para 12 a 16--. Cada quenda terá unha duración de sete días e haberá 45 prazas por quenda, cun total de 184 prazas, das cales catro --unha por quenda- serán para menores con NEE ou diversidades. O custo por participante e quenda --haberá 12 bolsas-- será de 85 euros, e toda a información sobre esta tipoloxía poderase consultar esta mesma semana no web www.coruna.gal/servizossociais, así como no teléfono gratuíto de atención cidadá 010 ou nos centros cívicos.

Campacoles

Completando a oferta destes campamentos, desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados, a través do Servizo Municipal de Educación, inclúese tamén a posibilidade de participar nos Campacoles, o programa de campamentos escolares que organiza a Federación Provincial de ANPA en colaboración co Concello. A actividade, dirixida a escolares de educación infantil e primaria matriculados nos centros públicos da cidade, abre desde mañá, luns 4, e até o venres 8, o seu prazo de inscrición, e contará cunha reserva do 10% das prazas de cada quenda para nenas e nenos con diversidade funcional. Os Campacoles ofrecerán catro campamentos distintos: Mulleres.gal, do 25 ao 29 de xuño; Non me tires!, do 2 ao 6 de xullo; Así xogaba... así, así, do 9 ao 13 de xullo; e Contando... contos, do 16 ao 20 de xullo. As actividades desenvolveranse en horario de 10.00 a 14.00 horas, e contará coa opción Madrugadores, para entrar ás 08.30 horas, así como coa opción do servizo de comedor, que se ofrece desde as 14.00 até as 15.30 horas.

A cota para participar nos Campacoles --sen contar co servizo de comedor, almorzo ou a modalidade madrugador-- é de 15 euros por quenda, agás para todas as persoas beneficiarias da bolsa comedor para o curso 2017 estarán exentas da cota. Para consultar todas as modalidades dispoñibles así como os prazos previstos, pódese visitar o web municipal www.edu.coruna.es

Xustiza Social abre a semana que vén o prazo de preinscrición nos campamentos municipais de verán