ACTIVIDADES DA ASOCIACIóN VECIñAL AGRA
Actividade veciñal
A Asociación Veciñal da Agra do Orzán, no camiño da valoración e defensa do patrimonio cultural, do proxecto “Facendo país”, convida un ano máis ao ciclo de conferencias e recitais de música e poesía, de entrada libre para toda a veciñanza. Alén das actividades programadas, a asociación veciñal tamén colabora e participa con outras asociacións, ONGs, plataformas cidadás etc. para enfrontarse dende o barrio aos problemas que afectan á veciñanza en diferentes ámbitos.
Dende finais do ano pasado, en colaboración con Médicos do Mundo, ofrece asesoramento sobre o dereito á atención médica universal.
No mes de xaneiro, en colaboración con “Mundo sen guerras e sen violencia”, debateuse sobre a organización barrial Tupac Amaru, que foi quen de se enfrontar á pobreza imposta polo sistema neoliberal: precarización do emprego, dos servizos públicos de sanidade, de ensino, criminalización dos activistas sociais... Sucedía en Jujui hai anos o que hoxe na Galiza; alí, os pobos indíxenas tomaron conciencia da súa forza e unidos no orgullo da súa identidade, no amor á terra e ao herdo, enfrontáronse ás novas formas coloniais mediante o traballo organizado e solidario. Hoxe temos veciñas e veciños da Coruña multados e axuizados por se manifestar contra os desaloxos, contra a troika, cando Raxoi recibiu a Merkel en Compostela para celebrar os obxectivos acadados... Estes días, cando menos, cómprenos colaborar nas campañas de autoinculpación do BNG e na de Stop-Desafiuzamentos.
En colaboración co proxecto Agra Civis, o 5 e o 7 de febreiro, terán lugar no local da asociación veciñal os Encontros sobre o espazo público, unha ocasión para que a veciñanza re-coñeza os espazos do barrio para decidir sobre eles.
En colaboración coa Plataforma Queremos Galego, a asociación veciñal fai o chamamento para participar na manifestación pola lingua convocada para o domingo 8 de febreiro ás 12 h. na Alameda de Santiago de Compostela.
O 24 de febreiro conmemoraremos o nacemento de Rosalía de Castro repartindo uns marcapáxinas das rúas José Baldomir e Andrés Gaos, pois estes persoeiros musicaron poemas dela. A asociación convida á veciñanza a formular propostas para celebrar o Día de Rosalía e participar na convocatoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Cara a marzo, co gallo do día da Muller traballadora, evidénciase a necesaria loita feminista en toda parte: no estado español o PP anda a voltas contra o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo, en Grecia non hai unha soa ministra no goberno de Syriza...
Tamén no mes de marzo terá lugar a asemblea en que elixir unha nova xunta directiva e proporase a reforma dos estatutos para crear unha categoría de socia/o de honra, pois na última asemblea conmemorouse no seu cabodano a Manel Cambón, sindicalista que dedicou os últimos da súa vida ao traballo veciñal e asociativo na Agra do Orzán:
Cambón residiu no noso barrio e coñecía de primeira man a situación urbanística do barrio e as consecuencias do envellecemento urbano e demográfico. Dende o 2005 traballou intensamente: recolleu sinaturas dos diversos sectores implicados (comunidades de propietarios, administradores, asociacións veciñais etc.), quer no Concello quer no Parlamento de Galiza, e conseguiu que a lei do solo incluíra un artigo específico relativo á problemática e a aprobación final dunha ordenanza que recoñecía o dereito das e dos veciños a poder dotar á súa vivenda dun elevador que facilitara o acceso. No seguinte enlace vai a entrevista que se lle fixo no seu día ao conseguir que a Xunta de Galiza incluíra as súas demandas.
http://agradoorzan.blogspot.com.es/2009/02/por-unha-normativa.html
Cambón conseguiu unha ordenanza específica de elevadores e ascensores no Concello da Coruña, unha normativa que regulase a dotación de elevadores e ascensores naquelas vivendas que carecían deles.
Mais a nova lexislación española (Lei 8/2013, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas) impide a expropiación forzosa para a instalación de elevadores, obrigando ao Concello da Coruña a suspender a expropiación de baixos comerciais e vivendas para permitir a instalación de elevadores en edificios sempre cando non houbese outra solución técnica posíbel. Por tanto esta fórmula xa non se pode utilizar para solucionar o problema da falla de espazo para colocar o elevador.
O Concello só podería expropiar para pór elevadores se a súa instalación se encadra nunha actuación de rehabilitación e que dita instalación estea prevista en plans ou delimitación de ámbitos de rehabilitación e ordes de execución.
As vivendas que non poidan instalar ascensores acabarán baleiras ou envellecidas. Os comercios inmediatos verán máis reducida a posible clientela.
Na nosa contorna os promotores que se fixeron coas leiras de Visma verán máis próximo o momento de inciar con edificacións novas o espazo que resta até a Terceira Rolda, o único espazo que unha modificación urbanística valente e sensata podería reservar como zona verde, hortas urbanas, equipamentos dotacionais, que solventase de vez as carencias do barrio da Agra do Orzán.
Que o noso e o barrio máis poboado significa que tamén é o que máis contribuíntes ten nas arcas do concello; sería de esperar algo máis de mimo, mais... dentro duns días inaugurará unha praza que xa non é tal: reducida ao adorno contextual do acceso a un aparcadoiro que aumentará o tráfico da avenida; o concello non quixo facer un túnel na avenida das Cunchiñas e aló foron as árbores de xenerosa sombra que prantara a veciñanza, desaloxadas por un aparcadoiro de xestión privatizada.
Coa política xeral do PP (recortes sociais e laborais, unha economía entregada ao gran capital), o goberno local excusa simular con esmolas o apoio ao pequeno comercio. O mellor premio para os escaparates máis atractivos é que haxa quen os vexa e entre no seu local. Un goberno responsable debería animar ao consumo responsable e sustentable creando as condicións que o posibiliten (políticas, económicas, enerxéticas que favorezan a creación de emprego e salarios dignos, banca pública etc.). Chegará o momento de elixir gobernantes responsables; mentres actuemos dende a responsabilidade e coherencia de cadaquén: merquemos no barrio, sobran as razóns para facelo:
- - A tenda ao pé da nosa casa afórranos ter que trasladarnos en coche ou bus, se é que o hai. Así aforramos tempo, evitamos o estrés do tráfico e temos un comportamento máis ecolóxico.
- - O comercial de barrio é máis accesible, ten oficio e experiencia. Por poñer un caso, podemos consultarlle ao ferreteiro da rúa sobre como facer un pequeno amaño na casa e capaz que nos oriente sen que teñamos que levar unha caixiña de dez parafusos se só necesitamos un e será quen de roscar un ferrancho que nos evite ter que cambiar toda unha pechadura.
- - O comercio con clientela xera tránsito e vida nas rúas, anima a que se abran novos e diversos negocios. Revalorízanse así os locais e as vivendas.
Xa logo celebraremos o entroido e no barrio da Agra atopamos todo o necesario: hai onde mercar as teas e pinturas dos disfraces, orellas e filloas, fariña, ovos e carne, licores e viño, hai onde celebrar os xantares de empresa ou das comparsas. É unha ocasión para que o comercio local marque a diferencia sen moito esforzo, porque é doado satisfacer a demanda do entroido máis popular. Unha festa na que, por tradición, permítese criticar os abusos.
Supoñemos que non axuizarán choqueir@s... daquela, serán días para dar cabo ao porco!