O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, comprobaron hoxe o estado dos traballo
O Concello abrirá o vindeiro luns o aparcadoiro da contorna do centro Ágora, que dará servizo a 246 vehículos
O Concello abrirá o vindeiro luns o aparcamento da parcela adxacente á rúa Alcalde Jaime Hervada, na contorna do centro Ágora, tras os traballos desenvolvidos durante as últimas seis semanas nos terreos, que xa funcionaban de xeito informal como aparcadoiro, para acondicionalos e que poidan ser utilizados pola veciñanza.
Xulio Ferreiro e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, acudiron na mañá deste venres ata o novo espazo para comprobar o estado das obras, practicamente rematadas, e que dotan a superficie de 246 prazas de estacionamento. "Trátase dunha obra que exemplifica ben os criterios que o Goberno local quere aplicar nas intervencións urbanas, actuacións que teñan o máximo impacto e o maior beneficio posible sobre o barrio cun orzamento axustado, atacando necesidades reais da veciñanza, do mesmo xeito que seguiremos facendo no resto de barrios da cidade", sinala Varela, quen lembra que os traballos nesta parcela "obedecen ao obxetivo de dotar de aparcamento ao barrio e a un dos grandes equipamentos da cidade".
Tal e como destaca o responsable de Rexeneración Urbana, esta obra "responde a unha necesidade histórica" da zona e foi desenvolvida tras varios contactos coas asociacións veciñais da contorna, cun investimento de 122.364,08 euros, para mellorar o estado do terreo. A actuación, que facilitará o uso da parcela mentres non se urbanice a zona, consistiu en mellorar a superficie e poñer en orde o estacionamento e, para iso, fixéronse desaparecer as fochas do terreo e cubriuse o firme de zahorra cunha mestura de cemento. Tamén se executaron os canais de desaugadoiro, que serven ademais para poñer en orde os estacionamentos, e acondicionáronse os camiños peonís para facilitar o acceso ao centro Ágora e reforzar a seguridade dos e das viandantes. Os traballos incluíron un aumento dos accesos para vehículos e un reforzo do alumeado, ademais da execución da rede de pluviais, e contemplaron o acondicionamento e incorporación ao renovado espazo dun achado arqueolóxico como é unha parte da antiga traída de auga da cidade, a 'Viaxe de Visma', que data do século XVIII.